Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Ataque oficial á diáspora galega
Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Vieiros, 13/03/2006)
 
 

  Mendez Romeu, clic para aumentar
Galiza é unha realidade da política, da economía, da sociedade e do sentimento. Por iso é unha realidade humana. E por iso non se pode reducir, como pretende o señor Mendez Romeu, a “os contribuíntes”. (Foto: Mendez Romeu nunha sesión do Parlamento de Galicia).
 
Aínda que digan que nestes tempos non contan as ideoloxías, resulta que contan, e moito, as ideas que se teñen das cousas. Interesa moito ver que idea do país teñen os que nos gobernan. As recentes declaracións a Europa Press do señor Mendez Romeu, conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, alarman a moitos dos galegos que non residen no territorio das catro provincias, e debían alarmar aos que residen nese territorio, porque revelan unha idea de Galiza que é ruín, reducionista e rebaixadora do seu potencial.

O señor conselleiro segue falando de emigración, evocando unhas imaxes de tempos pasados. A Galiza completa non está formada por apegados e emigrados, senón que é unha realidade diaspórica, como a de Irlanda ou a do povo xudeu. Ten esa sorte, que non todos os países teñen. Ten unha riqueza espiritual e material moi importante, que algúns seguen empeñados en non ver. Vivimos nun mundo de diásporas, e a nosa pode ser un modelo se sabemos aprezala e artellala ben. Non é cousa dun pasado que haxa que deixar atrás, senon dun futuro que hai que construír. Cando parece tan evidente que así é, preocupa que desde o goberno galego se proclame o que é unha amputación da Galiza.

O señor conselleiro pensa que nisto da "emigración" hai moitos contidos sentimentais. Aí parece haber confusión entre sentimentalismo e sentimento, que son cousas ben diferentes e que sorprende ver confundidas en alguén que ven das ciencias da educación. O sentimento é un dos fundamentos da persona humana, e hai que cultivalo e atendelo, desde a familia até o poder político. Un país que desatende o sentimento vai camiño da barbarie. O sentimentalismo explota o sentimento, é unha forma de pornografía que non precisa de estímulo porque xa o ten, pois nel se basea un grande negocio, que corre desbocado nas revistas do corazón ou nos programas lixo da TV, e que o poder político ve correr e aproveita.

Galiza é unha realidade da política, da economía, da sociedade e do sentimento. Por iso é unha realidade humana. E por iso non se pode reducir, como pretende o señor Mendez Romeu, a "os contribuíntes".

É unha idea sorprendente nun gobernante socialista. Lembra aquel moderantismo decimonónico que aceptaba o sufraxio, pero só dos que "tiñan intereses no país", e dicir, dos que contribuían a partires dun certo nivel económico. ¿Como xustificar a atención aos que non contribúen, ou aos que contribúen pouco? Por ese camiño habían de ter máis direitos, ou máis votos, os que contribúen máis. Se os países foran sociedades anónimas, así sería. ¿Será que a ese nivel de goberno galego están pensando que Galiza é Galicia S.A.? Ben sabemos que hai a quen lle agrada esa idea, pero non esperabamos ouvila dun goberno de socialistas e nacionalistas. Polo menos niso debían estar dacordo.

Tamén cómpre perguntar como se xustifica con esas ideas tan economicistas a solidaridade internacional, que hoxe xa ninguén nega, e menos os socialistas. ¿Por que axudar a quen non é nin contribuínte nin sequera paisano? ¿Será por sentimentalismo?

Deixamos ao lado, por un momento, o feito de que moitos dos que viven na diáspora son contribuintes tamén, porque teñen propiedades e intereses na Galiza. E de que non todos poden desenvolver participación política no país en que residen. Motivos de máis para non desfacerse deles como pretende o señor conselleiro. É grave esa amputación dun membro vivo da comunidade galega, porque non só deixa sen unha unha riqueza que se ten senon que abdica dunha responsabilidade que lle corresponde ao poder político desde a que se practica.

 
 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/03/2006
Fernando Pol


Subir