| Presenza-Opinión |
||||||||
| Ucraína: laranxa espremida Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 15/08/2006) |
||||||||
|
Unha análise preliminar deste pacto considera o marcado nivel de racionalidade política dos dous principais líderes do país. A visión prooccidental de Iuschenko contrastaba coa orientación prorrusa de Ianoukovich, o seu rival electoral nas tensas eleccións presidenciais do 2004. Neste sentido, o acordo simboliza un esforzo de alto nivel por conciliar ambas visións que fracturan a Ucraína, no senso de nivelar unha necesaria balanza de poder. Resulta evidente que a principal figura política afectada por esta movida no poder é Iulia Timoshenko, foi a activa ex aliada de Iuschenko nos turbulentos días da “revolución laranxa” e posterior opositora do presidente na crise política iniciada cando se instalaran no poder. A caída de Timoshenko no cargo de primeira ministra en setembro de 2005 e a contundente vitoria electoral de Inaoukovich nas eleccións lexislativas de 2006, condicionan agora a potencialidade política de Timoshenko a mediano prazo. Isto tamén complica ao atribulado presidente Iuschenko, quen perde a unha das súas principais colaboradoras e, probablemente, a boa parte do sector social que apoiou o proceso de cambio e que actualmente atópase desencantado. Consecuentemente, son Ianoukovich e o presidente ruso Vladímir Putin os principais beneficiados con esta nova reestruturación gobernamental. O anuncio de Ianoukovich de viaxar a Moscova e non a Washington como o seu primeiro destino exterior evidencia que o eixe prorruso afortálase dentro da política ucraína. Tanto Iuschenko como Ianoukovich simbolizan persoalmente a división xeopolítica de Ucraína. O occidente do país apoia ao presidente e a súa visión de ingresar ao país na OTAN e a UE. Pola súa banda, Ianoukovich basea a súa fortaleza no Leste do país, vinculado á poboación étnica rusa. Un goberno de Iuschenko como presidente e Ianoukovich como primeiro ministro tería como finalidade conciliar ambas visións e intereses nun momento en que a unidade territorial ucraína encóntrase con preocupantes presións internas. Neste senso, a provincia de Crimea constitúe un reto engadido á división occidente-oriente que actualmente se observa en Ucraína. A masiva protesta popular polos exercicios militares ucraíno-estadounidenses a comezos de xullo espallou estas tensións territoriais nunha rexión anteriormente reclamada por Rusia e que o goberno central en Kiev intenta conciliar coas súas demandas autonomistas. Polo tanto, o ingreso de Ucraína na OTAN significará o principal pulso político da nova concentración de poder en Kiev. Esta decisión someterase a referendo popular, aínda sen data precisa, tal e como se estipulou no pacto político entre ambos. Obviamente, Iuschenko impulsa o ingreso nesta estrutura militar atlántica mentres Ianoukovich intenta nivelar esta visión, auspiciado polos temores de Putin de que a estratéxica Ucraína ingrese nunha OTAN, que chegaría ata as propias fronteiras rusas. Outro factor é o enerxético. Ucraína é un paso territorial de gasodutos e oleodutos dende o mar Caspio cara Europa occidental, polo que exercer influencia neste país supón un interese apetecido tanto por Moscova como polas multinacionais petroleiras. A crise enerxética de xaneiro de 2006 entre Kiev e Moscova, co curte do subministro por parte de Putin como arma política, evidenciou esa dependencia ucraína do gas ruso. Con Ianoukovich como primeiro ministro, Ucraína pode remodelar esta relación enerxética con Rusia, principalmente de cara ao próximo inverno. Aínda que é prematuro prognosticar canto durará o goberno Iuschenko-Ianoukovich, o mesmo significa unha variación abrupta no futuro da “revolución laranxa” triunfante no 2004 e erosionada no 2005-2006. No 2009 haberán eleccións presidenciais. Tanto Iuschenko como Ianoukovich teñen aínda máis de dous anos para afinar a súas estratexias. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/08/2006 |
||||||||
|
||||||||