| Presencia-Opinión |
||
| Un contrapunto para Wojtyla Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 07/04/2005) |
||
|
Esa militancia mantívoa este Papa noutras ocasións. É de lembrar a imaxe da súa visita a Nicaragua, cando reprendeu, ao pe do avión, a un Ernesto Cardenal, humildemente axeonllado, polo seu compromiso co sandinismo, un movemento progresista, emancipador, que tentaba experimentar un camiño novo para erradicar a miseria de Nicaragua. Wojtyla recriminou en público a Cardenal, cunha contundencia que nunca empregou con ningún de tantos que podiamos incluír nunha longa listaxe de depredadores dos valores humanísticos mais elementais e que a Igrexa asegura promover e enxalzar. Comezando por Ronald Reagan, claro está, presidente de EEUU, condenado con mais contundencia polo Tribunal da Haia, financiador da “contra” que enredou e finiquitou o sandinismo, cunha xenerosidade que Washington nunca tivo despois para contribuír ó seu desenvolvemento en condicións de paz. Nicaragua segue na miseria e afogase na corrupción mais descarnada. Cardenal é un poeta. ¿Que conseguiu o Papa? A mesma coherencia mantivo Wojtyla á hora de procurar a defenestración de canta voz ou agrupación existía na Igrexa Católica, distante da curia vaticana pero virada para a asistencia franciscana aos mais necesitados, afogando, coa súa alongada man, a rica pluralidade que aínda servía de atractivo para tantos escépticos da mensaxe católica, practicando un nivel de dogmatismo que pouco debía envexar ao rancio marxismo leninismo de matriz soviética. Defensor sen reparos da vida, a Igrexa de Wojtyla, inflexible ante o aborto, o uso de anticonceptivos ou a eutanasia, preocupouse moi pouco das vítimas das guerras. Condenou a de Iraq coa boca pequena, mentres abrazaba en privado aos enviados de Bush, privándonos aos outros defensores da vida dunha amoestación igual de contundente como a exhibida fronte a Cardenal. Demasiado comprensivo cos poderosos, as súas bravatas morais adoeceron de inconsistencia e parcialidade. Non foi un Papa ecuánime, senón unha voz do seu tempo, comprometida de mais cunha cara da moeda, a versión eclesiástica do neoliberalismo. Respectable, pero difícil de compartir. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/04/2005 |