| Acción exterior |
||
| Brasil e nós Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 17/11/2005) |
||
|
Claro que, para Galicia, Portugal é un asunto clave en moitos dominios e debe seguilo sendo. A importancia das relacións económicas é incuestionable e os vínculos desenvolvidos nos catro últimos lustros son moi significativos, a pesar das carencias. Pero para os que, ademais das contas, barallamos outros referentes, cabe dicir que os esforzos realizados con tanta paixón e con tanto tesón, non deron aínda os resultados esperados e mesmo os avances rexistrados foron claramente insuficientes. En Portugal custa moito que o problema de Galicia se entenda e mesmo entre as persoas máis achegadas non se acaba de albiscar o asunto de fondo. E non se trata, penso eu, de que na dereita ou na esquerda portuguesa, o galeguismo, así entendido nun sentido amplo, saiba a nacionalismo disgregador e iso signifique unha convocatoria universal de todos os demos e temores. Non, o problema é máis sinxelo e estriba, en termos xerais, en que os portugueses seguen vendo aos galegos como españois, e non acaban de vernos como galegos. A aproximación identitaria, cultural e lingüística quedou moi por baixo das expectativas e ata diría que fracasou. Un galego pode esforzarse por falar portugués cun veciño do outro lado da raia e o máis probable aínda hoxe é que el se esforce en falar castelán. Non é cuestión de amabilidade ou exhibición de rexistros lingüísticos, é, desenganémonos, porque cruzando o Miño está España e punto. Se un vai a Valença e di que se chama Xulio, non entenderán o do x, un sinal tan claro e visible da nosa lingua. Para os brasileiros, como comentaba estes días durante a visita de frei Betto, os galegos somos galegos. Con eles non somos vítimas do orgullo portugués antiespañol que tanto dificulta o entendemento bilateral pese ás manifestacións múltiples en sentido contrario, e que é alimentado tamén polo orgullo español antiportugués. Os brasileiros están libres deses prexuízos e desa guerra e iso abre enormes posibilidades para o entendemento e unha comprensión liberada da presión territorial, que acaba por asolagar as mentes. Estou convencido mesmo de que moita sociedade portuguesa acabaría entendendo mellor o problema de Galicia (ou cando menos faría máis esforzo nese empeño) se advirten que os brasileiros son capaces de achegarse a Galicia e de instrumentar con nós unha relación máis rica e máis igualitaria. Certo que dar un rodeo por Brasil para que en Portugal se nos vexa como o que somos pode resultar un tanto extravagante, pero o simple contacto con uns e con outros induce claramente a pensar e reflexionar sobre a desigual resposta obtida á formulación de propostas de relación nas que o sentido de país agrome sen sombras limitadoras. Por iso, entre outras cousas, debíamos pensar en serio nunha ambiciosa estratexia de aproximación a Brasil. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2005 |