Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
A acción cultural de Galicia no exterior
Informe elaborado por Ângelo Gonçales Vicente e Xulio Ríos (igadi.org, 27/09/2006)
Comisión de Cultura Galega no Exterior, Consello da Cultura Galega
 
 

1. Presentación

En maio de 2003, na Comisión de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega, abordamos unha primeira discusión sobre a importancia de aproveitar as posibilidades de promoción exterior da nosa cultura, sendo conscientes de que esta constitúe unha peza clave da nosa imaxe exterior e integrante do denominado “poder brando” en materia de acción exterior.

A reflexión iniciada entón viña a propoñer a idea de situar a proxección exterior na axenda cultural galega, tanto das institucións públicas como das privadas, cunha mensaxe que puidera ser compartida por todos actores e incorporando unha dimensión tanto internamente vertebradora como externamente dotada dun sentido de país que implicara a todos os axentes involucrados nesta aplicación. O conxunto resultante debía contribuír á posta en valor do noso patrimonio cultural a todos os niveis, e tamén a transmitir unha imaxe de Galicia como país moderno, rico en cultura, gastronomía ou paisaxe, cunha gran calidade de vida, un país aberto, hospitalario e respectuoso co medio. É dicir, establecendo un equilibrio entre unha Galicia orientada cara o pasado e o histórico, e outra orientada cara o futuro.

A proposta ía orientada a aproveitar as nosas posibilidades nesta orde, procurando superar a dispersión de entidades e actuacións, definindo áreas xeográficas e sectores prioritarios, identificando as posibles alianzas a configurar coa dobre perspectiva da nosa promoción cultural e da cooperación cultural.

Considerábase importante asegurar que as accións a desenvolver por parte de diferentes actores, especialmente os institucionais, sexan converxentes e non alenten mensaxes contraditorias senón consensuadas. A coordinación no marco dunha política estratéxica é un requisito esencial para obter resultados efectivos, especialmente tendo en conta a limitación de recursos existentes a este nivel.

Toda esa orientación había cristalizar nun Programa de Acción da Cultura Galega no Exterior, que puidese servir de guía estratéxica para todas as institucións e iniciativas relacionadas coa acción exterior cultural, superadora das nosas carencias, tanto no eido das accións como no dos instrumentos. Así mesmo, o Programa debía sinalar propostas concretas para que o propio Estado puidera reflectir no exterior a pluralidade cultural e lingüística existente no seu territorio, a través do desenvolvemento de accións en centros culturais, consellerías e agregadurías culturais das embaixadas ou outras institucións implicadas nesta tarefa.

En suma, a elaboración deste Informe, debía servir para:

a) Contribuír á consolidación dos esforzos de promoción cultural no exterior.

b) Apoiar a iniciativa o espírito de creatividade dos galegos.

c) Favorecer o contacto entre a oferta cultural e a demanda exterior.

d) Mellorar a xestión dos programas de intercambio cultural que se deriven dos acordos entre gobernos e outras institucións.

e) Impulsar a celebración de acordos internacionais que favorezan o intercambio cultural.

f) Estimular a participación galega en festivais, feiras, mercados e outros acontecementos internacionais de índole cultural.

O Informe procuraría concluír unhas recomendacións mínimas para propiciar un salto cualitativo no actuar exterior de Galicia no plano cultural, tanto en materia de infraestructuras, como de actores e de políticas, entendendo a acción cultural no exterior como unha expresión de paradiplomacia cultural que nos obriga a desenvolver políticas especificas que eviten a dispersión (de entidades e de obxectivos), aseguren a creatividade e a innovación e garantan unha participación activa das forzas sociais que protagonizan o feito cultural.

O que aquí se presenta é unha síntese dese informe que recolle as ideas principais de forma sintetizada, sen prexuízo de poñer a disposición dos interesados outras fontes complementarias de consulta que foron utilizadas para a redacción final deste documento.


2. A acción cultural de Galicia no exterior: diagnóstico de partida

O obxectivo deste epígrafe consiste en ofrecer unha panorámica xeral das opinións principais recollidas entre os axentes (productores, xestores e importadores) involucrados na creación e xestión da cultura galega en orde á súa promoción exterior.

O punto de vista de todos eles é considerado relevante na medida en que son quen producen, xestionan, difunden ou consumen a materia prima que se desexa promocionar no exterior e tamén na medida en que son quen, por regra xeral, se beneficiarían de maneira máis directa e inmediata dunha exitosa proxección exterior da cultura galega, de modo que constitúen, probablemente, os principais grupos interesados no éxito da promoción exterior. Alén do exposto, as persoas que colaboraron facilitando información e opinión para este relatorio teñen experiencia no ámbito da proxección exterior.

Na Táboa 1 recóllense as categorías semánticas principais e, por tanto, as ideas máis importantes, extraídas das entrevistas aos Axentes Produtores (APRO). A cada unha delas atribúeselle un número de categoría semántica (NCS) en función do Grao de consenso atinxido, de modo que poidan ser referidas con facilidade no decorrer da explicación.

Táboa 1.
Categorías semánticas principais contidas nas entrevistas aos APRO
NCS  Categoría semántica

Grao de consenso
0-100

01 Hai persoas ou entidades da cultura galega que destacan fóra máis que outras.

87,50

02 Non hai apoio á exportación da cultura galega ou é escaso.

81,25

03

É importante contar con apoio público e/ou privado.

62,50

04 É importante estarmos e organizarmos feiras, exposicións e outros tipos de eventos con proxección exterior.

62,50

05 A produción cultural galega ten boa ou moi boa calidade.

56,25

06 Existen institucións que apoian a exportación da cultura galega.

50,00

07 O apoio adopta a forma de exposición ou axuda á exposición da cultura galega a xente do exterior.

50,00

08 Ámbitos proclives para a exportación cultural: Estado español.

43,75

09 Non existen ámbitos proclives para a exportación da cultura galega.

43,75

10 A cultura galega exportada proxecta a Galicia fóra.

37,50

11 Ámbitos proclives para a exportación cultural: emigración.

37,50

12 Ámbitos proclives para a exportación cultural: lusofonía.

37,50

13 Ámbitos proclives para a exportación cultural: outros.

37,50

14 É importante aumentar a visibilidade exterior da cultura galega: reportaría beneficios laborais, económicos e de prestixio.

37,50

15 É importante que os produtos sexan de calidade.

37,50

16 Son importantes o esforzo e iniciativa dos axentes exportadores da sociedade civil.

37,50

17 É importante vigorizar o entramado interno para conseguir proxección externa.

31,25

18 É importante o tratamento estratéxico (planificación e prioridade).

25,00

19 É importante que a produción cultural teña en conta o tipo de demanda dos mercados.

25,00

20 Existen países que constitúen referentes de admiración ou superioridade.

25,00

21 Existencia de obstáculos á hora de exportar cultura galega a determinadas zonas.

25,00

22 Existencia de produtos máis fáciles de exportar.

25,00

23 Hai intercambios con España e Portugal.

25,00

24 Non hai exportación ou é escasa.

25,00

25 O apoio debe contar con asesoramento experto para cada campo.

25,00


Fonte: Elaboración propia.

A fin de atinxir unha lectura facilmente comprensible da visión dos APRO entrevistados arredor da proxección exterior da cultura galega exponse, a seguir, unha serie de lecturas parciais da Táboa 1, das que serán tirados os trazos esenciais desa visión, recollidos no Cadro 1, situado no fin deste apartado.

Lectura 1

A cultura galega conta cunha materia prima de boa ou moi boa calidade segundo o 56% dos expertos entrevistados (NCS-5). Estímase esta unha fortaleza para a acción cultural exterior galega na medida en que o 31,25% dos entrevistados considera a calidade dos produtos un factor importante á hora de promover con éxito a súa exportación (NCS-15).

