Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Observatorio da Lusofonía: a lingua e a acción exterior
Por Xulio Ríos (ECO, xaneiro/2006)
 
 

  Río Miño, fronteira Portugal-Galiza, clic para aumentar
O Observatorio Galego da Lusofonía vai seguir a evolución dos países de expresión portuguesa nos eidos político, social, económico, e vai propor estratexias que fortalezan as relacións, tamén pensando na lingua, pero, sobre todo, pensando noutros dominios. Será a consolidación destas oportunidades o que permita que a sociedade galega valore tamén a importancia de non perder a lingua, porque é útil como instrumento na sociedade moderna e nos tempos de mundialización en que vivimos. A acción exterior tamén é política lingüística no eido interno. Esa rica dinámica, ben tensada, pode abrir vieiros, ata agora tristemente ausentes na nosa vocación internacional. (Foto: Ponte sobre o Río Miño, fronteira entre Portugal e Galicia, vista desde a Fortaleza de Valença. ©Fernando Pol).
 
¿Ten sentido falar da lingua como un instrumento da acción exterior? Naturalmente que si. Basta considerar o noso entorno inmediato, de Madrid a Lisboa, como toda unha acción exterior vertebrase en forma de estruturas e de políticas para usar o feito lingüístico como eixe facilitador das relacións exteriores, é dicir, para o avance das relacións non soamente institucionais, senón tamén económicas e comerciais.

Galicia ten unha vantaxe importantísima: manéxase en dúas linguas. Iso que nun tempo foi considerado un problema, hoxe representa unha vantaxe comparativa de primeira orde se somos conscientes dela e se a sabemos aproveitar. Co castelán chegamos a moito mundo e co galego a outro tanto. Boa parte da política exterior española está orientada a América Latina. Nós estamos relativamente presentes nese escenario, pero non en condicións de exclusividade, claro está, mesmo cunha función secundaria, de non ser pola diáspora, que nos outorga unha significación por riba do volume dos intercambios económicos e comerciais. Pero ata ese valor diaspórico podemos perder por falta de miras.

Non obstante, a valorización do galego pode outorgarnos un factor de significación na aproximación tanto a Portugal como ao resto de países de expresión portuguesa presentes en tres continentes: América, Asia e África. Atrás deben quedar os tempos en que os galegos recorren ao castelán para expresarse en Portugal, e debemos facer ver aos portugueses o noso feito lingüístico.

Os galegos podemos tirar proveito desa condición para abrir novos camiños na relación con todos estes países e mesmo para complementar e fortalecer a relación de España con todos eles, a partir dunha “especialización” que atoparía entre nós unha facilidade natural, ausente noutras Comunidades Autónomas.

Renunciar a esta posibilidade é un absurdo. Por iso, o Observatorio Galego da Lusofonía que ven de crear o IGADI pretende sensibilizar á sociedade sobre a importancia de tomar en consideración este factor. O Observatorio non quer entrar en guerras lingüísticas, quere ultrapasalas para debater menos e construír máis. Galicia necesita diversificar mercados e configurar o seu propio espazo exterior. Non se entendería unha renuncia a algo tan presente, lóxico e natural e que nos abre posibilidades singulares para o noso desenvolvemento.

O Observatorio vai seguir a evolución dos países de expresión portuguesa nos eidos político, social, económico, e vai propor estratexias que fortalezan as relacións, tamén pensando na lingua, pero, sobre todo, pensando noutros dominios. Será a consolidación destas oportunidades o que permita que a sociedade galega valore tamén a importancia de non perder a lingua, porque é útil como instrumento na sociedade moderna e nos tempos de mundialización en que vivimos. A acción exterior tamén é política lingüística no eido interno. Esa rica dinámica, ben tensada, pode abrir vieiros, ata agora tristemente ausentes na nosa vocación internacional.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/12/2005
Fernando Pol


Subir