| Presencia-Opinión |
||||
| Teoría da Coca Por Lino Pellitero (A Nosa Terra, 27/07/2006) |
||||
|
Non sería ata mediados dos anos 80 cando a “Teoría da Coca” chegase ao seu punto álxido. A lóxica da teoría era tan esmagante, que semellaba en condicións de erradicar o mal, extirpando de raíz o cultivo: Se conseguían abafar aos productores da coca especialmente aos pequenos campesiños, se conseguían incentivar a producción de cultivos alternativos, se cortaban a cadea da coca nos países de orixe, se perseguían os transportes internacionais dos cargamentos impedindo que chegasen aos países Occidentais..., entón... comezaría unha escaseza no mercado que provocaría un aumento notorio dos prezos. A escaseza traería aparellada unha mingua da calidade do producto narcótico que sería adulterado e rexeitado progresivamente polos potenciais consumidores. As declaracións do máximo xendarme mundial antidrogas norteamericano John Walters semellaban certificar a vixencia da Teoría da Coca. Os datos aportados afirmaban estar no final do túnel. Segundo Walters a pureza da cocaína que circulaba polos circuítos da droga, perdera un 15% ao tempo que se constataba un aumento no prezo da cocaína do 20%. As cifras que aportadas polo coñecido como o Tsar antidrogas non resisten unha análise máis profunda e rigorosa. Os datos de Walters referíanse exclusivamente ao semestre que transcorreu entre febreiro de setembro de 2005. Mais os datos da Oficina de Política Nacional de Control Antidrogas ou do Sistema Nacional de Vixiancia de cultivos ilícitos, apoiado pola ONUDD, non chegan ás mesmas conclusións, senón que cuestionan radicalmente o informe John Walters e deixan patente o fracaso da “Guerra Total” comezada por Nixon. Os 50.000 millóns de dólares investidos polas autoridades norteamericanas non teñen impedido que aumentase lixeiramente o número de consumidores totais e espectacularmente entre os que se incorporaron precozmente, con menos de 18 anos, ao consumo, que no quinquenio 2000-2005 medaron nun 33%. Os datos referidos á pureza da cocaína que chega ao minorista tamén dan as costas á Teoría da Coca. No 2005 o grao de pureza era do 65%, cando un cuarto de século antes era 10 puntos menor. Tampouco os números referidos aos últimos 25 anos acreditan un cambio de ciclo nos prezos do producto, senón que pola contra se dividiron por tres. Se optásemos por tomar en consideración o número de hectáreas cultivadas na Rexión Andina, temos datos aparentemente contradictorios. Mentres en Bolivia, Perú terían aumentado en 27.000 nos últimos catro anos, pola contra, segundo a Casa Branca, as cifras referidas a Colombia no 2004, serían a metade rexistradas no 2000, pero compre sinalar que estes datos fan referencia, exclusivamente, ás zonas incluídas nas campañas de erradicación, e deixan fora outras novas áreas de cultivo noutras provincias que inicialmente nos estaban incluídas no perímetro do Plano Colombia. Por tanto, as tres premisas coas que se construíu a lóxica da “Teoría da Coca” esfarélanse: nin o prezo medrou, nin a pureza minguou, nin se desacelerou o número de consumidores. O fracaso máis profundo que non aparece explícito nas cifras da Casa Branca consiste na incapacidade de proporcionar aos pequenos productores de coca, alternativas viables economicamente, para non mergullarse indefinidamente na pobreza e na miseria. En deseñar un Plano Colombia que destina o 80% dos seus recursos para políticas de erradicación ou de asistencia militar. Os datos si parecen certificar que compre elaborar unha nova Teoría da Coca, que teña como principal premisa a erradicación da pobreza entre os pequenos productores. 50.000 millóns de dólares poden dar solidez ao proxecto, pero sería necesario abandonar as prioridades militares do Plano Colombia. Demais! Non si? |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 30/07/2006 |
||||
|