Lectura 2

Un obxectivo esencial do apoio á exportación da cultura galega, segundo o 50% dos entrevistados, consiste en exposicións ou axudas para realizar exposicións da cultura galega (NCS-7), o que parece un acerto na medida en que o 62,5% dos entrevistados considera importante, para que a cultura se proxecte no exterior con éxito, estar en feiras, exposicións e outros tipos de eventos que teñan repercusión no exterior (NCS-4). Ademais, considerando que esas exposicións no exterior melloren a visibilidade da cultura galega estaranse a obter beneficios relacionados co prestixio de Galicia no exterior (NCS-10), o que se traducirá en beneficios de carácter económico e socio-político (NCS-14).

Lectura 3

Segundo se desprende do 25% dos suxeitos entrevistados, entre os destinos aos que se está a dirixir a acción cultural exterior destacan o resto do Estado español e Portugal (NCS-23), o que debe ser considerado un acerto parcial. Dun lado, é un acerto, pois o 43,75% dos entrevistados consideran o resto do Estado español un ámbito proclive para a recepción da cultura galega (NCS-8) e o 37,5% dos entrevistados consideran a lusofonía un ámbito proclive para a recepción da nosa cultura (NCS-12). Doutro lado, non deixa de ser un acerto parcial, na medida en que o concepto de lusofonía nos remite a unha realidade moito máis ampla do que Portugal, e na medida en que tamén se considera un ámbito proclive para a recepción da cultura galega o conxunto de países onde ten importancia a emigración galega (NCS-11).

Lectura 4

O 75% dos expertos entrevistados coinciden en que non existe suficiente apoio público e/ou privado aos APRO (NCS-2), o que, segundo o 56,25% dos expertos, supón unha importante deficiencia, dada a importancia atribuída á existencia de apoio á hora de conseguir proxección cultural exterior (NCS-3). Ese apoio, segundo o 25% dos APRO entrevistados, debería contar con asesoramento experto de cada sector (NCS-25).

Lectura 5

Tendo en conta o observado no parágrafo anterior, infírese que o apoio institucional público ou privado a que fai referencia NCS-6 é insuficiente. Téñase en conta, ademais, que unha das preguntas do cuestionario de referencia utilizado para as entrevistas, a pregunta 1 (Que institucións, públicas ou privadas, considera que están a apoiar en maior medida a exportación [do sector cultural de que se trate]?) inducía a dar respostas a incluír en NCS-6 ao dar por sobreentendida a existencia de institucións apoiantes da exportación e, no entanto, só a metade (50%) dos entrevistados fan referencia a institucións apoiantes da exportación, e aínda matizando, na maioría dos casos, que este apoio é escaso.

Lectura 6

O 25% dos expertos entrevistados chama a atención para a escaseza ou inexistencia da proxección exterior da cultura galega (NCS-24). Deste modo, como foi visto máis arriba, estase a perder a oportunidade de obter visibilidade internacional para Galicia e a súa cultura (NCS-10), perdéndose así tamén eventuais beneficios de carácter económico e socio-político (NCS-14).

Das seis lecturas ata aquí relacionadas, extráese o Cadro 1, onde se recollen os trazos esenciais, segundo os APRO entrevistados, arredor da situación actual da proxección exterior da cultura galega.

Cadro 1.
As tendencias esenciais da visión dos APRO entrevistados
1 A proxección exterior da cultura galega é, no mellor dos casos, escasa.
2 Os produtos culturais galegos son de boa ou moi boa calidade, o que constitúe unha vantaxe á hora de exportar.
3 O apoio público e privado á proxección exterior da cultura galega é insuficiente, o que constitúe unha importante deficiencia.
4 A presenza dos produtos culturais galegos nos eventos de proxección externa é un obxectivo principal das axudas actuais, o que constitúe un acerto.
5 Entre os ámbitos xeográficos nos que se está a proxectar a cultura galega destacan o Estado español e Portugal, o que constitúe un acerto parcial tendo en conta que existen outros ámbitos proclives que non están a ser explotados.

Fonte: Elaboración propia.

No caso dos Axentes Xestores da cultura galega (AXES), as categorías semánticas principais serían as seguintes.

Categoría Semántica 1
Características das actividades exportadoras da cultura galega xestionadas no pasado

A partir das ideas chave asociadas á Categoría Semántica 1 estímase oportuno observar que:

a) Considerando que os ámbitos xeográficos proclives para a recepción da cultura galega son, segundo os APRO, o resto do Estado español, a lusofonía e os países con máis emigración galega, pode referirse o seguinte:

  • A partir dos AXES entrevistados parece inferirse un claro aproveitamento da oportunidade de proxectar a cultura galega no conxunto do Estado español. Así, 3 dos 4 AXES entrevistados, refiren actividades proxectadoras da cultura galega realizadas nese ámbito territorial. Sorprende, con todo, a non referencia a actividades proxectadoras na Cataluña, tendo en conta a súa condición de territorio rico, o que facilitaría, presumiblemente, a aparición de hábitos de consumo cultural, e tendo en conta tamén a súa condición de minoría cultural no Estado español, o que podería facilitar a aparición de simpatías por unha cultura, a galega, en situación análoga.

  • No que se refire á lusofonía, segundo os APRO, o aproveitamento da existencia desta porta aberta á cultura galega parece fraca, pois só relacionan actividades proxectadoras realizadas na lusofonía 2 dos 4 AXES entrevistados; actividades que, ademais, veñen a concentrarse única e exclusivamente en Portugal.

  • No que atinxe á emigración, o seu aproveitamento tamén parece ser fraco, pois só 2 dos 4 AXES entrevistados refiren actividades proxectadoras realizadas en países con ampla comunidade emigrante galega.

Así, en definitiva, parece observarse que, en xeral, os ámbitos proclives para a proxección exterior da cultura galega non están a ser convenientemente aproveitados, e tampouco se está a abrir mercado noutros ámbitos.

Categoría Semántica 2
Importancia atribuída á exportación da cultura galega nas organizacións xestoras das exportacións

A partir das ideas chave asociadas á Categoría Semántica 2 estímase oportuno observar que:

a) A tendencia dominante nos AXES parece ir na dirección da atribución de pouca importancia á proxección exterior da cultura galega, o que se concretiza no baixo peso que adquiren as actividades proxectadoras en relación ás demais actividades dos AXES e na inexistencia de políticas específicas de proxección exterior da cultura galega.

b) Entre as xustificacións dadas por algúns axentes (entidades financeiras) para explicar o baixo peso que as actividades proxectadoras adquiren nas súas organizacións, destaca a alusión a unha ligazón territorial en virtude da cal estes AXES parecen entender que o seu compromiso con Galicia implica actuar dentro dos límites territoriais galegos, o que os limita á hora de atribuír máis peso ás actividades proxectadoras da cultura galega.

Categoría Semántica 3
Existencia ou non de diálogo á hora de decidir as programacións culturais

A partir das ideas chave asociadas á Categoría Semántica 3 considérase oportuno observar que:

a) O diálogo entre os AXES ou entre estes e outros axentes da cultura galega á hora de elaboraren as súas axendas culturais é, por regra xeral, escaso. Isto parece redundar nun illacionismo ou individualismo que non está sendo paliado desde o sector público e que probablemente estará dificultando o aproveitamento de sinerxías e provocando o desaproveitamento de recursos.

Con todo, a estratexia coordinadora que parece recomendable adoptar desde o sector público probablemente deberá ser cautelosa e non impositiva, senón meramente orientadora.

