| Presencia-Opinión |
||||
| A autonomía galega e a boa resposta á inmigración Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 02/10/2006) |
||||
|
O inmigrante ten que adaptarse á sociedade galega, pero a sociedade galega debe facer tamén un esforzo nesa dirección. Nese senso, a presenza das institucións autonómicas debe ser manifesta, implicándose profundamente para presentar como válida a alternativa identitaria galega ós novos galeg@s chegados de fora das nosas fronteiras, máxime, tendo en conta a dificultade engadida de ser unha cultura sen estado en senso estrito. O punto final e o obxectivo das estratexias encamiñadas a facilitar as condicións chegada dos fluídos migratorios a Galiza, é que o inmigrante chegue a considerar Galiza como o seu propio país. Para poder acadar esta finalidade, pódense adoptar distintas estratexias todas elas máis ou menos ensaiadas e con diferentes premisas e resultados. O modelo do “ius sanguis”, aquel que busca a pureza da propia demografía, non pode ser considerado como un modelo en senso estrito, pois escapa necesariamente deste obxecto integrador e nunca permite a acollida de colectivos alleos ás propias fronteiras. Unha segunda alternativa, é o modelo asimilacionista francés, que é o que máis se achega tanto ó anterior esquema (non tanto por buscar a pureza de sangue pero sí da cultura e dos propios valores), como ó que veu sendo a estratexia a seguir ate o de agora polo estado español, e pretende a homoxenización en base a criterios morais de igualdade, e impondo valores, formas de conduta e comportamentos comúns e aceptables en función dun ente imaginariamente superior a todo e a todos, e que xustifica calquera decisión represora neste sentido (a República, a unidade de España, etc). Outro dos modelos posibles sería o modelo “cosmopolita”, que favorecido pola globalización non presenta ningúnha sensibilidade e respecto polas realidades nacionais. E en función do marco capitalista, e das leis do mercado esmaga calquera realidade específica simplemente marxinándoa. Finalmente, débese propoñer un modelo de mesturas multiculturais en cernes, que partindo das características particulares e do intercambio, proxecte vínculos identitarios comúns. Este é un modelo sen acabar de explorar e que presenta novas oportunidades, sobre todo para aquelas culturas pouco temerarias ou como é no noso caso, con pouco que perder. É unha visión integradora en positivo que supera a aproximación problemática que ate o de agora se veu vendendo da inmigración, unha inmigración baseada en estereotipos e clichés que dende sempre xirou en torno á ignorancia e ó descoñecemento mutuo. É imprescindible potenciar políticas de convivencia e de encontro, facilitando o coñecemento e o respecto mutuo entre os achegados e a sociedade de acollida. Co que ven sendo imprescindible a implicación de tódalas institucións publicas e privadas, e a boa vontade e o compromiso individual para vencer as reticencias. Será necesario que os galegos aprendamos a recoñecer a inmigración en xeral, e non só apreciar aquela chegada de Sudamérica por ter vínculos propios, como un valor engadido a aquilo que nós podemos aportar ao mundo. E dese recoñecemento, nacerá unha profunda identificación dos nov@s chegad@s coa nosa cultura autóctona contribuíndo a fortalecela. Os medios de comunicación van xogar un importante rol neste senso, pois axudan a favorecer os imaxinarios colectivos e instrúen de forma case inmediata nas prácticas que son aceptables ou desprezables. A presión sobre o maltrato de xénero, ou a creación dunha conciencia de loita contra o lume, son acaso os exemplos máis inmediatos que se nos poden achegar á mente. A finalidade é por tanto tecer unha rede de intercomunicación entre tódolos habitantes da Galiza para que o marco da autonomía sexa un referente para a construción dun país distinto, que cos seus propios signos de identidade se reafirme na modernidade globalizadora. |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 01/10/2006 |
||||
|