Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Uganda en eleccións
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 25/02/2006)
 
 

  Seguidores de Kizza Besigye, clic para aumentar
O protagonismo do estamento militar na vida política é crecente, ao igual que as reticencias xeradas pola garda do presidente, dotada con 10.000 efectivos, e catalogada como un exército paralelo ao servizo de Museveni. Os procesos xudiciais en contra do candidato opositor, o doutor Besigye, acusado de traizón, terrorismo e violacións, é outro dato a considerar, como as presuntas ameazas aos seguidores dos candidatos da oposición... (Foto: Seguidores de Kizza Besigye).
 
Vinte anos despois de que Yoweri Museveni tomara o poder en Uganda, celébranse as primeiras eleccións presidenciais e parlamentarias de carácter multipartidista, unhas eleccións que poderían supoñer a fin da presenza de Museveni na xefatura do Estado e de goberno deste país.

Os anteriores procesos electorais que datan dos anos 1996 e 2001 son a referencia histórica máis inmediata, pero foron uns comicios nos que os partidos políticos non tiveron acceso á concorrenza electoral, sendo as candidaturas individuais a única oposición ao presidente Museveni, quen as gañará consecutivamente e sen maiores problemas.

Este controvertido proceso electoral, iniciado coa aprobación do referendo de mediados de 2005, polo que se daba luz verde á participación dos partidos políticos nas eleccións, conta con cinco candidatos destacados, aínda que segundo as autoridades locais, a loita reducirase ao enfrontamento entre o partido do presidente Museveni, o Movemento de Resistencia Nacional, e o doutor Kizza Besigye do Fórum Para o Cambio Democrático. Outros candidatos son John Ssebaana Kizito do Partido Democrático, Miria Obote do Congreso Popular de Uganda e Abed Bwanika como independente.

Os aspectos máis polémicos deste proceso electoral son variados e de diferente natureza. Por unha banda, os recentes retrocesos en canto á liberdade de prensa e a liberdade política, ademais das denuncias da rampante corrupción dos gobernantes ugandeses. Tamén cómpre ter en conta que a modificación da Constitución, a instancias do parlamento ugandés, elimina calquera límite temporal aos mandatos presidenciais, permitindo ao actual presidente presentarse ás eleccións indefinidamente.

O protagonismo do estamento militar na vida política é crecente, ao igual que as reticencias xeradas pola garda do presidente, dotada con 10.000 efectivos, e catalogada como un exército paralelo ao servizo de Museveni. Os procesos xudiciais en contra do candidato opositor, o doutor Besigye, acusado de traizón, terrorismo e violacións, é outro dato a considerar, como as presuntas ameazas aos seguidores dos candidatos da oposición...

Xunto a estes elementos que poden poñer en perigo a lexitimidade deste histórico proceso electoral, débense ter en conta os problemas estruturais deste país que se derivan da existenza dun terrible e violento conflito armado no norte do territorio, que está presente dende o ano 1987 e que provocou o desprazamento de máis dun millón e medio de civís. Centos de miles de civís foron asasinados ou secuestrados. Os dirixentes dos rebeldes do norte agrupados no LRA, Exército de Resistencia do Señor, están acusados pola comisión da Corte Penal Internacional de varios crimes de natureza internacional. Este grupo rebelde é coñecido pola brutalidade á hora de recrutar nenos e nenas para a súa causa.

Outro problema sen resolver é a intervención directa e indirecta de Museveni na veciña República Democrática do Congo, acción pola que a Corte Internacional de Xustiza condenou a Uganda a compensar economicamente á RDC polos danos causados durante a guerra dos Grandes Lagos. As recentes incursións do exército ugandés en territorio da RDC, co argumento de capturar aos rebeldes do LRA que se agochan en solo do país veciño, provocaron varias denuncias por parte de numerosas autoridades rexionais.

Non obstante, baixo a presidencia de Museveni, Uganda converteuse nun país exemplar para as institucións financeiras internacionais, caso do Banco Mundial, debido á aplicación de políticas económicas que contribuíron decisivamente á estabilización e ao crecemento económico. Os vestixios dos anteriores réximes dictatoriais de Idi Amin e Milton Obote, en forma de caos e loitas interétnicas, foron erradicados. Tamén as súas exitosas políticas para reducir os índices da SIDA entre a poboación, mereceron o eloxio unánime da comunidade internacional.

Estes feitos, xunto coa aceptable imaxe de Museveni no exterior, posibilitaron tamén a xenerosidade internacional, que se traduciu en axudas económicas por valor da metade do PIB ugandés durante a década dos noventa. Alén destas consideracións, debemos destacar a grande importancia destes comicios que, de rematar con éxito, permitirían poñer fin ao anquilosado sistema político unipartidista e abrirían unha nova etapa con amplas posibilidades de implantar un sistema político máis plural e democrático. Estes comicios contarán tamén coa numerosa presenza de observadores electorais representando á Unión Europea, á Unión Africana e á Commonwealth, entre outros.

 
 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC realizou prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2006
Fernando Pol


Subir