Categoría Semántica 4
A identidade da cultura galega

A partir das ideas chave asociadas á Categoría Semántica 4 considérase oportuno observar que:

a) A cultura galega fóra de Galicia é unha grande descoñecida.

b) Dentro dos poucos ámbitos nos que a cultura galega é coñecida cómpre diferenciar dous planos: no interior do Estado español, a cultura galega ten máis posibilidades de ser identificada como galega; fóra do Estado español, a cultura galega tenderá a ser identificada con España a non ser que aparezan determinadas características simbólicas, como a presenza, na música, de instrumentos como a gaita galega ou a zanfona, que aumentarán as posibilidades do recoñecemento desa cultura como galega.

c) Para que a cultura galega sexa identificada como galega é necesario realizar unha campaña de marketing nese sentido (marca Galicia).

d) Non é unánime a convicción acerca da idoneidade de asociar a cultura cun país concreto; outras opinións expresan a obsolescencia dos intentos de exportación da cultura galega como galega, salientando a calidade como única marca universalizable.

Categoría Semántica 5
Problemas actuais para a exportación da cultura galega

A partir das ideas chave asociadas á Categoría Semántica 5 considérase oportuno observar que:

a) Os AXES entrevistados coinciden na existencia dunha escasa proxección exterior dos APRO.

b) A causa desta deficiente vocación de proxección exterior é, en xeral, atribuída á falta de recursos.

Da análise das Categorías Semánticas que se vén de ver, extráese o Cadro 2, onde se recollen os trazos esenciais, segundo os AXES entrevistados, arredor da situación actual da proxección exterior da cultura galega.

Advírtese que só se consideran trazos esenciais aquelas informacións que conten co acordo, como mínimo, de 3 dos 4 AXES entrevistados. Trátase, así, de simplificar a exposición, mais tamén de tomar as ideas que resultan máis relevantes para os AXES entrevistados.

Cadro 2.
As tendencias esenciais da visión dos AXES entrevistados
1 Os ámbitos xeográficos proclives para a proxección da cultura galega (Estado español, lusofonía e emigración) non están a ser convenientemente aproveitados e tampouco se está a abrir mercado en ámbitos diferentes.
2 Os sectores culturais que están a contar con máis apoio dos AXES á hora de proxectárense fóra son 4: a escultura, a música, a pintura e a fotografía, contando con moi pouco ou ningún apoio o resto de sectores culturais.
3 Os AXES parecen atribuír pouca importancia á proxección exterior da cultura galega.
4 Existe un diálogo escaso entre os AXES ou entre estes e outros axentes da cultura galega á hora de elaboraren as súas axendas culturais.
5 Existe unha escasa proxección exterior dos APRO debida á falta de recursos con que conta este colectivo.

Fonte: Elaboración propia.

Polo que atinxe ós Axentes Importadores (AIM), aqueles que reciben e consumen os produtos culturais galegos no exterior ou que os reciben no exterior para despois, dalgún modo, distribuílos aos consumidores finais, dada a súa amplitude e mesmo dificultade para delimitar con exactitude, centrouse a investigación nos Centros galegos e nos lectorados de lingua galega.

As tendencias esenciais da visión dos Centros galegos entrevistados poden resumirse así:

Cadro 3.
1 O financiamento das actividades culturais organizadas polos Centros galegos conta habitualmente con diñeiro público e privado.
2 As actividades culturais organizadas polos Centros galegos sempre teñen en conta a comunidade de emigrantes e raramente centran a súa atención na sociedade de acollida.
3 Os Centros galegos tenden a colaborar entre si á hora de organizar actividades culturais.
4 Os Centros galegos considéranse a si mesmos adecuadas portas de entrada para a cultura galega nos países nos que se sitúan.
5 A emigración galega coñece e valora positivamente a cultura galega.
6 Os produtos da gastronomía, música, das artes escénicas, e da fotografía galegas son os máis atractivos para as sociedades de acollida. Sendo os menos atractivos os produtos do artesanía, cinematografía e artes visuais, arquitectura e ilustración e banda deseñada.

Fonte: Elaboración propia.

En canto ós lectorados de lingua galega, cabe destacar dúas categorías semánticas.

Categoría semántica 1
A proxección cultural realizada polos lectorados de lingua galega vai alén da lingua

Así o poñen de manifesto os 7 lectorados entrevistados ao relacionar as actividades que teñen organizado ou promovido no pasado. Deste modo, alén dos cursos de lingua galega, encontramos que os lectorados promoven actividades como: demostracións gastronómicas, festivais de cine galego, conferencias ou concertos de música.

Categoría semántica 2
A proxección cultural realizada polos lectorados de lingua galega pode ser mellorada

Apúntanse dúas ideas arredor das que advertimos máis consenso e que poden aportar información de interese. Dunha banda, mellorando a relación cos profesores que exercen os lectorados e proporcionando os medios indispensables para soster as actividades complementarias. Doutra, facilitando materiais didácticos adecuados para o ensino da lingua galega a persoas non galegas.

A modo de conclusións ou recapitulación das visións dos diferentes colectivos de actores arredor da acción exterior cultural galega, podemos establecer a seguinte táboa-resume.

Táboa 2.
Principais tendencias extraídas da visión dos colectivos estudados
Trazos das visións dos colectivos

Número
atribuído

Colectivo

A proxección exterior da cultura galega é, no mellor dos casos, escasa.

01

APRO

Os produtos culturais galegos son de boa ou moi boa calidade, o que constitúe unha vantaxe á hora de exportar.

02

APRO

O apoio público e privado á proxección exterior da cultura galega é insuficiente, o que constitúe unha importante deficiencia.

03

APRO

A presenza dos produtos culturais galegos nos eventos de proxección externa é un obxectivo principal das axudas actuais, o que constitúe un acerto.

04

APRO

Entre os ámbitos xeográficos nos que se está a proxectar a cultura galega destacan o Estado español e Portugal, o que constitúe un acerto parcial tendo en conta.

05

APRO

Os ámbitos xeográficos proclives para a proxección da cultura galega (Estado español, lusofonía e emigración) non están a ser convenientemente aproveitados e tampouco se está a abrir mercado en ámbitos diferentes.

06

AXES

Os sectores culturais que están a contar con máis apoio dos AXES á hora de proxectárense fóra son 4: a escultura, a música, a pintura e a fotografía, contando con moi pouco ou ningún apoio o resto de sectores culturais.

07

AXES

Os AXES parecen atribuír pouca importancia á proxección exterior da cultura galega.

08

AXES

Existe un diálogo escaso entre os AXES ou entre estes e outros axentes da cultura galega á hora de elaboraren as súas axendas culturais.

09

AXES

Existe unha escasa proxección exterior dos APRO debida á falta de recursos con que este colectivo conta.

10

AXES

O financiamento das actividades culturais organizadas polos Centros galegos conta habitualmente con diñeiro público e privado.

11

Centros galegos

As actividades culturais organizadas polos Centros galegos sempre teñen en conta a comunidade de emigrantes e raramente centran a súa atención na sociedade de acollida.

12

Centros galegos

Os Centros galegos tenden a colaborar entre si á hora de organizar actividades culturais.

13

Centros galegos

Os Centros galegos considéranse a si mesmos adecuadas portas de entrada para a cultura galega nos países nos que se sitúan.

14

Centros galegos

A emigración galega coñece e valora positivamente a cultura galega.

15

Centros galegos

Os produtos da gastronomía, música, das artes escénicas, e da fotografía galegas son os máis atractivos para as sociedades de acollida. Sendo os menos atractivos os produtos de artesanía, cinematografía e artes visuais, arquitectura e ilustración e banda deseñada.

16

Centros galegos

A proxección cultural realizada polos lectorados vai alén da lingua.

17

Lectorados

Os profesores responsábeis dos lectorados consideran que o traballo de proxección cultural que están a realizar é mellorable.

18

Lectorados


Fonte: Elaboración propia.

Procédese nos parágrafos seguintes ao establecemento dunha serie de conclusións arredor dos trazos esenciais das visións dos colectivos abordados, introducindo xa valoracións dos propios analistas, a partir da experiencia acumulada durante a investigación realizada para este relatorio.

