Presencia-Opinión / OutrosVolver a TitularesVolver a Presenza/Outros
De Osetia a Kosovo
Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 17/11/2006)
 
 

  Vladímir Putin e Mikhail Saakashvili, clic para aumentar
O pro-occidental Saakashvili busca afastar a influencia rusa no Cáucaso e integrar a Xeorxia na OTAN e a UE. O seu país posúe unha vital importancia estratéxica para europeos e estadounidenses debido ao paso dunha rede de oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio ata Europa occidental, mecanismo que irrita a Moscova. As recentes tensións por corte de subministro e encarecemento de gas ruso a Xeorxia confirman esas poxas por espazos de poder. (Foto: O presidente ruso Vladímir Putin, esquerda, saúda ao mandatario xeorxiano Mikhail Saakashvili durante unha conferencia en San Petersburgo en xuño de 2005).
 
Existe unha clara ambigüidade en Europa occidental sobre o seu tratamento cara os conflitos separatistas territoriais, principalmente nos espazos balcánico e euroasiático. Dous exemplos son Osetia do Sur e Kosovo, escenarios que implican unha complexa rede de demandas autonomistas, polémicos mecanismos e imperativos xeopolíticos, e afondan unha sensación de contradición e confusión.

O domingo 12 de novembro, un impresionante 99% dos osetios do sur aprobaron nun referendo a súa separación territorial de Xeorxia, un sólido aliado occidental desde que no 2003, a cualificada “revolución das rosas” levara ao poder ao seu actual presidente Mikhail Saakashvili.

O pro-occidental Saakashvili busca afastar a influencia rusa no Cáucaso e integrar a Xeorxia na OTAN e a UE. O seu país posúe unha vital importancia estratéxica para europeos e estadounidenses debido ao paso dunha rede de oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio ata Europa occidental, mecanismo que irrita a Moscova. As recentes tensións por corte de subministro e encarecemento de gas ruso a Xeorxia confirman esas poxas por espazos de poder.

O referendo osetio foi terminantemente rexeitado en Bruxelas, na OTAN e na OSCE por considerar que non tiña validez legal. Non obstante, foi ben recibido en Moscova, que posúe tropas e cidadáns rusos neste territorio. Os 14.000 xeorxianos que habitan en Osetia do Sur non puideron exercer o seu voto salvo que, a diferenza dos osetios, puideran presentar o seu pasaporte ruso.

Esta polaridade de opinións ocorre dentro dunha conxuntura clave nas relacións entre a UE e Rusia, principalmente en materia enerxética, de cara o próximo cumio conxunto do 24 de novembro. Rusia intenta asegurar o mercado europeo, constituíndose no seu principal provedor enerxético. Pero en Bruxelas e Washington comezan a dubidar sobre os verdadeiros intereses rusos.

Un cálculo diferente realizan Bruxelas e Washington en Kosovo. O 29 de outubro, os serbios aprobaron nun referendo a súa “inviolable soberanía” sobre Kosovo, votación inmediatamente denunciada e rexeitada na UE, en EEUU, a OTAN, a OSCE e Albania, así como entre os albano-kosovares.

A conxuntura é delicada dentro de Kosovo e entre Serbia e a UE, ante os continuos retrasos na adopción dun estatuto definitivo para Kosovo que afondan o fracaso da misión da ONU liderada polo finlandés Martii Ahttisaari. Este estatuto debía estar listo para finais de 2006 pero probablemente non será aprobado ata marzo de 2007, cando esta aprobación confirme os desexos occidentais por ver a un Kosovo independente.

Este apoio europeo e estadounidense á independencia de Kosovo está irritando a unha Serbia que se considera illada e acosada polas potencias occidentais. Pero os retrasos no estatuto tamén afondan a frustración e as molestias entre uns albano-kosovares que ansían unha independencia total dentro dun estatuto que non soluciona os problemas de segregación étnica, relixiosa, cultural e nacional de diversas minorías nin é capaz de garantir un goberno de consenso.

Tanto en Osetia como en Kosovo, a clave semella pasar por Moscova. Oficialmente, Rusia, membro do Grupo de Contacto sobre Kosovo que inclúe a Alemaña, EEUU, Italia, Francia e Gran Bretaña, oponse ao estatuto de independencia para Kosovo, confirmando o seu tradicional apoio a Serbia.

Non obstante, a realpolitik pode obrigar ao Kremlin a un audaz cambio de actitude: recoñecer a independencia de Kosovo a cambio da non intromisión occidental no Cáucaso, especialmente nos casos de existencias de minorías rusas e outras nacionais pro-rusas en Osetia do Sur e Abxazia co respecto a Xeorxia e na Transniestra co respecto a Moldavia, ou no conflito en Chechenia.

En Osetia e en Kosovo, no Cáucaso e nos Balcáns, confírmase que as varas de medir son diferentes para Occidente e Rusia, máis interesados nas cotas de poder xeopolítico que nas pautas de negociación dos separatismos, os conflitos territoriais e as demandas autonomistas. A crise pode espetar en calquera momento.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta