| Presenza-Opinión |
||
| Lula, Gorbachov, ¿vidas paralelas? Por Xulio Ríos (Vieiros, 17/08/2005) |
||
|
Tamén Gorbachov, coma Lula, xestionou unha axenda internacional moi ambiciosa (o que se chamou “novo pensamento” en política exterior), recibindo parabéns e premios en canto lugar pisaba, mentres, no interior, no propio país, a súa credibilidade ía decrecendo a pasos axigantados. E se Lula conserva aínda un nivel de apoio popular considerable, respecto da política exterior, non falta quen o acuse xa de ser todo retórica, sen colectar resultado beneficioso algún para os intereses reais do país, cos seus candidatos derrotados polo mundo adiante cando aspiraban a comandar algúns organismos internacionais e quedando á sombra doutros líderes rexionais que pasan a ser referencia do cambio en América Latina. Os tempos, os contextos, as propias figuras políticas son diferentes. Resulta obvio. Diferente é tamén a evolución macroeconómica, que na perestroika empeorou de forma progresiva e deu ó traste con toda expectativa de mellora, mentres que no Brasil sorprende que a economía poida salvarse, polo momento, dunha crise de tan profundo calado como a que se está a vivir dende hai meses. E digo a macroeconomía, porque a pequena non está tan contenta. Outra diferenza importante é o soporte político. O PCUS era un partido grande, pero estaba fosilizado, preso do dogmatismo, e caeu coma un castelo de naipes. O PT viña a ser a culminación dunha grande converxencia, rica en diversidade e pluralidade, e os seus vínculos cos movementos sociais, moitos deles plasmación dunha orixinalidade obxecto de admiración en toda a esquerda planetaria, facíanlle alargar a súa influenza de forma decisiva, ata converterse no faro doutro mundo posible, máis digno e humano. Pero agora, é coma se PCUS e PT compartiran o mesmo destino, vítimas dunha gangrena que ninguén semella capaz de cortar e motor dunha fragmentación de imprevisibles consecuencias. Resulta difícil de crer que Lula non estaba ao tanto das corruptelas que axexaban as cimas do PT, do goberno e do Estado que preside. A magnitude e extensión dos datos que se están a revelar é tal que resultaría igual de negativo que non se apercibese de semellante problema. É obvio que a corrupción é un fenómeno presente en Brasil, como en tantos outros lugares, dende moito antes da chegada de Lula e do PT; o que sorprende é que esas prácticas contaminaran tan rápido e tan extensamente as bancadas da esquerda petista. Por detrás da corruptela hai varias crises. A política é a primeira, pois todo o sucedido aumentará a desconfianza social nos partidos (“todos son iguais”). A ideolóxica é a segunda, na medida en que denota a pobreza e fraxilidade dos argumentos e conviccións cos que se reivindicaba unha nova ética e un novo proxecto de cambio, e a urxencia de alentar novas propostas que inspiren maior credibilidade. Con ou sen impeachment, a campaña electoral ata 2006 vai ser longa e dura, moi dura. Lula pode nin ser candidato. Pero o impacto global do seu mandato será moi grande. O experimento de Lula e o PT era, para moitos, a referencia do cambio, moito máis que Chávez (militar, sen un movemento social acreditado que o respalde, sen creación de discurso, cunha fractura social controvertida, etc). En Lula, pola contra, había un partido, había unha traxectoria, había un proxecto. É difícil aventurar que vai quedar de todo iso. E deixa tocado tamén o Fórum, que tanto inspirou o cambio. A última coincidencia fatal sería a máis decepcionante de todas. Para algúns, Gorbachov non era máis ca un criptocapitalista, que baixo a fraseoloxía de reforma do socialismo agochaba unha proposta de restauración capitalista en toda regra. Non falta quen diga agora que Lula viría a ser tamén unha especie de criptoneoliberal que cunha retórica de esquerda optaría por “salvar” o país cunha política económica “responsable” que recolle mil e un eloxios dos organismos financeiros internacionais. Nesa perspectiva, Lula estaría apostando xa polo ministro da Facenda, Palocci, para liderar a súa alternativa en 2006, en coherencia coa defensa dunha política económica que Lula xustificou en todo tempo, a contra corrente do reivindicado por amplos sectores sociais e moitos dos seus máis achegados colaboradores. A cara universalmente asociada a aquel outro mundo posible, sen pobreza e con dereito á terra ou a salario mínimo garantido, capitularía, infelizmente, ante a triste evidencia de que só cabe gobernar para beneficio de bancos e grandes corporacións. Quen o diría. A Lula aínda lle quedan restos importantes de apoio popular, pero o desgaste só pode revertelo mudando de idea para recuperar o ideal que o levou ó Planalto. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/08/2005 |