• Actualmente, a proxección exterior dos APRO e, por tanto, da cultura galega está a ser escasa, a pesar de contarse cunha materia prima de calidade notable. Deste modo, estanse a desaproveitar os innegables beneficios que unha boa proxección exterior da cultura galega podería ter para Galicia.

• Entre as causas da escaseza da proxección cultural galega no exterior están: as insuficiencias económicas dos APRO, non atenuadas polo sector público nin polo privado; e, doutra banda, a falta de consciencia da importancia da proxección cultural no exterior.

• Os ámbitos xeográficos en mellor disposición de acoller a cultura galega son 3: o Estado español, a lusofonía, e os países con abundante emigración galega. Tendo isto en conta, evidénciase que a vantaxe que estes ámbitos supoñen para a cultura galega non está a ser aproveitada.

• O apoio á exportación cultural, sendo escaso, ten como un dos obxectivos principais conseguir que os APRO estean representados en eventos de ampla repercusión externa.

• Existe unha desigualdade no apoio aos diferentes sectores culturais galegos que non ten sido acordada ou planificada, o que con toda probabilidade está redundando nun desaproveitamento de recursos e eventuais sinerxías.

• Centros galegos e lectorados desenvolven actividades ás veces semellantes nas mesmas áreas xeográficas, o que probablemente faga recomendable algún tipo de cooperación entre eles.

• A tendencia a colaborar entre si, o feito de seren capaces de suscitar o apoio da sociedade civil galega emigrada e o feito de teren sempre en conta, na organización de actividades culturais, á emigración galega parecen revelar os Centros galegos como boas portas de entrada nos colectivos emigrados galegos. A esta idea contribúe tamén que os sectores da emigración con que tratan os Centros galegos son receptivos á actividades culturais que estes organizan. Con todo, cómpre advertir que é posible que os Centros galegos, na actualidade, non sexan capaces de chegar a toda a emigración galega que se encontra nas áreas xeográficas da súa influenza nin tampouco que deban ser os exclusivos referentes da proxección da cultura galega nos países onde exista presenza da diáspora galega, se aspiramos a influenciar na sociedade dos países de acollida. A auto-percepción dos Centros galegos como boas portas de entrada da cultura galega nas respectivas sociedades de acollida non implica, loxicamente, que o sexan verdadeiramente. Con todo, si é indicativo de que estarían dispostos a selo en caso de consideralo oportuno.

• Atendendo ás queixas e demandas recollidas nas entrevistas aos lectorados, concórdase en que o seu traballo, e tamén o tratamento que reciben, son mellorables.


3. Estratexias para o fomento da presenza cultural de Galicia no exterior

3.1. Marco político-institucional

Cómpre sinalar que a efectos do noso estudo, a xestión institucional neste ámbito, a configuración do organigrama e dos seus responsables, foi obxecto de remodelación recentemente, como consecuencia do cambio político orixinado en Galicia a raíz das eleccións do 15 de xuño de 2005 e, nalgún caso, aínda está por completar.

A presidencia da Xunta de Galicia, aínda sen ter atribucións específicas nesta materia, ten asignadas tres Secretarías Xerais, que inflúen directamente neste eido. En efecto, tanto a Secretaría Xeral de Política Lingüística, sobre quen recae, por exemplo, a competencia sobre os lectorados de galego no exterior, ou a Secretaría Xeral de Emigración, que ten a responsabilidade do contacto permanente cos nosos centros da diáspora, son referentes importantísimos no eido da proxección exterior da cultura galega.

Igualmente, cómpre salientar a significación da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pois toda estratexia exterior, tamén no eido da cultura, debe ser obxecto de compatibilización e de homoxeneización coas accións exteriores noutros campos da acción do goberno. A maiores, esta Secretaría pode apoiar e reforzar algunhas dimensións específicas en ámbitos xeográficos onde existe unha presenza institucional de Galicia. Pensemos nas oficinas de enlace na área de Mercosur, cunha situada en Florianópolis (Santa Catarina, Brasil) e outra en Bos Aires (provincia de Formosa, Arxentina), que teñen como principais funcións non soamente prestar apoio empresarial ou político ás accións impulsadas desde Galicia, senón atender a ámbitos como a cultura, o turismo ou o idioma. Por último, a Fundación Galicia-Europa que é unha institución privada sen ánimo de lucro creada para a promoción de tódalas accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. A Fundación Galicia Europa naceu en 1988 e no seu seo aglutina a diversas entidades públicas e privadas galegas, pero é a Xunta de Galicia quen asume a responsabilidade da súa dirección. Entre as súas funcións destaca a promoción da cultura da nosa Comunidade Autónoma no ámbito europeo a través de diversas actividades, todo isto co propósito de apoiar o desenvolvemento exterior de Galicia.

Da Presidencia da Xunta de Galicia depende tamén a Casa de Galicia en Madrid, unha tribuna de notable importancia para alentar a presenza cultural na capital do Estado e mesmo para viabilizar unha política de relacionamento con todos os axentes exteriores que asentan en Madrid.

En termos mais precisos, a promoción da cultura galega no exterior corresponde á Xunta de Galicia, en concreto, á Consellería de Cultura e Deporte, a través da súa Dirección Xeral de Creación e Difusión cultural, sobre quen recae a responsabilidade esencial en canto á definición de obxectivos e xestión nesta materia. Esta Dirección Xeral é de recente creación.

Nesta mesma Consellería, existen outros departamentos ou organismos autónomos que deberíamos ter en conta á hora de planificar e desenvolver a acción cultural no exterior. En primeiro, lugar, o IGAEM (Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais), con responsabilidades no ámbito da danza, o teatro, ou música tradicional, segmentos todos de referencia neste eido e que cómpre ter en conta á hora de formular políticas de proxección exterior da nosa cultura.

Tamén cómpre considerar o Consorcio Audiovisual de Galicia, entidade de dereito público de carácter interadministrativo na que participan a CRTVG e as catro Deputacións galegas para poder afortalar o sector audiovisual galego e impulsar a integración competitiva no sector audiovisual estatal e internacional.ión competitiva no sector audiovisual nacional e internacional.

Como consecuencia do cambio de goberno, fora deste departamento quedaron as competencias en materia de Turismo (TurGalicia, promoción do camiño de Santiago), hoxe en Innovación e Industria, un eixe debe ser incorporados a unha estratexia de promoción internacional da cultura do país, ao igual que acontece no eido da artesanía.

Así mesmo, o Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, competencialmente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, podería participar nas accións de difusión e promoción exterior.

A Administración local participa cada vez mais dos intercambios culturais internacionais. O acceso a recursos externos para esta finalidade (esencialmente da UE), o recoñecemento exterior do valor patrimonial (Santiago ou Lugo), a aposta polo turismo cultural e mesmo a política de irmanamentos ou a implicación en estratexias de codesenvolvemento favorecen a aparición de novos ámbitos da xestión pública local, aínda que sen estrutura interna moi definida.

As principais manifestacións están relacionados coa promoción das cidades e o establecemento de relacións estables con outras localidades para executar proxectos de interese común. Neste ámbito, cabe sinalar o camiño de Santiago ou a muralla romana de Lugo, ou a participación en programas europeos como o Observatorio Cultural do Arco Atlántico (Santiago de Compostela). É feble aínda a organización de eventos ou festivais con vocación internacional, e tamén a presenza en redes internacionais que orienten as súas actividades no ámbito cultural.

No eido consultivo, o Consello da Cultura Galega dispón dunha comisión de cultura galega no exterior, que formula ideas e propostas para garantir unha digna presencia internacional da nosa cultura e alenta iniciativas que podan permitir un maior aproveitamento de recursos e un maior coñecemento da cultura galega que está presente no exterior, conectándoa coa Galicia interior.

