| Presenza-Opinión |
||
| Walesa Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 08/09/2005) |
||
|
Os desafectos e as crises sociais en Polonia entre o réxime e boa parte da sociedade iniciáronse ao pouco de establecerse o poder do POUP. A rixidez dun modelo, o soviético, que freaba toda tentativa de acomodamento ás particularidades nacionais, tan acentuadas en Polonia, nutría un descontento que emerxeu en numerosas ocasións, esencialmente a partir de 1956 en diante. A primeira denuncia e oposición crítica formal a aquel sistema proviña de figuras como Karol Modzelewski ou Jacek Kuron, autores da Carta Aberta ao Partido –do que foron rapidamente expulsados para seren ingresados no cárcere– na que denunciaban as graves taras do socialismo burocrático. Kuron sería ministro de Traballo con Solidarnosc e acabaría enfrontado, como moitos dos dirixentes daquel movemento, a un Walesa cegado pola ambición e o conservadorismo mais recalcitrante. Nos anos sesenta e setenta, sucesivas crises sociais involucraron directamente ao movemento obreiro. Da man de Kuron, entre outros, nacía o KOR (Comité de Defensa dos Traballadores) en 1976, para apoiar aos represaliados polo réxime por participaren en folgas laborais. O KOR foi o primeiro xermolo de autoorganización da clase traballadora polaca, e desembocaría dous anos mais tarde na formación do Sindicato Libre da Costa en Gdansk, antecedente directo de Solidarnosc. Este contexto interno, cun réxime acartonado e desbordado a un tempo polas protestas populares e pola obediencia debida ó monolitismo soviético, o apoio da Igrexa católica, referente clave na vida polaca en tempos de dificultades, e o alborozado apoio internacional, estableceu unha converxencia inédita. A rebelión polaca tiña como principal suxeito ao propio movemento obreiro. Non se trataba dun grupo de intelectuais sen predicamento. Ninguén mellor ca un traballador para deslexitimar o discurso emancipatorio daquel socialismo. Un intelectual coma Kuron nunca tería a mesma credibilidade, nin presentaría a mesma docilidade reaccionaria. Walesa convertía as manifestacións en procesións e operábase o milagre: Ronald Reagan apoiaba as reivindicacións dos obreiros... en Polonia. Solidarnosc é un referente aínda na vida polaca, pero hai anos que deixou de ser o que era. Hai tempo que os noutrora sindicatos oficiais, OPZZ, contan incluso con máis afiliación. No político, o propio Walesa encargouse a partir de 1990 de rebentar o movemento en mil anacos para satisfacer a súa propia megalomanía. Iso, en parte, pode explicar que nestas conmemoracións o electricista de Gdansk estivera acompañado de moitas autoridades, nacionais e estranxeiras, pero de poucos compañeiros de fatigas de Solidarnosc. Foron os seus quen acabaron cos estaleiros onde xurdiu a reivindicación católico-proletaria do capitalismo. ¡Meu deus!, que diría Wojtyla. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 04/09/2005 |