| Presenza-Opinión |
||||||||
| Adeus á Europa social Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, 26/11/2006) |
||||||||
|
Con Bolkestein na UE todo se poderá mercar e vender. A sanidade, a educación, a cultura, o transporte, a auga… todo o que os avutres financeiros chaman servizos pasan ao taboleiro de xadrez neoliberal. E as transnacionais e os do cumio da nosa bicuda pirámide social levan brancas e negras. Coa súa entrada en vigor no 2009, non o dubiden, medrarán as deslocalizacións, os salarios lixo, a deficiencia nos servizos públicos, as fraudes á seguridade social –ou ao que quede dela– e aos poucos veremos a fin da sociedade do benestar. Ten razón Carlos Taibo ao afirmar que Bolkestein non é que permita as privatizacións, é que as estimula, por non dicir que as esixe. Todo sairá a pública subasta e todo se xestionará dende o principio da rendibilidade económica no canto do beneficio social. Os servizos son un negocio fabuloso, e seguro. Perante a crise da produción industrial supoñen preto do 70% do PIB e xeran a meirande parte de empregos. Son, asemade, imprescindíbeis para a xente. Bolkestein foi un engano dende o principio. Negociouse ás agochadas, como o Acordo Xeral sobre o Comercio e Servizos –o famoso GATS, en inglés– da OMC, derradeiro golpe dese neoliberalismo que, como di Galeano, puxo o mundo patas arriba. Usou como carnada o “principio do país de orixe” para convencer aos inxénuos –e intitucionalizados– sindicatos coa vella fórmula de “pide o dobre para que che dean a metade” e por fin socavou a vontade popular cunha esperpéntica representación parlamentaria con actores de soldos millonarios. Entusiastas de Europa, velaí a vosa Unión! |
||||||||
|
Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 04/12/2006 |
||||||||
|
||||||||