| Presenza-Opinión |
||||
| A Constitución Europea, a medio gas Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 28/04/2006) |
||||
|
Ó mesmo tempo, nunha conferencia de dous días en Austria, o chanceler austríaco, Wolfgang Schüssel, resucita o vello debate da lexitimidade das institucións europeas, e do rol que os estados e as rexións deben xogar na configuración do proxecto político do continente. Cada institución debe examinar que tarefa desempeña mellor para distribuír dun xeito coherente o poder político da Europa Unida, e evitar o indesexable centralismo. “Necesitamos rexións máis fortes, e un poder local que as contrapese” afirma Schüssel nun evocativo estilo federalista alemán. Insolitamente, é un estado pequeno e euroescéptico quen pide reiniciar un novo chanzo da construción europea, e un xefe de estado reivindica máis poder para as rexións e autoridades locais. O mundo ó revés. Pero detrás destas primeiras manifestacións que pretenden abrir de novo o debate sobre Europa, aparecen unhas realidades que teñen que ver coas limitacións e necesidades dos estados membros e do calendario das presidencias europeas. Alemaña quere na primeira metade do 2007, darlle un impulso a través da quenda rotatoria da presidencia europea, á Constitución Europea. Para iso, emprendeu unha serie de reformas internas, no ámbito da acción exterior, entrando a debater as competencias dos länders. Merkel non desexa interferencias cando se trata do dialogo entre estados. Sobre todo, cando se van abordar temas da máxima importancia estratéxica como os asuntos enerxéticos. A proba de que isto vai en serio é que Merkel definirá as prioridades da presidencia alemana de 2007, nunha declaración gobernamental que se fará pública o día 11 de maio de 2006. Pero antes, é necesario que algúns estados satélite lancen as prioridades á escena, e que estas semellen unha urxencia común de todos os estados, non só dos alemáns. No tinteiro encóntranse: a política enerxética, onde a estratexia enerxética antinuclear ten os días contados, rachando así coa práctica verde-vermella que viña sendo a tónica dominante dos anteriores gobernos de verdes e socialdemócratas. As relacións coas rexións do Cáucaso, que veñen vencelladas coa prioridade anterior en función da dependencia europea das enerxías fósiles, será outra das máximas imposta polos xermanos na axenda de prioridades europeas, onde Merkel, que é menos renuente que o seu antecesor a interferir na zona de influencia Rusa, pretende así estender a influencia teutoa e por tanto, Europea, ó Cáucaso, nunha nova forma de “Ostpolitik”. E obviamente, non se vai abandonar a frialdade con Turquía. E, quizais, se propoña polo momento, unha unión comercial estratéxica entre a UE e diversos países, entre os que se encontran, Albania, Bosnia, Ucraína e Bielorrusia. Para algúns líderes europeos é o momento de consolidar e non de ampliar. Mais para todo isto, compre avanzar, e tras do fracaso dos referendos en dous países, imponse a necesidade de darlle solución a este pequeno trastorno da Constitución Europea. Alemaña, sendo un dos grandes estados, é observada con potencial de solución para calquera dificultade, ou de darlle o necesario impulso evitando os bloqueos do debate. No entanto, o tempo esgótase pois o escepticismo invade tamén ó electorado xermano, e o feito de que as eleccións presidenciais francesas coincidan co fin da etapa de reinado teutón en Europa en xuño do 2007, complica a implicación dun dos máximos aliados na construción europea. |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 03/05/2006 |