| Presenza-Opinión / África |
||||||||
| Darfur: cara un conflito rexional? Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 30/03/2006) |
||||||||
|
Desgraciadamente, semella que todos os condicionantes necesarios para que se cumpran as predicións máis negativas en torno ao conflito de Darfur están a desencadearse, dende os últimos meses, a un ritmo vertixinoso. O que máis chama a atención desta nova situación é que, desta volta, o auténtico problema non descansa estritamente no interior das fronteiras da rexión sudanesa senón que vai máis alá deses límites territoriais, afectando a varios actores estatais e a milleiros de civís. Por unha banda atopamos que o réxime de Idriss Deby no Chad, país fronteirizo coa rexión de Darfur, dende finais de 2005, ven denunciando as manobras ocultas do presidente sudanés, Omar al-Bashir, para acabar co seu poder no Chad. Estas manobras, segundo o presidente do Chad, reflíctense no apoio militar e económico do goberno de Sudán prestado aos rebeldes do Chad que se ocultan na rexión de Darfur, e que veñen realizando sucesivos ataques contra as tropas do exército de Idriss Deby, causando numerosas baixas en ambas partes. Por outra banda, o réxime de Khartoum culpa ao goberno de Idriss Deby de apoiar aos rebeldes de Darfur agrupados na recentemente creada Alianza das Forzas Revolucionarias do Oeste de Sudán, que loitan contra das tropas militares sudanesas estacionadas na complicada rexión, e que quizais tamén conten coa axuda dos gobernos de Libia e Eritrea. A todo isto, súmanse as constantes accións militares, no territorio do Chad, das milicias árabes sudanesas, mellor coñecidas como os janjaweed, que están a atacar a poboación sudanesa refuxiada nese país e mesmo a recrutar para a súa causa aos descontentos co réxime de Idriss Deby. Todos estes acontecementos deron lugar en decembro de 2005 á declaración de Idriss Deby pola que declaraba a situación de état de belligérance entre o Chad e o Sudán. Esta escalada de tensións entre ambos gobernos, provocada principalmente polo apoio aos rebeldes de ambos países, finalizou formalmente en febreiro pasado, cando Idriss Deby e Omar al-Bashir asinaron os acordos de Trípoli, baixo a mediación do presidente libio Muammar al-Qaddafi. Non obstante, estes acordos non supuxeron a fin das hostilidades entre ambos gobernos debido a que as actividades dos grupos rebeldes na rexión fronteiriza do Sudán e do Chad, seguen a estar presentes. Outro dos problemas que continúan a castigar a esta rexión, é o problema dos refuxiados. Segundo datos do ACNUR, Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, uns 300 000 civís procedentes de Darfur instaláronse na rexión do Leste do Chad durante os últimos anos. A esta vaga de desprazados súmase durante os últimos meses os desprazamentos de civís procedentes da República Centroafricana cara a rexión sur do Chad que tentan escapar dos combates que están a producirse entre os rebeldes e as tropas gobernamentais dese país. Estas vagas de desprazados procedentes tanto de Darfur como da República Centroafricana, veñen a agravar a delicada situación interna do Chad, que vive no medio das loitas entre clans tribais que se disputan parcelas de poder dentro do goberno. Incerteza agudizada pola deserción de numerosos oficiais dentro das Forzas Armadas cara os grupos rebeldes, polas protestas da oposición diante dos desexos do presidente por perpetuarse no poder e pola proximidade dunhas eleccións presidenciais a celebrar no vindeiro mes de maio. Tamén resulta importante destacar a recente aparición do Chad como produtor de petróleo, cunhas extraccións aproximadas de 250.000 barrís ao día. A creación dun oleoduto permitirá a saída do cru dende o sur de Chad ata o Océano Atlántico pasando por Camerún. Un oleoduto feito realidade grazas ao acordo co Banco Mundial, que en troques obrigaba ao Chad a investir do oitenta por cento dos beneficios do cru en programas de desenvolvemento. Acordo este, finalmente rexeitado por Idriss Deby, que vai usar eses ingresos segundo a súa propia vontade. Neste contexto rexional de perigosa conflitividade debemos ter en conta tamén a traxedia humana que está a acontecer no norte da República Centroafricana, rexión fronteiriza co Chad, onde as loitas entre rebeldes e o goberno do presidente François Bozize están a incrementar o risco de guerra civil nese país. Deste xeito, as respostas ás preguntas formuladas ao comezo deste artigo seguen a estar abertas a futuros acontecementos. Mais as recentes novas que nos chegan non son moi esperanzadoras tendo en conta que o problema de base, a situación do Darfur, segue nun estado de impasse político preocupante, dado que as Nacións Unidas, por diferentes motivos, e outros organismos competentes en materia de pacificación seguen a ser reticentes a tomar cartas no asunto. Tan só a presenza das exhaustas e pouco preparadas tropas da Unión Africana permite levemente minguar un problema que, por este camiño, podería ser susceptible de empeorar. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2006 |
||||||||
|
||||||||