| Presencia-Opinión / Estados Unidos |
||||||||
| Pode que algo se mova Por Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 12/10/2006) |
||||||||
|
Percíbense movementos ben dispares: arredor dun 53 por 100 da sociedade quere que gañen os demócratas as eleccións do mes que vén. E, ademais, o apoio que a sociedade dispensa a Bush, que veu baixando dende hai meses, non pasa do trinta e tres por cento, o máis baixo, dísenos, que obtivo ningún outro presidente. E, á par, foros, comunicados, anuncios pagados nos medios, alertan de que a democracia está en perigo. Para o pasado día 5 deste mes foron convocadas manifestacións en máis de 175 cidades baixo o lema: “O mundo non pode esperar; fóra o réxime de Bush”, en protesta polas políticas criminais deste e pedindo tamén a súa destitución. “Se perdemos esta loita, perderemos a democracia” –dixo Bill Goodman, director legal do Centro de Dereitos Constitucionais. “Bush e compañía –engadiu– están dispostos a destruír a nosa Constitución e a nosa Carta de Dereitos; non podemos permitir que o consigan”. Os intelectuais máis prestixiosos do país manifestáronse contra a política do presidente coa finalidade expresa de “sacar a Bush do poder”. “O silencio e o parálise –din– non son aceptables... o desastroso decorrer deste réxime de Bush ten que ser detido. E temos que asumir a responsabilidade para facelo”. A urxencia está presente en todas as mensaxes. A actriz Olympia Dukakis, por exemplo, nun manifesto que subscriben as xentes máis diversas, di: “Temos que actuar agora; o futuro está en xogo”. Confiamos que o Partido Demócrata, que consentiu e foi cómplice da política neonazi de Bush, e sabendo que unha porcentaxe moi significativa da sociedade quere que volvan ao poder, faga agora verdadeira oposición, que saiba recoller o espírito dese movemento que parece estar agromando no país a prol dos valores democráticos e o libere da ameza fascista, unha ameza real e non retórica, que supón Bush e o seus adláteres –para o seu país e para o mundo. |
||||||||
|
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/10/2006 |
||||||||
|
||||||||