Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
As dúas Bolivias de Evo
Por Roberto Mansilla (Vieiros, 06/07/2006)
 
 

  Evo Morales, clic para aumentar
Evo e o seu goberno navegan entre dúas augas: a do reformismo constitucional para garantir os dereitos sociais e a da descentralización territorial. É por iso que, na súa lexítima intención de “refundar Bolivia”, Evo pode confrontarse cun escenario de consecuenciasimprevistas. (Foto: Evo Morales acude a votar á cidade Villa 14 de Setiembre, na rexión de Chapareé, o 2 de xullo de 2006, día do referendo para a formación dunha Asemblea Constituínte).
 
A maioría dos bolivianos, en total tres millóns e medio de habitantes, apoiaron o pasado domingo, vía referendo, o proxecto do seu presidente Evo Morales para a formación dunha Asemblea Constituínte que permita reformar a estrutura política, lexislativa e administrativa boliviana.

Simultaneamente, mentres se celebraba este referendo, outra consulta popular, esta vez na rexión de Santa Cruz, formulaba a opción pola autonomía territorial, pulsada polas elites económicas dunha rexión rica en recursos petroleiros, gasíferos e hidráulicos. Nesta ocasión, a maior parte dos habitantes deste departamento votaron a favor da descentralización territorial.

Este escenario reflicte dúas vías dentro da Bolivia de Evo Morales. Por unha banda, o presidente indixenista consolida a súa proposta política e o seu liderazgo nacional, a traveso da contundente maioría popular outorgada para a reforma do Estado boliviano.

Cos ecos aínda frescos pola medida de nacionalización dos recursos enerxéticos bolivianos, Morales e o seu partido Movemento ao Socialismo, MAS, conservan o apoio popular a súa afirmación na defensa dos dereitos laborais e indixenistas na conformación dunha eventual nova Constitución nacional.

Pero o reto presentado polo referendo en Santa Cruz obrigará a unha posible puxa entre a capital, A Paz, e este departamento territorial, sobre as competencias de soberanía nunha rexión clave para o desenvolvemento económico nacional. Esta puxa xa tivo a súa primeira baixa política: o comisario de Policía de Santa Cruz, destituído a consecuencia dunha agresión provocada por diversos grupos afíns ao movemento autonomista contra a central obreira local.

Esta destitución pode encerrar as claves dunha forte presión política e a loita polas competencias entre o goberno e os departamentos que votaron polo SÍ. En Santa Cruz, a derrota de Evo tamén obrigará a unha reformulación política entre o partido gobernante, o movemento autonomista Comité Pro Santa Cruz, liderado por Germán Antelo, e outros movementos e grupos sociais.

Todo isto conforma un escenario turbulento para Evo Morales nos próximos meses e que terá no Congreso Nacional e a futura Asemblea Constituínte aos seus dos principais centros de discusión. Polo tanto, Evo e o seu goberno navegan entre dúas augas: a do reformismo constitucional para garantir os dereitos sociais e a da descentralización territorial.

Obviamente, a situación boliviana reflicte de gran interese rexional e hemisférico, tomando en conta os intereses económicos e políticos de países involucrados como Brasil, Venezuela, EEUU, Arxentina e Cuba. Aínda está presente a fricción entre Evo e o mandatario brasileiro Lula da Silva polo recente decreto de nacionalización. É por iso que, na súa lexítima intención de “refundar Bolivia”, Evo pode confrontarse cun escenario de consecuencias imprevistas.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta