Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
México: parece evidente
Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, altermundo.org, 03/09/2006)
 
 

  Seguidores de López Obrador na Praza Zocalo da cidade de México, clic para aumentar
E agora parece evidente, que o único camiño posíbel é o abandono da vía política tradicional, acotío sinónimo de corrupción e ineficacia, e a procura desas outras alternativas que algún encarapuchado de pipa en boca propugna dende as montañas do surleste mexicano dende hai unha chea de anos. Que outra cousa se non é esa proposta de AMLO de convocar unha Convención Nacional Democrática para o vindeiro día 16 se os sete xuíces do TEPXF ratifican a escura vitoria de Calderón? (Foto: Seguidores de Andrés Manuel López Obrador na Praza Zocalo, na cidade de México, o 27 de agosto de 2006).
 
Parece evidente que logo de que o Tribunal Electoral do Poder Xudicial da Federación de México –TEPXF– rexeitase, non na súa totalidade pero si no posíbel troco de resultados, as demandas sobre a suposta fraude nas presidenciais mexicanas do 2 de xullo, os milleiros, se cadra millóns, de seguidores que apoian dende hai dous meses nas rúas ao candidato do PRD e líder da coalición “polo ben de todos”, Andrés Manuel López Obrador –coñecido como AMLO–, deberían pensar na retirada para que o país non vaia cara unha desfeita que podería derivar nun enfrontamento civil.

Parece evidente que AMLO nunca ía chegar a dirixir dende a esquerda –eso si, moderada– un país tan vencellado económica e territorialmente aos Estados Unidos. Unha cousa é Chile ou Uruguai e outra a gran leira dos “lombos mollados”, eses ilegais que manteñen boa parte da economía da costa oeste ianqui. Agora semella que o daquel desaforo de abril de 2005, freado tamén por mobilizacións populares, co que intentaron eliminar ao líder tabasqueño dunha carreira case gañada si era, como dixera o subcomandante Marcos, un golpe de estado preventivo. E se cadra as acusacións de enquisas manipuladas que fixeron medrar as posibilidades de Felipe Calderón como a escuma cando a vantaxe de AMLO era un feito foron máis que simples sospeitas.

Máis evidente parece o da fraude, ben documentada por non poucos vídeos difundidos polo xornal La Jornada. Vaia, que a cousa foi masiva, pois doutro xeito non se explica a negativa do TEPXF a revisar a totalidade dos votos –“voto por voto, casilla por casilla!”– e que de só o 9% recontado se anulen ata 81.000 votos a Calderón e case 77.000 a AMLO. Houbo demasiados sobres abertos, no 43% de “casetas” revisadas a suma de sufraxios emitidos e de “boletas” non cadra, os tarxetóns de miles de cidadáns esvaecéronse maxicamente, os datos informáticos de binarios tiveron máis ben pouco e o “taqueo”, é dicir, o recheo de urnas con votos falsos como quen enche de feixóns un taco, foi tan común como a ausencia de informacións ao respecto na TV Azteca e Televisa.

Parece evidente que a alguén non lle interesan ren os que cuestionan o desigual Tratado de Libre Comercio de América do Norte –NAFTA– cos imperialistas de enriba, a política inmigratoria de Washington e a ínfima inversión pública en educación e sanidade, especialmente entre a maioritaria poboación indíxena do país, sobre todo nos estados do sur.

Parece evidente que hai a quen lle amola que xurda un goberno cuxo obxectivo sexa a loita contra esa pobreza na que vive o 50% do pobo mexicano, o combate contra a corrupción endémica, a resolución do conflito de Chiapas ou o enfrontamento dos oaxaqueños con ese Ulises Ruíz que ten de demócrata o que Bush de pacifista.

Parece evidente que toda a maquinaria do estado, dirixida por Vicente Fox –con Calderón de monicreque?– e os grandes medios encabezados por Televisa e o Financial Times, prepara xa a chegada do novo garante das políticas neoliberais á residencia de Los Pinos e, coma non, o sometemento –pode que coa mesma “delicadeza” que en Atenco e Oaxaca– da vontade popular. Hogano xa non importa quen votou e a quen votou, pois dende arriba xa o teñen todo arranxado.

E agora parece evidente, que o único camiño posíbel é o abandono da vía política tradicional, acotío sinónimo de corrupción e ineficacia, e a procura desas outras alternativas que algún encarapuchado de pipa en boca propugna dende as montañas do surleste mexicano dende hai unha chea de anos. Que outra cousa se non é esa proposta de AMLO de convocar unha Convención Nacional Democrática para o vindeiro día 16 se os sete xuíces do TEPXF ratifican a escura vitoria de Calderón?

Parece evidente que ese goberno da República paralelo do que agora falan os da vilipendiada esquerda, esa resistencia civil pacífica mentres dure “a imposición”, esa alternativa social que disque vai traballar pola defensa dos pobres e combater a desigualdade, pola educación pública e a seguridade social, polo patrimonio da nación impedindo a privatización de petroleiras e eléctricas e pola conservación dos recursos naturais, non está tan lonxe das metas da “outra campaña” da que nos falaba o clarividente subdelegado de Chiapas.

Parece evidente que México está rachado –non só dende hai dous meses– e o camiño do pobo marcado polas verbas de AMLO: “Que queden eles co seu goberno, coa mafia, cos delincuentes de colo branco, e nós imos ter o noso goberno, o da cousa pública”.

 
 

Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/09/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta