| Presenza-Opinión |
||
| Presidenciais portuguesas Por Xulio Ríos (ECO, xaneiro/2006) |
||
|
Con estas presidenciais culminará un longo periplo electoral, iniciado no pasado febreiro, cando o PS obtivo a súa primeira maioría absoluta nunhas lexislativas. O segundo episodio foron as municipais, celebradas en outubro último e nas que o PSD, duramente derrotado nas lexislativas, conseguiu superar a súa inflexión e plantar cara ao PS. Cunha xestión complexa á fronte do goberno, con escasa sensibilidade para acompañar os dramas sociais e ambientais e, pola contra, amosando un inflexible empeño para impor medidas de axuste duro que xeraron amplo repudio en numerosos colectivos que se mobilizaron activamente contra a política do executivo, o PS foi castigado polo electorado. Medidas necesarias, pero mal explicadas, diso Mário Soares. Portugal atravesa unha crise complexa e prolongada. O ciclo de recesión provén de 2002 e reverter a situación non será doado. A situación non permite alegrías e as voces que reclaman cambios estruturais na economía portuguesa para pór fin aos tempos de incerteza son poderosas e influentes. ¿Como reducir o déficit público e facer da sanidade e a educación servizos eficientes? ¿Como facer máis livián o estado e aumentar o emprego? Nesta encrucillada multiplícanse os avisos de que o calado dos problemas a afrontar non se arranxa con meras reformas. Serán precisos sacrificios, dise, e unha terapia de choque aguda que quebrará os febles apoios con que contan as capas sociais máis desfavorecidas. As reestruturacións sectoriais que se vaticinan (dende o téxtil ao calzado, construcción ou obras públicas) van agravar o desemprego. A crise aínda non tocou a máxima intensidade, pero a ausencia de cohesión social (a pobreza aumentou), o agravamento das dificultades económicas son evidentes. Nunha Europa en que as políticas de igualdade adquiren, con todas as carencias que se queira, a singularidade de básicas, en Portugal a desigualdade aumentou visiblemente. Tanto é así que os dous candidatos principais asoman como unha especie de salvadores da patria, por riba do ben e do mal, persoas experimentadas para momentos de extremas dificultades, pero máis ca do futuro, inevitablemente, do que están a falar é do pasado. Porque os dous teñen xa moito pasado... |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 12/12/2005 |