| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
| Mahmud Darwish, de Belén a Compostela Por Moncho Iglesias Míguez (igadi.org, 13/04/2006) |
|
O venres, as portas do teatro da universidade de Belén, en Palestina, abriron un par de horas antes do comezo do concerto. Aínda que o aforo era limitado, a xente buscou un lugar dende ben cedo para poder estar o máis preto posible do seu ídolo, combatente verbal, camarada de loitas líricas, poeta da resistencia: Mahmud Darwish, un nome que significa Palestina, metáfora do Edén perdido. Ás sete comezaba o recital de laúde, como preludio ao evento principal do día. A música de corda deu paso a un poeta que, de non ser coñecido, sería confundido cunha estrela do mundo da canción ou un actor importante. Á hora sinalada as portas do foro vibraban cos empurróns de todos aqueles que non tiñan entrada e mais querían escoitar os desafíos verbais do gran poeta palestino. A pesar da pantalla xigante instalada fóra do teatro, non calaron as voces daqueles que se resistían a escoitar a Darwish na distancia e pouco a pouco foise abrindo a entrada para encher por completo o recinto. Así, un milleiro de persoas aplaudiron un recital que, como bo concerto, rematou coa visita a camerinos de centos de seareiros na procura dunha sinatura. Esa confluencia de xente, máis as dúas horas de recital, que incluíu bises, provocou o cansazo do poeta que, na quenda de preguntas, desculpouse, agradecendo ao pobo galego ese premio que está a piques de recibir por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Parte desa escrita de Mahmud Darwish foi recitada en Belén ante un público silente e entusiasmado coa forza da palabra. Un auditorio que só rompeu o silencio co furor dos espontáneos aplausos provocados por versos como eses nos que o poeta se pregunta qué ha facer sen o exilio, porque, comenta, o exilio é unha das fontes das que mana a creación literaria ao longo da historia. Do mesmo xeito, o entusiasmo creceu ante eses versos nos que non nega a súa identidade, reivindicando ante un soldado israelí que el é árabe: “Escribe/ que son árabe/ e o meu número de identidade é o cincuenta mil;/ que xa teño oito fillos,/ e chegará o noveno ao final do verán./ ¿Enfadaraste por iso?”. Mahmud Darwish naceu en 1941 nunha pequena aldea no norte do actual estado de Israel. Tras a guerra do 48, os israelís ocuparon Birwa, a súa vila, e Darwish, coa familia, converteuse nun refuxiado no seu propio estado. Foi así que, dende novo, participou activamente na política, polo que sufriu arrestos domiciliarios e incluso a prisión. Amais, esa loita política viuse moitas veces reflectida nos seus versos, que pronto se converteron en himnos para a poboación palestina e o mundo árabe en xeral. Con só 19 anos, Darwish publicou o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron preto de 30 coleccións de poesía e narrativa traducidas a máis de 35 idiomas. Os temas tratados son, fundamentalmente, o amor e a política. O destino da súa terra é unha das principais liñas de batalla duns versos que lle fixeron gañar o recoñecemento como poeta da resistencia, á vez que o odio en diversos sectores da sociedade israelí. Neste sentido, o poema “Un soldado soñando con azucenas brancas”, no que o eu poético fai referencia a un amigo israelí que decide deixar o país tras regresar a casa, ao final da guerra do 67, non deixou indiferente a ninguén. Así, mentres a parte israelí se sorprendeu ante un poema que pretendía facer da sociedade israelí unha xente totalmente pacifista que renuncia a todo; algúns árabes descualificaron o poema porque parecía un intento de humanizar a terrible figura representada polo soldado israelí. Ante estas controversias, Darwish comentou que el mesmo fundara o seu propio estado independente: a lingua. Unha lingua que trata de dar a coñecer a loita existente entre dúas memorias, comentou unha vez. Recoñecido internacionalmente pola súa revolta poética, Darwish é a voz lírica da loita pola independencia palestina. A súa poesía, que emprega a linguaxe cotiá para dar maior efectividade e intensidade aos seus versos, aínda é descoñecida para moitos dos veciños do lugar. Con todo, Darwish, que fala hebreo perfectamente e confesa ter amigos xudeus, admite que só quixera que se lese a súa poesía como representación do amor por unha terra, non coma os versos dun inimigo. É daquela que podería existir non só un transvase poético, alén dos muros, senón un intercambio cultural e amizoso. |
|
Moncho Iglesias Míguez é profesor visitante na Bethlehem University. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2006 |