| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
| Día da muller palestina Por Moncho Iglesias Míguez (Xornal, 10/03/2006) |
|
Con todo, a pesar de seren as mulleres un compoñente activista esencial na loita pola causa palestina, tiveron que afrontar liortas internas que imposibilitaron, e aínda imposibilitan, a súa total liberdade de expresión. Ás barreiras formadas polo conflito palestino-israelí, hai que sumar os retos resultantes dunha sociedade patriarcal que veda o acceso da muller a moitos terreos. Así, a muller aínda non foi quen de xogar un papel fundamental nos procesos decisivos da nación e non acadou máis que un aceso limitado tanto no ámbito gobernamental coma no mercado laboral. É por estas razóns que o día internacional da muller, en Palestina, está cuberto por burkas de difícil visibilidade que outorgan un maior protagonismo a esas vestimentas que ocupan e preocupan a diario. Neste sentido, as propostas de marchas en defensa da igualdade de dereitos entre persoas de sexo contrario, aquí se traducen en longas colas de espera para intentar pasar un punto de control militar entre poboacións. Malia estas pexas, diversos actos en universidades e centros culturais, como o “Festival de Cine de Mulleres Pioneiras” que, por medio de varios documentais, amosa a vida e obra de importantes figuras do movemento feminista árabe, serven para aplaudir a labor da muller traballadora. Un claro exemplo de opresión é Rowa Irfaiyyah, unha hebronita de 25 anos que se declara apátrida sentimental. Afirma que ten un conflito de identidade que provoca que se sinta coma unha extraterrestre no seu propio país, “unha refuxiada emocional” na súa propia terra natal. E é que Rowa tivo que abandonar Hebrón por negarse a rexeitar a súa liberdade, provocando, daquela, o rexeitamento dos seus máis achegados.
Ser feminista, ou mullerista, como prefire definirse Rowa, en Palestina, non é o mesmo que noutros lugares. Deste xeito, ela mesma tivo que sufrir o desprezo da sociedade de Hebrón polo seu carácter de rebeldía contra normas establecidas que non comparte e que, moitas das veces, fan que se sinta “violada visualmente”. Así, o pai chegou a ameazala un día porque se negaba a usar o veo: “ou cobres o pelo para ir á universidade ou quedas na casa”, berroulle nunha ocasión. Rowa accedeu naquel momento, aínda que confesa que ao saír da casa descubriu a súa melena, nun dos primeiros actos de rebeldía mullerista e é que, sostén, o pai non tiña ningunha razón para obrigala a vestir de ningunha forma. Son as mulleres relixiosas as que tapan o seu cabelo, pero o pai xamais lle pediu que rezase –un dos cinco piares do islam–, e o feito de obrigala a cubrirse era para evitar as lerias da veciñanza, remisa a aceptar sublevacións dese tipo.
Agora Rowa traballa na universidade de Hebrón e vive en Belén, onde ten maior liberdade. Emporiso, afirma que para ser parte da sociedade na que vive hai que ser hipócrita para non acabar esmagado. Hai unha idea preconcibida do que unha muller tería que ser, e resulta complicado aceptar unha muller sen estar encaixada dentro dun marco determinado. Edúcase á muller para ser esposa e ter fillos e, aínda que estea admitido que poda ser algo máis, primeiro ten que casar e cumprir coas obrigacións do matrimonio. Datos non reflectidos en ningures demostran que a violencia de xénero é un problema que afecta á sociedade palestina e que, dende a segunda intifada veu en aumento. Sobre estes datos, Rowa declara que a situación é similar á da África do apartheid, onde a clase oprimida non se pode revelar contra o poder dominante e descarga a súa ira contra a parte máis achegada e débil. O novo goberno manexa, dentro das súas propostas de traballo, non só a defensa da liberdade do estado palestino, senón tamén apoio ás partes máis necesitadas da sociedade. Se isto se consegue, daquela, quizais se poda falar de manifestacións en prol da muller traballadora en vindeiros anos, e non de fileiras de mulleres esperando a súa quenda para poder moverse dun lugar a outro. |
|
Moncho Iglesias Míguez é profesor visitante na Bethlehem University. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/03/2006 |