Presencia-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
O “calluco” europeo
Por Gabino Gil Prieto (PequenEuropa, 16/06/2006)
 
 

  Calluco sen papeis Tenerife, clic para aumentar
É absolutamente necesario que os estados membros afronten unha situación que só pode dexenerar en inestabilidade social e nun verdadeiro problema de orde pública e política, que a medio e longo prazo acabará por poñer en perigo o propio proxecto europeo. Non podemos seguir a ampliar unha unión coa incorporación de novos estados membros cando nin sequera temos vontade política de integrar unha inxente cantidade de poboación marxinalizada de tódolos eidos da vida política, social , económica e cultural sen correr o risco de que chegado o momento, toda a estrutura se derrube. (Foto: Arribada dun calluco de sen papeis ao porto de Los Cristianos en Tenerife o 28 de maio de 2006).
 
Tódolos días estamos a ver como centos de "persoas", outrora coñecidas como "seres humanos" e hoxe en día denominados tecnicamente polo goberno español e pola Unión Europea como "inmigrantes ilegais", chegan en condicións infrahumanas ás costas canarias, italianas… perante as olladas sorpresivas dos bañistas e turistas que se atopan nas praias ou costas. Como se se tratase dun "Reality Show" onde os participantes adoitan obter como premio unha boa hipotermia, unha excelente desnutrición ou sinxelamente un eficaz afogamento.

Mentres, uns e outros tíranse a incómoda pelota da descontrolada e miserenta inmigración ilegal de tellado en tellado, poñendo de manifesto a súa total inoperancia diante do fenómeno, e amosando a inexistencia dunha verdadeira política inmigratoria coherente e construtiva. Perante os tímidos signos de coordinación postos en marcha pola UE para poder articular medidas e medios "humanos e humanitarios" ademais de técnicos e materiais, estas inxentes cantidades de seres totalmente perdidos e desorientados non fan máis que alimentar sentimentos xenófobos e racistas entre as poboacións oriúndas, que se ven tan desinformadas e desprotexidas como os primeiros.

Segundo un informe presentado recentemente pola División de Poboación do Departamento de Economía e Asuntos Sociais da ONU, España é na actualidade o país da UE que máis poboación inmigrante extracomunitaria está a recibir, xa que informe mencionado asegurase que "España, país que constitúe o 11% da poboación comunitaria, aporta o 23% do saldo migratorio neto da Unión" (datos a 25/05/2006). Isto supón un incremento dun 304% de estranxeiros en solo español nos últimos 4 anos. Incremento que non veu aparellado coa vertebración dunha verdadeira política inmigratoria que avance na racionalización, xestión e humanización dos fluxos.

Pero este non só e un problema que se está a producir en España, senón que países como Alemaña, Italia e Francia, en menor medida, e cinguíndonos á inmigración de carácter extracomunitario por ser esta a máis masiva e dende logo a máis dramática, están a sufrir.

Diante da clara descoordinación e desidia amosada polas autoridades españolas e comunitarias, queda ben patente un complexo problema de fondo, visto dende a pretendida coherencia europea.
A total falla dunha verdadeira política inmigratoria común, entendida esta como a estruturación de políticas reguladoras, integradoras e convertido este fenómeno nun feito construtivo e proveitoso que debe ser afrontado dende unha perspectiva global e comunitaria e non dende unha perspectiva unilateral dos estados nacións, onde rexen criterios de "sálvese quen poida" diante do que é un problema que nos afecta colectivamente.

Nunhas sociedades industrializadas europeas cada vez máis envellecidas, onde os medios rurais e os sistemas sociais colectivos camiñan cara un claro afundimento, ademais da inequívoca inevitabilidade dun proceso que nin coñece nin coñecerá barreiras, estase a desaproveitar unha fantástica oportunidade para facer, dunha situación desastrosa, unha solución interesante e viable a estes e outros problemas.

Todo elo acompañado dunha clara potenciación, sempre necesaria, da cooperación internacional cos países máis desfavorecidos e principais exportadores de inmigrantes que axuden a dosificar e mellorar o fluxo de persoas e as condicións de vida destes, nos seus países de orixe.

É absolutamente necesario que os estados membros afronten unha situación que só pode dexenerar en inestabilidade social e nun verdadeiro problema de orde pública e política, que a medio e longo prazo acabará por poñer en perigo o propio proxecto europeo. Non podemos seguir a ampliar unha unión coa incorporación de novos estados membros cando nin sequera temos vontade política de integrar unha inxente cantidade de poboación marxinalizada de tódolos eidos da vida política, social , económica e cultural sen correr o risco de que chegado o momento, toda a estrutura se derrube.

Os recentes acontecementos acontecidos en Francia son un claro exemplo, a pequena escala, da potencial perigosidade de non querer ver o que está a acontecer.

As solucións deben ser globais, comunitarias, integradoras, construtivas, reais, prácticas, humanitarias.

Hoxe hai moitos consellos de sabios, con moitos expertos, pero con escasas sabias decisións. E mentres isto non sexa así, seguiremos a ver unha Unión Europea que navega en calluco.

 
 

Gabino Gil Prieto, diplomado en Relacións Laborais, máster en Dirección e Xestión de Recursos Humanos, membro do Colexio Oficial de Axentes Comerciais Españois, e directivo do grupo multinacional FRIGER.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta