| Presenza-Opinión |
||||||||
| Radio Oaxaca Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, Rebelión, 05/11/2006) |
||||||||
|
Millerios de oaxaqueños marchan entre lacrimóxenos e tanquetas cara a sede da RaU, antes Radio Plantón, a destruída emisora deses mestres que o Estado quixo desaloxar do Zócalo o 14 de xuño. Unha chispa que fixo estoupar a revolta popular que hogano mantén Oaxaca en estado de sitio. Unha ducia de mortos –entre eles un xornalista de Indymedia–, moitos desaparecidos, detidos trasladados ao aeroporto –o Cóndor pasa– e milleiros de “cateos” nas casas constitúen o novo saldo de morte e represión do incapaz goberno neoliberal de Fox. Tamén a sanguenta herdanza que vai recibir Felipe Calderón, o mudiño, que tomará o poder –palabra acaída– nun mes, entre máis que fundadas sospeitas de fraude e co país de novo fracturado polo sur, polas terras dos xixtecos, zapotecos, chatinos e chinantecos. Pobos orixinarios, pobres, esnaquizados polo libre comercio, pero orgullosos. Ás 8 da mañá da miserenta e paradoxalmente turística Oaxaca os paramilitares do despótico gobernador Ulises Ruiz Ortiz (URO) e a Policía Federal Preventiva que Fox enviou para aplastar a revolución popular pacífica, violan a autonomía universitaria e entran no campus. Disparan contra a RaU. Mais recúan ante o pobo, que defende a única voz que fuxiu da opresión. Século XXI. Na nosa vergoñenta prensa tradicional as xustas reclamacións da APPO, porque xustos os laídos dos pobos, non terán espazo. As axencias falarán de sublevados. Porén, eles só piden que marche URO, o tirano, e que volva a orde, pero non a da submisión que queren Fox e os priístas, senón a que ten forma de xustiza social. Todo o poder para o pobo. Oaxaca non está soa. Oaxaca, o conflito, por Carlos Plasencia. Páxina oficial da APPO (Asemblea
Popular dos Pobos de Oaxaca). |
||||||||
|
Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/11/2006 |
||||||||
|
||||||||