| Presenza-Opinión |
| Recordando a Tobío Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 17/03/2005) |
|
Probablemente a Tobío pouco lle importará. Nunca lle importou, penso, en exceso, mais ben nada, aínda que os recoñecementos sempre se agradecen no máis íntimo. Pero el destacou sempre pola súa humildade e silencio, a pesar do moito que sabía e do moito que podiamos aprender del. Pero sempre fomos sabidos de máis con el. Isaac Díaz Pardo lembra a miúdo esa falta de consideración cando se iniciaron os traballos de redacción do Estatuto de Galicia nos primeiros anos da transición. Quen perde con esta ignorancia é a propia sociedade galega, que deixa de reivindicar e apreciar a unha persoa que tiña unha visión do país, aberta ao mundo, como precisamos nos tempos actuais. Tobío era, como moitos galeguistas de entón, adiantados ao seu tempo. Hoxe, por desgraza, imos a remolque e nos faltan os criterios para aventurar con credibilidade os horizontes do futuro. E a min dáme vergoña que pasen estas cousas, que se organicen tantas xornadas, tantas conferencias, tantos seminarios, probablemente todos moi útiles e necesarios, non direi que non, pero que tan pouco ánimo se concite arredor dun persoeiro como Tobío. Están ben tantos esforzos por divulgar as novas sabedorías, responder aos retos de cada día, programar ofertas de todo tipo para que a cidadanía vexa nun a un bo xestor, competente e honesto; pero non deberiamos esquecer que tanto pragmatismo non deixa de ser ignorancia moderna. Unha sociedade, un proxecto, un país, non pode avanzar realmente se renuncia á memoria das súas figuras mais sobranceiras. Poderemos medrar en PIB, facer mais festas gastronómicas ca ninguén no mundo e non sei que cousas mais, pero será un saber afectado se coxea no esencial. O exemplo de Tobío non é o dun poeta, dun gran escritor (si dun excelente tradutor), que tanto recoñecemento merecen tamén, sen dúbida, senón dun ser cívico ante todo, coherente, comprometido, honesto, creativo, intelectualmente sólido, áxil na comprensión do espírito humano, virtudes, ao meu ver, todas elas, recomendables nun momento atribulado da nosa historia como o presente. Non son tantos os homes como Tobío que Galicia pode presentar a xeito de grandes figuras. E hai esquecementos deliberados, porque hai facetas da súa traxectoria que o escoran inevitablemente. Eu podo comprendelos, aínda que non comparta a esencia desa reflexión. Pero os peores son os esquecementos que non poden ser explicados. Será difícil que algo fecundo poida levarnos lonxe se borramos ou non recoñecemos os pasos do camiño que outros andaron na mesma dirección e buscando o mesmo sentido dignificador da nosa colectividade. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2005 |