| Presenza-Opinión |
| Alxeria lastrada pola mala saúde de Bouteflika Por David M. Alvarado Roales (Xornal, 31/12/2005) |
|
Lembremos que, con 68 años de idade, Bouteflika ingresou o pasado 26 de novembro no hospital militar de Val de Grâce de París, onde foi operado dunha “úlcera sangrante de estómago”, segundo comunicaron entón fontes médicas. Sen probas concluíntes, numerosos son os rumores que apuntan a que o presidente pode padecer un cancro estomacal. Neste senso, aínda se o Primeiro Ministro, Ahmed Ouyahia, ten cualificado estes enunciados de “chismes insensatos”, entre a cidadanía comeza a calar unha cada vez máis acusada incertidume e unha demasiado longa estadía en Francia, que non fales máis que prolongarse unha e outra vez, non axuda á deter as faladurías. Desde Alxer ata Oran, pasando por Tizi Ouzou ou Tlemcen, Bouteflika é o centro de tódolos debates e de tódalas miradas, sendo inevitables as comparacións co caso de Houari Boumediene, anterior presidente da República de Alxeria e que morreu en decembro de 1978 dun grave andazo que só se fixo público poucas datas antes do seu pasamento. Lonxe xa do eido da rumoroloxía, é un feito que nun sistema presidencialista, onde amais non está previsto ningún tipo de delegación de poderes en casos de similares características a este, a convalecencia do xefe de Estado é unha fonte evidente de preocupacións. Trátase de manter a boa marcha da administración pública e das funcións de goberno, pero hai determinadas cuestións que son imposibles de efectuar sen a presencia da figura presidencial, correndo o sistema mesmo un grave risco de entrar nunha situación de parálise. Este é o caso particular, por exemplo, do proxecto de lei de finanzas de 2006, adoptado polas dúas cámaras do Parlamento e que, para ser promulgado, precisa da sinatura de Bouteflika antes da finalización deste ano 2005. A ralentización do proceso de reformas iniciadas en varios sectores claves para o futuro de Alxeria e a inestabilidade que puidera derivarse se os peores presaxios sobre a saúde do xefe do Estado se cumpren, son outros dos temores. Lonxe de polémicas sobre as bondades da actual xestión no estado norteafricano e sobre se esta se podería facer doutro xeito e mellor, existen unha serie de feitos obxectivos que fan que amplos grupos poboacionais estean francamente inquedos ante un futuro incerto. Así, por citar algúns dos maiores logros deste último lustro, máis dun millón de vivendas teñen sido construídas e a taxa da paro descendeu considerablemente. Segundo expertos analistas avanzouse cara unha maior transparencia do sector bancario e financeiro, seguindo o programa de privatización de empresas públicas unha marcha máis que respectable e reducíndose notoriamente o peso do sector informal na economía do país. A loita contra a corrupción é outra das frontes abertas. A xustiza e o sistema educativo están sendo reformados tamén en profundidade. Por último, quizais a ferida sangrante que máis preocupa ós alxerinos, é que se tambalea a aplicación práctica da “Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional”, un proxecto persoal de Bouteflika recentemente aprobado en referéndum e que pretende pechar dunha vez por todas os negros episodios da historia recente deste país que, durante a década dos noventa e primeiros dous mil, causaron preto de trescentos mil mortos. |
|
David M. Alvarado Roales, colaborador do Igadi. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2006 |