| Presenza-Opinión |
||||||||
| Nicaragua: outro triunfo da esquerda? Por Ana Leyenda Barreiro (igadi.org, 16/07/2006) |
||||||||
|
O sistema electoral de Nicaragua consta de dúas voltas. Para gañar as eleccións na primeira volta, compre obter unha maioría relativa do 40% dos votos; agás no caso de que obtendo máis do 35% dos votos se superase ao candidato que ostente o segundo posto por unha diferenza superior ao 5%. Se isto non acontece así, habería que proceder a unha segunda volta entre os dous candidatos que obteñan máis votos. Esta é a primeira vez que se van celebrar unhas eleccións con catro opcións sólidas, xa que o país sempre se atopou cunha situación de bipartidismo onde competían o Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) e o Partido Liberal Constitucional (PLC). Os principais partidos que se van presentar a estes comicios son: o FSLN, PLC, ALN-PC (Alianza Liberal Nicaragüense-Partido Conservador) e o Movemento Renovador Sandinista. Estas opcións se distribuirán os 90 deputados nacionais, os 20 deputados do Parlamento Centroamericano (PARLACEN) e o presidente da República. Nunha sondaxe sobre a intención de voto dos nicaragüenses, realizada nos días 16 e 23 de xuño deste mesmo ano pola firma enquisadora Cid-Gallup, sitúan no primeiro lugar ao candidato do FSLN, Daniel Ortega (líder da revolución sandinista e presidente da República de Nicaragua durante os anos 1985-1991), cun 28% dos votos. Isto pode facer pensar na posibilidade de que Nicaragua puidese tomar o camiño que están a seguir os seus países veciños, con tendencia cara aos cambios progresistas. No entanto, compre sinalar que non todos os partidos esquerdistas que ocupan agora a presidencia nalgúns países de América do Sur e do Centro, teñen as mesmas características. Así por exemplo, Lula ten un perfil movementalista, en Ecuador ou en Bolivia domina la tendencia etnicista, e o goberno de Kirchner caracterízase por ser populista institucional. Nestas eleccións locais non podemos esquecer o papel que están a tomar os Estados Unidos neste proceso electoral xa que ve con indisimulada preocupación a hipotética a vitoria da esquerda. A superpotencia do norte é o principal actor exterior nos comicios que se van celebrar en Nicaragua. Xa, co triunfo da revolución sandinista (1979), a partir do momento no que Reagan tomou posesión do seu cargo en 1981, o obxectivo do seu goberno foi illar a Nicaragua e apoiar aos rebeldes da “contra” que intentaban derrocar ás autoridades sandinistas. Estados Unidos nunca estiveron cómodos co FSLN, e tampouco van estar agora contentos con esta hipótese. Nesta tesitura EEUU emprendeu accións dirixidas a promover a unificación dos partidos da dereita e o centro, por medo que teñen ao triunfo da esquerda que representa o FSLN. Conscientes da grande dificultade de que os partidos da dereita se unifiquen nun só, o encargado da Administración Bush para os asuntos latinoamericanos, Tom Shannon, afirmou que as únicas opción válidas para ostentar a presidencia eran dúas: o Movemento Renovador Sandinista ou a Alianza liberal dos Nicaragüenses-Partido Conservador, presentando a estes dous partidos como as únicas “opcións de futuro”, facendo ver aos electores que o FSLN non é unha boa opción de goberno. Identifícase a Ortega como un aliado de Chávez ou de Fidel Castro, e hai que ter en conta que ambos presidentes manteñen complicadas relacións co goberno dos Estados Unidos. A ollos de Washington, todos eles son situados nun eixe formado por Caracas-A Paz, A Habana-Managua (alcumado polos EEUU como o eixe socialista do mal). Tamén foi explícita a entrada na escena electoral de Venezuela, onde Chávez presta o seu apoio a Daniel Ortega. A contenda electoral tamén está a dirimir outras frontes sociais patentes no rexurdir dos cidadáns famentos, empobrecidos e desempregados contra da distribución pouco equitativa da riqueza, tendo en conta que Nicaragua é o segundo país máis pobre de toda América Latina. Por tanto, a loita contra da pobreza esta a nuclear a mensaxe da esquerda de Nicaragua en sintonía coa esquerda dos países de América del Sur ou Centroamérica. Para Daniel Ortega: “Estase a librar a batalla no terreo electoral. Pola súa contra, o candidato de ALN-PC, Montealegre, pretende seguir coas propostas levadas a cabo polo goberno actual. As principais apostas que se marca Rizo, candidato á presidencia polo PLC, son entre outras, os temas da educación primaria, saúde, desenvolvemento económico. Por último o MRS, que supón unha escisión do FSLN, ten como proposta unha renovación institucional íntegra, sempre pensando nos sectores menos desfavorecidos da sociedade. Para hixienizar a campaña, o ex presidente dos Estados Unidos, Jimmy Cárter, estivo de visita en Nicaragua dende o 3 ata o 6 de xullo para comprobar que esta contenda electoral estase a facer por canles limpos e xustos. O Centro Cárter oponse claramente a calquera intromisión estranxeira no proceso electoral nicaraguano, tanto sexa para cualificar ou descualificar aos candidatos. Así, tamén critica a influencia que están a exercer os Estados Unidos nestes comicios electorais apoiando a certos partidos e vetando a outros publicamente. A decisión debe estar en mans dos propios votantes de Nicaragua, e axiña expresaran se optan polo continuísmo ou se deciden a seguir a ruta dos cambios continentais. |
||||||||
|
Ana Leyenda Barreiro, estudante da USC en prácticas no Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/07/2006 |
||||||||
|
||||||||