No Parlamento de Galicia, unha das oito comisións permanentes lexislativas, é a de educación e cultura, con presencia das tres forzas políticas. Por outra banda, como permanente non lexislativa, existe unha Comisión de Asuntos Europeos.

As Universidades tamén desempeñan unha función importante no eido da difusión exterior da nosa cultura e a través da cooperación interuniversitaria. As oficinas de relacións internacionais, que poderían reforzarse, pero tamén aquelas Facultades mais directamente relacionadas co feito cultural, ou entidades como o Instituto da Lingua Galega, son piares a ter en conta para a definición dunha estratexia integradora de promoción da cultura galega no exterior.

A Asociación Internacional de Estudos Galegos, que organiza os seus congresos con periodicidade trianual dende 1985, é un conclave referencial na medida en que potencia os estudos galegos dende unha ampla perspectiva e achegando contribucións permanentes para innovar, actualizar ou ampliar calquera aspecto da realidade cultural galega. A AIEG celebrou congresos en universidades de EEUU, Reino Unido, Alemaña, Cuba e España. O VIII Congreso celebrarase en Salvador, Bahía, Brasil, en setembro de 2006.

Por último, cómpre salientar a potencialidade da tupida rede de Academias, de Museos, Bibliotecas e Arquivos, editoriais, entidades culturais (a través das súas Federacións), Fundacións, Padroados, Sociedades, que expresan unha enorme riqueza, e a veces unha considerable dispersión, e que reclaman instrumentos aglutinadores para aproveitar as sinerxías resultantes.


3.2. Orientacións xerais e Principios de Actuación para unha Acción cultural de Galicia no exterior

Galicia é cada vez mais consciente dos valores e atractivos incorporados ao seu patrimonio cultural. Esa apreciación tense reforzado nos últimos anos, especialmente a través da potenciación do camiño de Santiago, que espertou a curiosidade no exterior acerca da nosa identidade e cultura.

Son múltiples e diversas as institucións que dende diferentes perspectivas e con diferentes obxectivos están comprometidas coa difusión exterior da nosa cultura. Corresponde ao poder público formular políticas globais e integradoras que permitan aos diferentes actores comprometerse nunha estratexia que non afogue a súa capacidade creativa, primeiro valor referencial como protagonista, e que poida beneficiar ao conxunto e que dignifique e tire proveito tanto da cultura galega en si, como desa realidade mais ampla que é a cultura en galego, que permite convocar as manifestacións de todos aqueles que utilizan a nosa lingua como vehículo de expresión e creación. Esa comunidade cultural galega, que transcende as fronteiras do propio país para abrirse camiño polos eidos da diáspora, é un valor estratéxico tanto no plano político como económico que debemos ponderar adecuadamente.

Esa consideración debe obrigarnos a procurar evitar o unilateralismo cultural que nos pode levar a prescindir dun axente mediador que está chamado a ser algo mais que unha simple ponte cultural para converterse nun factor positivo e enriquecedor do noso discurso e da nosa mentalidade que pase a primeiro plano o aproveitamento do potencial desas comunidades e dos individuos que as integran, con independencia da súa adscrición ou non aos núcleos de activismo galego se son activos na sociedade e na cultura do seu país de residencia.

A evolución tecnolóxica que tanto facilitou a comunicación e a conseguinte perda de peso do espazo físico como factor de identidade, ábrenos un horizonte de posibilidades para alongar os ámbitos de proxección e para tirar mais proveito de realidades que están mais afastadas da nosa inmediatez territorial.

Unha mención específica merece o espazo luso-galaico que debemos entender como un modo de intervir activamente na definición do proceso de mundialización, un proceso no que estamos, queirámolo ou non, inmersos e implicados dende unha área xeo-lingüística e pluricultural específica que nos identifica e que pode funcionar como un valor engadido ou, pola contra, de seguir escoando, diluírse sen se deixar ver nin oír, sen chegar sequera a se deixar notar como perda.

A nosa especificidade, lonxe de ser un punto feble, ten a posibilidade de se transformar nunha vantaxe competitiva, nun mundo globalizado e uniforme no que a diferenza é un valor engadido. Ten que parecer natural que a cultura galega estea presente tamén en Lisboa, en São Paulo ou noutras capitais de países de expresión portuguesa. O libro en portugués debería ser máis coñecido e accesible nas nosas librarías. A premisa destas e doutras cuestións está na importancia básica do ensino da lingua e da cultura portuguesas no ensino de Galicia, e concretamente a nivel secundario.

Aínda recoñecendo as afinidades lingüísticas xa existentes, non convén sobrevaloralas e, unha vez máis, o ensino da lingua portuguesa, complementado aquí co da riquísima cultura brasileira e a dos países africanos, de interese apaixonante baixo moitos aspectos, é premisa básica para asentar actividades recíprocas coa debida intensidade e fecundidade. Por outra banda, a relación cultural con ese mundo lusófono espallado por tres continentes pode ser abordado tanto a través de relacións directas, como, aínda que non necesariamente, pola ponte portuguesa.

A lusofonía é un espazo que, nun contexto de diversidade cultural que defendemos e apoiamos, pode facernos máis visibles e introducirnos como ben, en primeiro lugar, no mercado da industria da comunicación e da cultura. Nesa perspectiva importa definir cadros de converxencia e modalidades de cooperación que favorezan unha integración futura do sector audiovisual e outros nunha perspectiva complementaria, non excluínte e favorecedora de sinerxías.

Para o avance desta idea resulta esencial construír un público específico que aposte polas posibilidades da lusofonía como un escenario real para o intercambio e a xeración dunha experiencia de gran futuro no eido intercultural, con base nas diferentes variantes lingüísticas dun mesmo sistema, a nivel dun mercado que xera expectativas e que pula, asemade, polas aplicacións tecnolóxicas en vencello coa nova economía, e como acción política que cadra cos principios de diversidade e mesmo coas preocupacións do debate europeo.

Igual ca noutra perspectiva, Galicia pode aspirar a desempeñar un decisivo papel no cultivo da ascendencia céltica dos pobos e países da ribeira atlántica que conservan esa referencia cultural común e que debe servir de acicate para o desenvolvemento de relacións non soamente culturais senón tamén económicas e comerciais. O celtismo é unha orixinalidade que debe ser actualizada en función dos novos tempos e dinamizada de forma sostida para transformala de sinal de identidade en motor de progreso.

A partir destas premisas, a acción cultural de Galicia no exterior debe basearse nos seguintes principios de actuación:

- Tradición e contemporaneidade: é importante que as iniciativas de promoción exterior da nosa cultura expresen un xusto equilibrio entre a divulgación das manifestacións máis tradicionais, algunhas delas aínda pouco coñecidas no exterior, e as expresións artísticas máis contemporáneas, que poden contribuír a consolidar o prestixio global dun país que non soamente acumula unha rica historia senón que ademais está dotado dunha percepción aberta e dinámica do progreso.

- Diversidade: na acción cultural exterior cabe incluír as diferentes actividades artísticas (literatura, cinema, escultura, pintura, fotografía, baile, arquitectura, vídeo-arte, etc.), con posibilidades de plasmación dos diferentes estilos e xeracións, de forma que resulte a expresión combinada e equilibrada das expresións culturais que hoxe conforman o panorama artístico de Galicia.

- Función habilitadora da Administración: a capacidade creativa propia da esfera sociocultural debemos evitar que sexa atrancada cun exceso de burocracia. Cábelle, pois, ás institucións públicas do poder executivo unha función habilitadora e catalizadora moi importante, e ata indispensable, pero non a de protagonista. Quizais sexa este un dos terreos no que mellor pode atopar aplicación o modelo de iniciativa e xestión privada de interese público. Pódese tratar, por exemplo, de fundacións ou de entidades sen ánimo de lucro, receptoras de recursos públicos e privados, independentes da Administración pública, pero responsables da xestión dos seus fondos ante o Parlamento, por exemplo, e dirixidas en termos moi xerais, cando proceda, por un consello representativo da maior diversidade de forzas sociais e personalidades de recoñecido prestixio.

