| Presenza-Opinión |
||
| Morreron as autárquicas, ¡vivan as presidenciais! Por Xulio Ríos (Vieiros, 13/10/2005) |
||
|
¿Pero é verdade que só pasaron oito meses dende que o PS acadou a primeira maioría absoluta na historia democrática de Portugal? Semella que pasou moito mais tempo a xulgar polo nivel de desgaste operado polo proxecto que lidera José Sócrates. Certo que o PS apañou cen mil votos máis en relación a 2001, pero os resultados quedaron moi por debaixo das expectativas, especialmente en termos de alcaldías logradas. O PS non foi quen de aproveitar o importantísimo tirón de febreiro e consolidar unha mínima parte da súa nova base electoral que, desencantada, virou cara o PSD, paradoxalmente, unha formación que aínda parasitaba na desorientación mais absoluta e que só, a duras penas, Marques Mendes conseguía mitigar. Esta derrota do PS foi tamén a derrota das apostas persoais de Sócrates, en especial no Porto e en Lisboa, onde o PSD demostrou contar con bases sólidas, como en todo o país, aglutinando o voto de centro dereita ata practicamente erradicar o CDS-PP de Paulo Portas, diluído entre listas independentes. En Lisboa conseguiu mesmo a maioría na Asemblea Municipal, por primeira vez dende Kruz Abecasis. Idéntica fortaleza amosou a CDU, mantendo a porcentaxe de voto e gañando mais alcaldías, afortalando a súa presenza institucional nos arredores de Lisboa e no Alentejo. Sen dúbida, contra prognóstico, Jerónimo de Sousa está a demostrar a súa capacidade de liderado, como xa confirmara nas lexislativas de febreiro. Nese permanente pulso que mantén co Bloco, a CDU está a ratificar a transcendencia de contar con implantación social real e organizada, que nunha confrontación destas características, menos condicionada pola imaxe mediática xeral, pode chegar a ser decisiva. A CDU marca máis distancias co Bloco, cando en febreiro pesaba a sombra de verse ultrapasados. Con este serio aviso para o PS, os próximos meses ata as presidenciais semellan decisivos. Poida que a clave principal destes comicios residira no marco local e que os electores premiaran o bo facer dos seus autarcas sen ter en conta a política xeral. Pero despois desta severa derrota, o PS debería repensar a política a seguir, caracterizada nestes meses por un axuste tradicional que fai recaer a gravidade da crise sobre os ombreiros de toda a vida, os mesmos que agardaban do PS, quizais insensatamente, outra política mais virada cara a esquerda. De cara ás presidenciais, Sócrates apostou por Mario Soares (o seu fillo Joao foi derrotado en Sintra pese á implicación do expresidente na campaña) en contra de Manuel Alegre, o seu rival nas primarias do PS. Os méritos de Soares son coñecidos e a súa figura é moi respectada dentro e fóra de Portugal, pero moitos consideran tamén que o seu tempo pasou. A combinación de candidato desgastado, derrota autárquica e política de axuste tradicional é unha regalía para Cavaco. De perseverar no mesmo rumbo coas reformas, o ambiente vaise complicar; de feito, hai xa varias folgas convocadas neste mes de outubro. E pode darse o paradoxo de que para castigar esa política, a cidadanía acabe votando a un candidato como Cavaco Silva que cando estivo á fronte do goberno fixo o mesmo ou peor. Pero ¿quen se vai lembrar diso agora? Sócrates pode facer perder a todos a memoria. E de paso as presidenciais. Por certo, non pasaría aínda tempo suficiente para que o novo goberno galego tivese un xesto institucional co goberno portugués? |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2005 |