| Presencia-Opinión |
||||
| Que modelo de paz é posible? Por Lino Pellitero (A Nosa Terra, 05/10/2006) |
||||
|
Se afondamos en cada un dos casos acontecidos nas últimas décadas, podemos atopar procesos diferenciados que matizan conclusións apresuradas. A formula clásica que serviu de base durante a década do 80: Paz= D+D+R (Desarme+Desmobilización+Reinserción), agora en pleno século XXI semella obsoleta diante de novas xeracións de conflitos que nada teñen en común cos acontecidos hai escasas décadas. No ano 2005, distintas instancias internacionais, traballaron na articulación dunha Oficina permanente de Apoio e un fondo para a consolidación da Paz na baixo o paraugas da ONU. Entre os seus cometidos está o de propoñer estratexias integradas para a consolidación da Paz e a recuperación postconflito, que non é posible se non se complementa cun investimento económico permanente que xa se albisque dentro dos primeiros pasos de convivencia sen conflito, ao tempo que se promovan os valores democráticos como procedemento de relación social. Nos diferentes estudios sobre casos de choques armados, teñen ido aparecendo novos factores que inciden na consolidación da paz, ou na prolongación da conflagración. Actores internacionais imparciais e non implicados nos intereses da guerra, serven para calibrar as verdades absolutas esgrimidas polos bandos en disputa e para dar protagonismos á sociedade civil que pasa a tomar a iniciativa. Tres modelos de paz diferentes foron agromando nos últimos 25 anos. Na denominada paz de primeira xeración, os observadores tiñan como única misión certificar o cumprimento dos acordos de alto o fogo. Entre os anos 1989 e 90 os procesos de paz de Angola; Bosnia, Camboxa, O Salvador ou Namibia se caracterizaron por mediación e verificación internacional, que acompañaba no retorno dos refuxiados, na modernización institucional e administrativa e incluía unha un apartado económico que case sempre significou unha grande apertura da economía, baseada na desaparición de barreiras ao mercado. Quizais por isto esta segunda xeración, foi alcumada por algúns especialistas como Rolánd París, como procesos de “consolidación da paz neoliberal”. Tampouco este segundo modelo deu na fórmula definitiva para conquistar a paz. A mediados dos anos 90 agromaría unha nova teoría que comezou a argumentar que, en determinados contextos, as solucións negociadas non son posibles e , por tanto, compre unha intervención militar. Isto é, impoñer a paz mediante o emprego da forza militar. Estamos diante da terceira xeración de modelos de paz. O 11-S avanzou un paso máis na mesma dirección, cando co respaldo do Consello da ONU atacouse un país (Afganistán) co pretexto de defender a paz noutro estado (EEUU), aínda que finalmente se aducisen razón humanitarias para xustificar a intervención militar. No caso de Irak, nin sequera se contou coa anuencia das institucións internacionais, tampouco se contou coa sociedade civil para o que se deu en chamar como “estabilización”, ate que o túnel da paz quedou bloqueado sen saída, obturado pola resistencia. Haití sería outro exemplo deste tipo de intervencións cualificadas polas potencia ocupantes como de estabilización unilateral. Na verdade, en todo proceso de paz conviven múltiples factores locais que impiden arbitrar fórmulas máxicas. Tamén e certo que no medio do enfrontamento cohabitan sabotadores do proceso de paz, con intereses do negocio da guerra, ou con pugnas xeoestratéxicas zonais ou mundiais. Tras tres xeracións de paz, pódese concluír que é un erro caer en posicións minimalistas que só observen e procuren a ausencia de violencia física, senón que cómpre procurar posicións estratéxicas que teñan no horizonte a sostenibilidade da paz e consoliden con óptica multidimensional a paz. Haberá que agardar pola paz da cuarta dimensión, porque os tres modelos anteriores fracasaron. |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/10/2006 |
||||
|