Entidades dese xénero, ou incluso menos estruturadas con criterios de responsabilidade pública que as descritas, terían unha considerable vantaxe de axilidade na súa relación con outras semellantes do exterior, e na posibilidade de criar entidades e asociacións de contrapartida na sociedade civil doutras comunidades e países.

Por parte da Administración, a función habilitadora, catalizadora e, de ser o caso, tamén de iniciativa que non queda excluída nese modelo xenérico, corresponderíalles primariamente ás consellerías de competencia máis declarada no campo da cultura, pero tamén a outras que puidesen parecer máis tanxenciais, e sobre todo, pola dimensión diaspórica na que insistimos, ás encargadas de cuestións de emigración ou afíns.

- Coherencia: o traballo en rede garante a coherencia e evita a fragmentación da política de difusión cultural, ata o punto de que sen ela non é doado podermos falar de acción cultural exterior.

- Planificación: a fin de optimizar os recursos e gañar en eficacia, a planificación e a programación previa son instrumentos indispensables. A Xunta de Galicia debe propoñer e alentar os Programas básicos que propicien a presenza da cultura galega no exterior, privilexiando aqueles contidos máis idóneos para facer patente e atractiva a nosa paradiplomacia cultural.

- Colaboración: é fundamental acreditar unha vontade sincera de implicación doutras institucións, públicas e privadas, na programación da acción exterior cultural. Por outra banda, sen alianzas, tanto no interior como no exterior, infrautilizaranse e desaproveitaranse oportunidades. Cómpre por iso estimular unha política de colaboración con institucións culturais de prestixio doutros países que estean interesadas en mostrar a cultura galega. O obxectivo debe ser que en museos, galerías, salas de concerto, etc., se afiance un hábito, un costume de programar cultura galega. Cómpre, neste sentido, formular apostas de carácter estratéxico.


3.3 A vertebración dos actores

Para a elaboración e xestión da política de promoción da cultura galega no exterior, proponse a adopción inicial dos mecanismos orgánicos imprescindibles e mínimos que garantan, fuxindo da burocratización, un maior impacto e impulso das nosas accións.

A Comisión Interadministrativa para a Promoción da Cultura Galega no Exterior que, baixo a dirección da Consellería de Cultura, incluiría a representantes dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia involucrados nesta materia. É dicir, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, Secretaría Xeral de Emigración, Casa de Galicia en Madrid, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Consellería de Innovación e Industria.

A principal función desta Comisión, asumindo a transversabilidade da política de promoción da cultura galega no exterior, consistiría en unificar criterios e compartir orientacións nesta materia, de xeito que se garanta unha actuación coordinada do goberno galego que presentaría, de cara ao exterior, unha única imaxe, unha única marca, facilmente recoñecible e aplicable en todas aquelas iniciativas relacionadas coa presencia cultural de Galicia no exterior, con independencia de cal fose o departamento en concreto que xestionase e financiase a iniciativa. Asemade, podería impulsar mecanismos de coordinación con outras administracións públicas.

O Consello Galego para a Promoción da Cultura Galega no Exterior reuniría a representantes da Xunta de Galicia e dos principais actores do sector, e debe ser concibido como un foro de participación, debate e asesoramento, a fin de involucrar de forma activa aos principais suxeitos e beneficiarios na dinamización da presencia exterior da nosa cultura.

A dirección deste Consello estaría baixo a responsabilidade do Consello da Cultura Galega, a fin de facilitar a construción dun espazo de reflexión e participación afastado dos avatares políticos e dotado do sentido de permanencia que proporciona a independencia deste organismo. Cabe reivindicar neste sentido o importante papel que pode desempeñar o Consello da Cultura Galega como institución facilitadora da dinamización cultural por riba das conxunturas e como interlocutor do goberno galego e doutras instancias para fixar estratexias que poidan ser asumidas por todo o corpo institucional do país e para coordinar e impulsar o seu desenvolvemento e promoción exterior.

Tería especial interese, por exemplo, que o propio Consello da Cultura Galega seguise atentamente todas as iniciativas da sociedade civil neste terreo das relacións culturais co exterior, esforzándose por criar conciencia de que esas iniciativas lles deben ser comunicadas para que poidan viabilizarse adecuadamente esas funcións habilitadoras e mediadoras. Os incentivos para estimular esa responsabilidade dos iniciadores poderían ser moi variados, económicos ás veces, pero non sempre, e, en moitos casos, simplemente o valor evidente da maior facilidade de contactos e difusión que forman parte xustamente desa habilitación.

Estes dous mecanismos considéranse de urxente creación para avanzar no deseño e na experimentación de políticas concretas, garantindo o diálogo en todo momento e favorecendo un recoñecemento institucional do papel que os diferentes actores deben asumir para acadar o éxito desta iniciativa e propiciar un salto sostido nesta dimensión nos próximos anos.

A formulación de políticas activas en materia de promoción cultural no exterior debe incardinarse nun dobre proceso. Aquel que afecta ao impulso propiamente cultural e que debe ser expresión dunha maior sintonía e acomodo entre o papel da Administración pública e dos protagonistas da cultura. E tamén aquel outro impulso exterior que debe garantir para a nosa Comunidade un maior aproveitamento das posibilidades que nos brindan as transformacións do mundo contemporáneo. Ambos impulsos esixen como prerrequisito previo a formulación de políticas participativas que garantan o debido acompañamento social, pois sen el correse o serio risco de fracasar na tentativa.

Nunha segunda fase, unha vez temperados os mecanismos citados, garantida en debida forma a coherencia das políticas públicas neste eido e a cohesión cos intereses e ambicións dos sectores da cultura, cumpriría sopesar a conveniencia de crear unha Axencia, Instituto ou Sociedade para a promoción da cultura galega no exterior, concibido como mecanismo privilexiado de xestión.


3.4. Os principais escenarios xeográficos

Considérase que a aspiración última da cultura galega debe consistir en estar presente en todo foro e lugar do mundo: en calquera biblioteca, en calquera museo, en calquera sala de concertos, etc. Sen embargo, os recursos de que dispoñen os diferentes colectivos de axentes que participan na exportación cultural galega son limitados, polo que semella recomendable comezar por identificar e priorizar aqueles ámbitos xeográficos nos que a cultura galega poida ter máis facilidades, onde conte con máis posibilidades de ter éxito. Deste modo, estarase a dar un paso firme na dirección do fortalecemento económico dos diferentes colectivos que participan na proxección exterior da cultura de xeito que, pouco a pouco, estes colectivos se verán con forzas para atinxir metas xeográficas máis ambiciosas.

Para determinar os principais escenarios xeográficos estímase conveniente recorrer aos axentes produtores de cultura galega, APRO. A relevancia da opinión deste colectivo derívase de estar constituído polas persoas que mellor coñecen os produtos culturais galegos e as súas características, ao seren quen os elaboran; por outro lado, convén lembrar que a mostraxe de APRO seleccionada para o presente relatorio está integrada por persoas con acreditada experiencia na proxección exterior dos produtos dos seus respectivos sectores, polo que tamén coñecen de primeira man as vantaxes e inconvenientes dos produtos galegos cando saen aos diversos ámbitos xeográficos no exterior.

Segundo os APRO poden ser establecidos 3 ámbitos xeográficos nos que cabe esperar maior receptividade aos produtos culturais galegos: o Estado español, os espazos con notable presenza de emigración galega e a lusofonía.

Tamén 3 son as variables ás que parece conveniente atender á hora de examinar a maior ou menor receptividade dun espazo xeográfico para a cultura galega: o coñecemento ou non da cultura galega e os seus produtos, a distancia xeográfica respecto de Galicia e elementos de caracter loxístico.

