| Presenza-Opinión |
||||||||
| Decepción á norueguesa Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, 22/10/2006) |
||||||||
|
De primeiras o anuncio non parecía unha gran fazaña gobernativa, por canto os países ricos, ao abeiro da OCDE ou do G-8, fan anuncios parellos a miúdo. Fachendean de condonacións e perdóns, especialmente neses cumios tan “cubertos” polos medios de propaganda ultracapitalista, pero a cambio sempre impoñen plans de axustamento estrutural que obrigan aos “perdoados” a abrir fronteiras ás súas transnacionais, a privatizar servizos públicos e cousas polo estilo que non fan máis que mallar e mallar nos que non teñen ren. Pura usura. Porén, o dos nórdicos tiña novidades. Por unha banda tratábase dunha decisión unilateral, afastada do foro de negociación da débeda que forman os países ricos no Club de París, esa Inquisición monetaria que fala de cartos cos Estados por separado, sen permitir que se asocien para teren máis forza. A democracia ditatorial é o oxímoro destes tempos. Ademais, a débeda anulábase sen máis, sen as anteditas condicións, e non se incluía esta “perda” como axuda oficial ao desenvolvemento, como fan a meirande parte de acredores ao condonar algo. A bordo por babor e ao mar por estribor. E había unha cousa máis. Entre liñas, Noruega recoñecía a débeda como ilexítima, xa que non procedía dunha axuda ao desenvolvemento, senón dunha operación para acalmar a crise da súa propia industria naval. Mesmo afirmaba que esas débedas xeraron nos pobos máis pobreza e malversacións financeiras. Abraiante. O Nobel de economía Joseph Stiglitz di que os países escandinavos demostran que existe un xeito de “facer a globalización” sen chuchar na desgraza dos pobres. Teñen os mellores índices de desenvolvemento humano do mundo e son os que máis fondos destinan en axudas aos países do Sur. Por un intre pensei que o que fora asesor de Clinton e xefe economista do Banco Mundial antes de dimitir e mudar nun crítico da globalización neoliberal –sempre dentro do liberalismo– podía levar razón. Logo Noruega anunciou que a partir de 2007 as reducións das súas débedas reintegraranse no Club de París. E deixei de mirar ao Norte, que xa notaba un pequeno cabaleiro. |
||||||||
|
Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2006 |
||||||||
|
||||||||