| Presenza-Opinión |
||
| A ofensiva da dereita italiana Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 17/02/2006) |
||
|
Nembargantes, a dereita parece gañala primeira batalla nesta loita preelectoral a raíz dunha agresiva e ambiciosa ofensiva de presenza nas rúas e nos medios de comunicación, amplamente dominados polos seus grupos de poder. O número de cartaces e de fachadas manchadas polo fetichismo electoral da dereita berlusconiana do partido Forza Italia é, con moito, superior á presenza de calquera outro partido en Roma e en moitas outras cidades. O castigo sufrido polos partidos da coalición da Casa das Liberdades tanto nas eleccións ó parlamento europeo como nas eleccións locais e rexionais, deixou un pouso de autocrítica e de desencontro que parecía levar á unión de centro-dereita cara ruptura, a atomización en pequenos partidos centristas e da dereita, e á loita polo liderado dentro dun abano de posibilidades ideoloxicamente heteroxéneo dentro da coalición da Casa das Liberdades. Pero lonxe da ruptura da entente centro-dereitista, o medo a perderen a “maggioranza” sobre a que se sostén o seu goberno, clarificou unha nova estratexia de entendemento e de renovación da súa oferta electoral onde conviven os centristas, a dereita máis dura, e por se fora pouco e diante da posibilidade da derrota, chegaron os contactos cos neofascistas de Alternativa social, na que milita Alessandra Mussolini, descendente do afamado ditador, Roberto Fiore, acusado de pertenza a banda armada e asociación subversiva que permaneceu dez anos agochado en Londres e que actualmente é o secretario de Forza Nova, sen esquecernos de Adriano Tilgher, líder da Fronte Social Nacional, condenado en 1975 por resucitar o partido fascista. Nas rúas de Roma, os lugares máis emblemáticos como a Piazza Navonna, ou Via Cavour, ou a Piazza de Venezzia, están decoradas con fotos xigantes de Berlusconi, ou ben de pequenas pancartas de Cassini, anunciando o holocausto que provocará a chegada da esquerda se algún día alcanza o poder, e dende a prensa fálase constantemente do “Tridente”: Berlusconi (Forza Italia), Fini (Alianza Nacional), Cassini ( UDC ), fronte ó candidato da coalición unionista do centroesquerda, Romano Prodi, que pretende dar a coñecer un programa de 280 páxinas do que se mofan os conservadores. A Casa das Liberdades, pola contra quere concretar un sinxelo programa en base a dez puntos, que se encargarán de forxar nesta semana. Desta maneira, unha vez resolto o problema do liderado da coalición, despois de axustar as contas cos centristas de Follini e Cassini, e cun Berlusconi protagonista que é agora alcumado o “pequeno Mussolini”, recuperáronse os folgos para retomar a campaña con forza. Berlusconi, parece ter consolidado o seu posto, a base a comparacións esperpénticas e aparentemente absurdas de si mesmo con Napoleón, Churchill ou Xesucristo. Por outra parte, os centristas de Follini e Cassini (UDC), que en principio non quixeron reeditar o que na Casa das Liberdades se alcumou o “contrato cos italianos”, unha estratexia conxunta dos partidos da coalición de cara ás eleccións como se levara a cabo en 2001, obrigan ós partidos do centro dereita presentarse ás eleccións por separado, o que en principio parece levar á división e dispersión das forzas pero que non obstante, crea paradoxicamente a impresión de estaren máis unidos que nunca, en función de propoñer opcións similares mentres que os partidos da esquerda se afunden nas discusións internas. A UDC vai finalmente entrar nas escenificacións conxuntas e para aparecer nas fotos en grupo cos outros lideres de partidos da dereita, e nos medios xa se deixan percibir as fotos de Berlusconi, Fini e Cassini, que foron bautizados co nome de “o Tridente”. Outro pé da estratexia centro dereitista da Casa das Liberdades, consiste en atacar o voto indeciso que nas eleccións do 2001, lle deu avantaxe á CdL. Para iso, xogan un rol fundamental a televisión local e os típicos sms dos teléfonos móbiles. A Lei 313 de 2002, prohíbelle a Berlusconi as incursións na RAI e nas televisións privadas que agudizan aínda máis a presenza do que ate o de agora fora primeiro ministro italiano. Berlusconi, consegue así unha alternativa mediatica para afondar máis na persuasión dos italianos mías apáticos, e agora que conseguiu orientar a propia coalición, sostén que nesta semana acabará desta maneira a parte defensiva da súa comunicación, co que é previsible que nos sorprenda con algunha das súas saídas de ton, nos vindeiros días, que provocan tantas paixóns coma risas. Aparentemente unha enquisa americana reduce a avantaxe entre os dous bandos da esquerda e da dereita, e unha nova enquisa feita en Italia, e que está a punto de saír parece corroborar a tendencia do voto cara o equilibrio de forzas. Mentres a dereita explota ó máximo os seus recursos, a esquerda confúndese en se o tren de alta velocidade é ou non unha prioridade, no apoio ou na condena ós ataques que a guerrilla iraquí fai ós seus propios soldados, e afúndese nos anuncios e nas promesas que parecen conter as 280 páxinas do programa electoral que uns farragosos e insulsos cartaces anuncian nalgunhas esquinas perdidas das cidades. Un exiliado cubano, bo coñecedor da política italiana e adobiado dunha ollada crítica do que para el é a política dun país alleo, reveloume o novo alcume co que ó parecer se coñece a Romano Prodi debido a falla de contundencia á hora de impoñerse dentro da propia coalición:“mortadela”. Esperemos que a pólvora da esquerda non estea mollada. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/02/2006 |