- Coñecemento da produción cultural galega: o coñecemento dun produto ou, neste caso, dun conxunto de produtos, facilita o seu consumo ao xerar confianza nese produto por parte dos eventuais consumidores e ao introducir ese produto nas opcións de consumo dos eventuais consumidores.

- Distancia xeográfica: a maior distancia xeográfica supón maior dificultade exportadora, na medida en que encarece o seu custo: transportes de mercancías, viaxes, etc.

- Elementos loxísticos: os expertos consultados chaman a atención, nomeadamente, sobre a importancia da lingua. Pénsese en que para calquera tipo de evento, de actuación no exterior, é necesario realizar toda unha serie de contactos e, moitas veces, é necesario atinxir un certo grao de simpatía con determinadas persoas ou cargos; isto será máis fácil alí onde os diversos axentes da cultura galega poidan comunicarse con fluidez.

Estado español

  • Coñecemento da produción cultural galega: é unha das vantaxes do Estado español. A especificidade e riqueza culturais galegas son relativamente coñecidas no Estado español. Un coñecemento da especificidade e riqueza galegas que, con todo, é aínda facilmente mellorable.

  • Distancia xeográfica: a proximidade xeográfica facilita a exportación.

  • Elementos loxísticos: o dominio da lingua española por parte dos diversos colectivos de axentes que interveñen na exportación cultural galega é unha vantaxe. A isto cómpre engadir, o feito de compartiren toda unha serie de cognicións relativas aos máis diversos ámbitos da vida. Todo isto facilita o entendemento e a conseguinte consecución de soporte loxístico por parte dos galegos no Estado español.

Emigración

  • Coñecemento da produción cultural galega: alén de ser ben coñecida, habitualmente, entre a emigración galega tamén cabe pensar que alí onde esta non sexa moi coñecida suscitará un interese que facilitará o seu consumo.

  • Distancia xeográfica: dada a dispersión da emigración galega, poucas veces a distancia xeográfica constituirá unha vantaxe. Non obstante, o espazo europeo semella máis accesible ca diáspora americana.

  • Elementos loxísticos: non cabe esperar dificultades de entendemento entre as persoas da emigración galega e os axentes que interveñen na exportación da cultura galega.

Lusofonía

  • Coñecemento da produción cultural galega: se ben a cultura galega é descoñecida na lusofonía, as experiencias e opinións recollidas para este relatorio, especialmente nos APRO, indican un extraordinario interese potencial na cultura galega, nomeadamente nos produtos culturais que incorporan a lingua galega. Deste modo, semella que calquera investimento en dar a coñecer a peculiaridade cultural de Galicia no Estado español e a súa proximidade lingüística ao resto de países lusófonos debería ser rendible.

  • Distancia xeográfica: excepto no caso de Portugal, a distancia xeográfica constitúe unha desvantaxe.

  • Elementos loxísticos: a lingua e as semellanzas culturais, especialmente no caso de Portugal, facilitan o entendemento e a consecución de apoio loxístico.

Existen outros espazos xeográficos nos que a cultura galega debería estar presente pola importancia simbólica ou prestixio que supoñen, como é o caso das nacións celtas para determinadas expresións musicais galegas. Estes espazos, no entanto, varían de sector a sector, resultando conveniente analizalos en cada caso.


3.5 Programas e Medidas

Neste subepígrafe inclúense algúns programas con recomendacións concretas que se considera oportuno implementar, tendo en conta que, sempre que sexa posible, o seu obxectivo último debería consistir en lograr a sustentabilidade económica da cultura de modo que, pouco a pouco, poida reducirse o apoio oficial.

Con todo, estímase conveniente comezar por suxerir unha boa práctica (valorización da cultura galega na propia Galicia), sen cuxo respecto, a exportación exterior da cultura galega probablemente carecería de interese, na medida en que se daría un importante paso na dirección do seu fracaso certo.

Consideramos a importancia de instrumentar catro programas.

Programa 1.
Apoio á promoción exterior da creación cultural galega

Incluiría, entre outras, as seguintes medidas:

a) Creación dun portal da cultura galega que poida servir como referente internacional para unha mellor e maior comprensión da nosa identidade cultural, ademais de punto informativo para os colectivos envolvidos na exportación da cultura galega. Este portal debería incluír, como mínimo:

a. Informacións xenéricas a respecto da cultura galega: raíces históricas, proximidade doutras culturas actuais, etc.; e tamén informacións específicas, organizadas por sectores culturais, onde se deberían recoller mostras e referencias de contacto a través das que poder, no mínimo, iniciar os trámites para contratar ou comprar cultura galega.

b. Unha axenda internacional da cultura galega, que recolla todos os eventos de proxección internacional nos que estea presente a cultura galega.

c. Unha sección que recolla todas as formas de apoio existentes en cada momento aos diversos colectivos, ben como os requisitos e trámites a desenvolver para aspirar a obter tales apoios. O idóneo sería incluír as axudas ofrecidas por todas as Administracións: locais, autonómica, estatal, europea e por outras institucións de carácter privado.

O portal debería contar cunha boa campaña de promoción no exterior, comezando polos escenarios xeográficos preferentes.

b) Instrumentar axudas para que escritores e artistas galegos poidan promocionar no exterior as súas obras, sendo especialmente conveniente o apoio a iniciativas que xurdan directamente das asociacións existentes nos sectores correspondentes, alí onde existiren.

c) Convocatoria de axudas para traducir obras galegas a outras linguas, no marco da promoción da difusión da literatura galega no exterior.

d) Convocatoria de axudas para apoiar a proxección exterior de artistas e interpretes (música, danza, teatro e artes visuais). Estas convocatorias non só deberían ter en conta a calidade dos espectáculos que aspiren a elas, senón tamén o tipo de demanda que exista en cada mercado e en cada momento.

e) Promoción no exterior do pensamento, o ensaio e a investigación, favorecendo a contribución galega á formación do acervo cultural universal nos ámbitos académico, científico e intelectual, contribuíndo á superación das súas dificultades de visibilidade social no exterior.

f) Asegurar a participación en todo tipo de feiras e certames que pola súa relevancia sexa de interese a presenza da cultura galega.

g) Organización de mostras da cultura galega no exterior, con festivais e outras iniciativas que contribúan a involucrar ao mundo académico e cultural dos países de maior interese na promoción da identidade galega.

h) Convocatoria de Becas de especialización en materia de promoción cultural no exterior co obxecto de formar bos profesionais neste eido.

i) Concretar estratexias que estimulen a internacionalización das principais manifestacións artísticas galegas en todos os dominios, asegurando a participación e o fortalecemento efectivo das organizacións sectoriais.

k) Convocatoria de axudas para a realización de xiras culturais con destino naqueles países definidos como prioritarios.

l) Creación dunha marca internacional da cultura galega que resalte a súa excelencia e contribúa a identificar mais doadamente a nosa singularidade, con independencia do dominio artístico no que se desenvolva.

Programa 2
Creación dun espazo compartido polos actores radicados en Galicia comprometidos coa promoción exterior da cultura galega

Incluiría, entre outras, as seguintes medidas:

a) Establecemento de acordos de colaboración coas entidades financeiras para a difusión dos produtos culturais galegos.

b) Establecemento de acordos de colaboración cos medios de comunicación públicos radicados en Galicia para a divulgación da actividade cultural no exterior. Tamén cos medios de comunicación públicos estatais.

c) A identificación de apostas comúns que poidan acadar unha grande relevancia internacional e que convertan a Galicia nun referente cultural e/ou artístico (especialmente no eido da música, audiovisual, etc.).

d) Instrumentación de medidas de apoio á internacionalización da industria cultural galega e de fomento do desenvolvemento empresarial do sector.

e) Apoio ás iniciativas innovadoras e aos novos talentos, favorecendo políticas consensuadas de identificación de valores en todas as disciplinas culturais.

f) Favorecer a autoorganización e a estrutura asociativa que facilite a coordinación de intereses comúns de todos e cada un dos sectores culturais.

