| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Al-Zarqaui non existe Por Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 08/06/2006) |
||||||||
|
Moitos pensan que al-Zarqaui está morto. Os seus familiares fixénrolle as correspondentes honras fúnebres. E hai serias dúbidas de que se lle poidan apoñer, debido a certas limitacións físicas, os feitos novelescos ou disparatados que se lle veñen atribuíndo. En resume: sería un invento do Pentágono para xustificar aos carniceiros dos escuadróns da morte que, con asesoramento dos invasores e ao abeiro do Ministerio do Interior, están esnaquizando o país. As cousas complícanse, ademais, se pensamos –e disto si que non hai dúbida– que Iran está infiltrado nos servizos iraquís de intelixencia, ou nas actividades de comandos, á parte do control que ten das prisións, dez delas polo menos. E que aos EEUU non lle parece mal, por canto uns e outros teñen un mesmo obxectivo: acabar coa oposición sunita, verdadeiro quebracabezas para os dous, aínda que por motivos distintos. Non hai dúbida de que Irán é o principal beneficiado desta barbarie, ou polo menos un máis. E tampouco de que esa actividade convén moito aos EEUU. Por iso nada ten de estraño que teñan chegado a un entendemento. O que explicaría tamén a absoluta impunidade das carniceiras milicias Badr, que instauraron un réxime de terror pode que superior ao traído polo invasores antes de que esas milicias, en realidade escuadróns da morte, empezasen a actuar. Hai analistas que pensan que as bombas que están matando a tantos civís iraquís poden estar postas por axentes da intelixencia británica ou estadounidense –e ao mellor iraniana– máis ben que por al-Zaqaui. A proba chegou, din, coa detención de dous axentes británicos que foron presos cando colocaban explosivos nunha rúa de Basora: a ocupación non estaría lonxe de moitas operacións cuxo obxectivo é provocar a sedición e a desorde, o que daría xustificación aos ocupantes para permanecer no Iraq todo o tempo que lles pete (Mike Whitney). |
||||||||
|
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/06/2006 |
||||||||
|
||||||||