| Presenza-Opinión |
||
| A Europa da Unión Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 07/07/2005) |
||
|
O divorcio entre esa maioría do non francés, tan democraticamente sana, alargada agora cun escepticismo rampante que actúa como unha trituradora irrefrenable do texto constitucional en numerosos países, e unhas institucións moi maioritariamente comprometidas co si, suscita un perigoso vacio que, como sempre, é terreo abonado para todo tipo de feirantes e apóstolos. E nesta aparece Tony Blair, o laborista símbolo da Europa neoliberal e atlantista, que parece disposto, co seu habitual cinismo, a liderar a receita máxica: non queres caldo, toma sete tazas! O que se pode agardar das celebradas gracias de Blair é cousa ben sabida. O que anda a dicir por Europa é o mesmo que dixo hai uns anos a propósito da terceira vía no Reino Unido, engatusando a moitos, mesmo aquí, co seu sorriso profiden e frases agora desempolvadas novamente. O líder británico di que é un europeísta entusiasta e avanza ideas para a redefinición do proceso europeo. Que sexa Blair o encargado de dar unha resposta ao non francés, virando á contra do que semellan querer dicir uns electores demandantes dunha Europa máis social, non é o único paradoxo deste asunto. Moito non tamén é antiatlantista e partidario dunha Europa con voz propia no mundo, defensora da paz e da legalidade internacional. Non obstante, Blair é o capitán da alianza con Washington e sumando a xermana Merckel, se vence no outono, e a ringleira de líderes do leste que ambicionan os fondos comunitarios pero abrazan a política de Bush e temen toda aproximación europea a Moscova, quédanos unha Europa máis americana ca nunca. E non só por seis meses. En resumidas contas, a alegría do desconcerto pode durar ben pouco. Todos os poderes foron vencidos pola cidadanía nunha loita extremadamente desigual, pero o desamparo producido pola inexistencia de espazos políticos organizados e con presenza nas institucións debería activar propostas innovadoras para que a democracia participativa tamén se abrise camiño nunha arquitectura comunitaria que evidencia desfases e carencias que a poden atragantar profundamente. Pero as respostas non van por aí nin cabe agardalas. Nesa esixencia de maior adecuación ao sentir cidadán, sería o momento de concretar con urxencia unha Europa alternativa, un Portoalegre europeo que proxecte a Europa posible fronte á peor das imaxinables. Daquela, Blair non poderá seguir dicindo que “entendeu a mensaxe” para logo negala. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/07/2005 |