| Presenza-Opinión |
||
| A débeda con África Por Xulio Ríos (ECO, xullo/2005) |
||
|
O informe debía identificar as trabas para o desenvolvemento, as axudas potenciais que deberían permitir reverter o actual estado de cousas, e os medios que a privilexiar para facer de África un continente próspero, onde a fame, a pobreza, as epidemias ou as guerras poidan desaparecer. Despois dun ano de traballo, o secretario xeral da ONU recibiu un informe de 453 páxinas, onde sitúa os eixes principais do debate que debe peneirar o G8. Pero non hai moitas novidades. As expectativas de novas accións e propostas para alentar outro desenvolvemento en África están condicionadas pola ausencia de reflexións claras sobre a orixe principal dos problemas evocados que azoutan as desigualdades e a pobreza. E volve sempre a dar no mesmo: máis axuda pública e menos débeda. Entre 1993 e 2003, a débeda de África (un total de 53 países) é a que menos progresou no mundo: só un 12% máis, mentres que no mesmo período, a de Europa do leste aumentou nun 121%. Claro que as expectativas son ben diferentes nun e noutro caso. No conxunto dos países en vías de desenvolvemento, a parte de África en termos de débeda pasou do 18% en 1993 ao 12% en 2003. A débeda de África representa o 48% da produción anual do continente. Para Samir Amin, director do Foro do Terceiro Mundo, con sede en Dakar, o problema de fondo segue centrado en que as nacións desfavorecidas están sometidas no seu relacionamento co exterior a esixencias que teñen pouco en conta as necesidades do seu propio desenvolvemento. Aínda condonando a débeda, ven a dicir, se non hai un recoñecemento do dereito dos Estados e das sociedades a definir as súas propias estratexias, en función dos seus propios intereses e expectativas, creando as condicións para unha mundialización negociada e non imposta, acabará por reproducirse os mesmos efectos pasado un tempo. As claves son estruturais e non só de carácter financeiro. Pero o informe Blair propón a anulación integral da débeda dos países pobres moi endebedados, os pertencentes á Africa subsahariana, coa condición de que asuman responsabilidades. A lectura implícita que se desprende do documento é que a gravidade da situación é debida ao comportamento incoherente e corrupto de moitos dirixentes locais. Obviamente disto debe haber moito –tamén fora de África-, como tamén niso debeu influír a dobre complicidade de moitos actores externos, dende a Banca Mundial ata a banca privada dos países ricos, pois sen o seu concurso é inexplicable tanta deixadez. Pero non hai no informe palabras amargas para os acredores. E tamén deberían asumir culpas e responsabilidades. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/06/2005 |