Programa 3.
Fomento do coñecemento da cultura galega entre as institucións e os cidadáns do exterior

Incluiría, entre outras, as seguintes medidas:

a) Convocatoria de axudas para convidar a personalidades culturais do exterior como forma de favorecer, por unha banda, o acercamento de xentes do exterior á nosa realidade e, por outra, o acercamento das xentes da cultura galega á realidade internacional, ás “modas” internacionais existentes en cada momento e en cada sector.

b) Melloramento do rendemento dos lectorados de lingua galega, incluíndo medidas como estas:

  • Fomento do intercambio de experiencias entre os lectores: institucionalizando xornadas internacionais nas que se reúnan; habilitando un bate-papo (chat) no que poidan comunicarse entre si; enviando a cada un deles os contactos dos demais.

  • Habilitación dun contacto que lles permita a comunicación fluída coa Xunta de Galicia a fin de conseguiren apoio loxístico para a organización de eventos.

  • Elaboración de materiais didácticos apropiados para o ensino da lingua galega a persoas que non son galegas ou non coñecen o galego.

  • Tratamento serio e responsable do profesorado encargado dos lectorados: cumprindo os prazos das entregas económicas e mellorando a súa situación laboral.

  • Homologación do valor académico dos estudos proporcionados polos lectorados de lingua galega.

c) Creación dunha distinción honorífica para recoñecer o labor de compromiso e divulgación da cultura galega no exterior.

d) Promoción do ensino do galego nas universidades e outros centros de estudos superiores.

e) Favorecemento dos estudos e a investigación sobre a lingua e a cultura galegas no exterior.

f) Prestar apoio ás iniciativas e proxectos de persoas e entidades radicadas no exterior que manifesten unha especial sensibilidade para a difusión da cultura galega.

g) Políticas activas de fomento da aprendizaxe e o uso da lingua galega entre os galegos da diáspora e os seus descendentes.

Programa 4.
Creación dunha rede de vínculos bilaterais e multilaterais con institucións culturais do exterior

Incluiría, entre outras, as seguintes medidas:

a) Instar e asegurar a participación de Galicia en todos os foros institucionais de ámbito estatal dirixidos á promoción e difusión das culturas españolas contemporáneas.

b) Establecemento de mecanismos estables para o intercambio de ideas e a cooperación cultural entre as nacionalidades periféricas do Estado español.

c) Formalización de acordos de colaboración con entidades que teñan como misión a promoción, a cooperación e o intercambio cultural dos países definidos como prioritarios. Neste sentido, por exemplo, serían de extraordinario interese convenios co Instituto Cervantes e do Instituto Camões en virtude dos cales a lingua galega gozase dalgún recoñecemento e cabida nas tales institucións e nas actividades por elas desenvolvidas.

d) Fomentar a institucionalización de vínculos e recoñecementos por parte das institucións internacionais relacionadas co mundo cultural.


4. Epílogo: Por que é de central interese a proxección da cultura galega no exterior?

1. Pola economía galega

Un bo plano de proxección exterior da cultura galega debe servir para prestixiala no mundo e, deste modo, aumentar as súas cotas de mercado no exterior, o que, por súa vez, probablemente repercutirá no interior, tendo en conta que, moitas veces, o propio é máis valorado cando é obxecto de cobiza por xentes foráneas.

Deste modo, a cultura galega poderá transformarse nun sector económico dinámico e emprendedor, con capacidade para profesionalizar mais doadamente a produción cultural e contribuír a mellorar a presenza de Galicia nos mercados internacionais.

2. Pola cultura galega

Se Galicia é un país con cultura propia e, neste sentido, única no mundo, o pobo galego ten a obriga moral de velar pola supervivencia desa cultura, a fin de non contribuír para a perda dun patrimonio que fai parte da riqueza cultural mundial.

Considérase que nun mundo rexido por unha economía fundada nas leis do mercado, unha cultura vira produto e, como calquera outro produto, só poderá subsistir na medida en que logre ser útil en termos mercantís. Quere dicir, só subsistirá se consegue ser rendible.

Neste sentido resulta evidente a necesidade de abrir mercados no exterior, pois o mercado interno revélase moi pequeno para soster unha cultura que pretenda estar firmemente presente no mundo.

Aínda por outras palabras, se as xentes dedicadas á produción de cultura galega non obteñen unha contraprestación que lles permita satisfacer as súas necesidades, deixarán de producir cultura galega, pasando esta a ser un obxecto inerte e do pasado, presente só en museos. A proxección exterior da cultura galega contribuirá a fortalecer o tecido cultural interno e á consolidación dunha industria cultural significativa.

3. Pola cohesión social

Cabe pensar que unha Galicia prestixiosa e con persoas da cultura que, presumindo da súa condición de persoas galegas, constitúan referentes mundiais incidirán positivamente no estado de ánimo da sociedade galega que poderá sentirse máis plenamente orgullosa da súa identidade.

Doutro lado, unha cultura galega prestixiada será máis facilmente aceptada polas persoas que veñan residir a Galicia que, cabe esperar, asumirán máis fácil e rapidamente a necesidade de integrarse culturalmente: aprendendo a lingua galega, familiarizándose coas tradicións, interesándose pola historia do pobo galego, etc. Isto facilitará as relacións entre os individuos que integran a nosa base demográfica.

Evidentemente, o aumento da riqueza de Galicia permitirá que as institucións públicas dispoñan de máis posibilidades de obrar a redistribución económica e atenuar as desigualdades. Mais cultura significa tamén mais solidariedade.


5. Breve apunte sobre a metodoloxía aplicada

Na escolla dos Axentes, privilexiouse a identificación de sectores e sensibilidades varias e de persoas con experiencia ou cargos de dirección máxima en entidades ou departamentos ligados ás actividades de proxección da cultura galega no exterior en cada un dos campos, a fin de conseguir unha perspectiva o máis ampla posible.

Para a recollida de información recorreuse á entrevista semiestruturada; o que implica que se asume un cuestionario de referencia, permitindo ao entrevistador a variación da orde das preguntas ou, mesmo, a introdución de preguntas non previstas no cuestionario cando o entrevistador o considera oportuno a fin de conseguir informacións valiosas para este relatorio.

Unha vez realizadas e transcritas as entrevistas, extráense as ideas principais das respostas de cada un dos entrevistados a cada unha das preguntas para, despois, xuntar eses centos de ideas principais (ideas chave) nunhas poucas decenas de categorías temáticas (categorías semánticas). Finalmente, elimínanse aquelas categorías temáticas arredor das que non existe un grao de consenso suficiente, de modo que restan só unhas poucas categorías semánticas relevantes, e coas que xa se pode traballar a fin de extraer unhas conclusións xerais. É deste modo que se pode chegar a perfilar os trazos fundamentais da visión dos entrevistados.

No caso dos Centros galegos, optouse por un cuestionario con preguntas fechadas incluíndo un apartado, no final do cuestionario, de Observacións a fin de evitar que datos de relevancia para esta investigación poidan pasar desapercibidos por unha escolla inadecuada das preguntas e respostas tipo formuladas.

No caso dos lectorados de lingua galega utilizouse un cuestionario fixo de preguntas abertas e unha entrevista estruturada enviada por e-mail e respondida polo mesmo medio.

A información adicional sobre os cuestionarios e entrevistas, as técnicas de tratamento da información e a identificación das mostras de cada un dos axentes, están a disposición dos interesados.

 
 

Ângelo Gonçalves Vicente,
coordinador do
Observatorio Galego da Lusofonía e analista do Igadi.

Ângelo Gonçalves Vicente, clic para aumentar

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/09/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta