Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
A xustiza e Charles Taylor
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 05/04/2006)
 
 

  Chales Taylor, clic para aumentar
O que aínda non está aclarado é se Taylor será xulgado en Serra Leona ou ben será trasladado á Haia para ser xulgado nun entorno político e
xeográfico distinto, posición esta última defendida polos EEUU, argumentando a inseguridade existente en Serra Leona e as posibles tensións que se poderían desencadear na rexión de África Occidental.
(Foto: Charles Taylor nos seus días como mandatario de Serra Leona).
 
Digno dun final de novela de ficción se pode cualificar o derradeiro periplo protagonizado polo ex-presidente liberiano Charles Taylor, que finalmente será levado perante os xuíces do Tribunal Especial para Serra Leona, onde está pendente de ser xulgado por 17 causas relacionadas coa súa participación nas matanzas acontecidas nese país, e polo apoio e adestramento dos rebeldes implicados nesa barbarie.

A detención do outrora coñecido como “o señor dos señores da guerra liberianos” tivo lugar preto da fronteira nixeriana con Camerún, cando tentaba fuxir das autoridades nixerianas que tempo atrás decidiran poñer fin ao exilio dourado do que gozaba dentro das súas fronteiras dende o ano 2003.

A escura historia persoal de Charles Taylor comeza a adquirir relevancia cando consegue abandonar os EEUU, a mediados dos anos oitenta, con dirección á fronteira de Liberia. Eses anos foran aproveitados por Taylor para ir creando e dando forma ao NPFL, Fronte Patriótica Nacional de Liberia, xunto co seu compañeiro de armas Prince Johnson.

No ano 1989, aproveitando o descontento popular cara o réxime totalitario de Samuel Kanyon Doe, que por aquel entón estaba instalado en Liberia, o NPFL entra no país, conseguindo en pouco máis de un ano conquistar a capital, Monrovia, deixando tras de si un importante regueiro de dor e sangue.

As diverxencias tácticas entre os líderes do NPFL, Taylor e Johnson, se irán agrandando progresivamente ate finalizar coa súa separación formal que da lugar ao inicio dunha nova etapa dentro da brutal guerra civil liberiana, que finalizará no ano 1997, coa celebración duns comicios atípicos, onde a pericia de Taylor para intimidar a poboación se deixa notar, cando este é elixido coma presidente.

O período de goberno de Taylor, que vai dende 1997 ata 2003, estará marcado polo estoupido dunha nova guerra civil, probablemente máis cruel que a anterior, onde o presidente liberiano se pon á fronte das matanzas, mutilacións, violacións... contra da súa propia poboación. Asemade, este período, coincidirá co inicio da contenda civil no país veciño, Serra Leona; un conflito, sen dúbida, potenciado polas artes de Taylor.

O avance das tropas rebeldes de Liberia que loitaban contra o réxime de Taylor, LURD e MODEL, cara a capital do país e a presión da comunidade internacional puxeran fin ao reinado de Taylor, quen decide renunciar á presidencia do país e establecerse nas costas nixerianas co beneplácito do presidente dese país.

Trátase por tanto dunha única e histórica oportunidade para que os actos cometidos por Charles Taylor sexan xulgados polo Tribunal Especial para Serra Leona. Un Tribunal que fora creado de xeito conxunto polas autoridades dese país e polas Nacións Unidas co obxectivo de certificar a fin do conflito e para meter na cadea aos responsables das atrocidades alí acontecidas.

Esta detención, por outra banda, tamén pode contribuír de xeito determinante, ao éxito ou fracaso da actual presidencia de Ellen Johnson-Sirleaf en Liberia, quen cando fora nomeada como xefa de Estado, rexeitara tomar medidas en canto a posibilidade de solicitar a extradición de Taylor por mor das incertezas e tensións que esto podería xerar nun país cun pasado recente de máis dunha década de guerra sen cuartel. Unha posición, non compartida dende o exterior, mais que pode ser comprendida como un acto de moderación e contención, en parte, pola innegable influenza política coa que Taylor segue a contar no seu país, e en parte, pola existencia de importantes segmentos da poboación fieis ás consignas do seu antigo líder.

Non obstante, as recentes presións da comunidade internacional, coa administración Bush á cabeza, fixeron que o presidente nixeriano Obasanjo decidise entregar a Taylor á xustiza que o reclamaba, de maneira que actualmente, o antigo presidente liberiano permanece en Freetown, capital de Serra Leona, baixo a custodia das tropas da misión das Nacións Unidas no país á espera de sentarse no banco dos acusados.

O que aínda non está aclarado é se Taylor será xulgado en Serra Leona ou ben será trasladado á Haia para ser xulgado nun entorno político e xeográfico distinto, posición esta última defendida polos EEUU, argumentando a inseguridade existente en Serra Leona e as posibles tensións que se poderían desencadear na rexión de África Occidental. Non debemos esquecer que os conflitos de Cote d´Ivoire e Guinea Conakry tamén estiveron no punto de mira de Taylor. Mais segundo organismos como Human Rights Watch, o antigo líder liberiano debe ser xulgado en Serra Leona, co obxectivo de promover a xustiza e a loita contra impunidade nunha rexión problemática e esquecida dos focos mediáticos occidentais.

Alén destas diverxencias, o punto central deste episodio débese focalizar na importancia e relevancia da detención de Charles Taylor, nun momento no que a xustiza internacional, caso do Tribunal Penal Internacional para a Antiga Iugoslavia, do Tribunal Internacional para Ruanda ou mesmo do Tribunal Penal Internacional, semella, cando menos, avanzar de xeito progresivo no camiño de facer realidade o antigo soño de que ningún crime de orde de Estado quede impune e que sexan os seus responsables individuais os que cumpran candea, posibilitando, paralelamente, o normal devir dos seus pobos cara un futuro de estabilidade.

 
 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC realizou prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/04/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta