| Presencia-Opinión |
| A confesión Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 20/01/2005) |
|
Non apareceron probas de nada, o único que se probou é que todo era unha montaxe absurda e repugnante e o escándalo debería ser maiúsculo, producir un estremecemento nas conciencias de todo o mundo, moito maior que o do maremoto. Todas as cadeas de televisión deberían, a estas horas, estar rebobinando as cintas daqueles días onde o trío das Azores pouco menos que insinuaba que o réxime de Bagdad dispuña ata de carrocetas ou camións lanzadores de mísiles con carga química e demais lindezas. No Vaticano, o Papa debería saír ó famoso balcón para por orde na moral cristián, cando menos co mesmo empeño que o fai para condenar os preservativos. Garzón, paladín da defensa dos dereitos humanos, debería aproveitar o seu período de formación en EEUU para especializarse non en antiterrorismo senón en xeometría (digo polo Pentágono) e terrorismo de estado. E, sobre todo, o Consello de Seguridade da ONU debería reunirse de urxencia para dicir, cando menos: tiñamos razón! Para unha vez que se resisten minimamente e acertan!... Pero, pasará algo diso? Nada. Nin tan sequera na Europa que tanto protestou contra a guerra. A sociedade civil, esgotada, conformase coa “confesión” e os líderes europeos, como Chirac, miran para outro lado, mentres recibe ao presidente interino de Iraq para facelas paces e ver de entrar no negocio novamente. Dos países árabes, cabe dicir outro tanto. É auga pasada. Washington pode facer o que lle veña en gana: fabrica a mentira, destrúe non un réxime senón todo un país e as súas xentes, di que mentiu despois de todo e bótase a rir. E non pasa nada: nin unha presentación de escusas, nin unha dimisión ... Haberá que perfeccionar os sistemas de información para non errar na próxima! En Iraq, mentres, en plena campaña electoral, os atentados se suceden. O sufrimento das súas xentes, a secuela de destrución e morte que provocou esta guerra inventada e provocada polo Gran Agresor Universal, non parece ter límites, pero pídenlles que vaian a votar, suponse que de un en un e en fila india, “protexidos” polos seus salvadores, os sacrificados en aras da defensa da liberdade e, faltaría mais, da verdade. Porque Sadam, claro, era un mentireiro; incluso Hans Blix era un medias-tintas. ¿Non é pedirlle de mais? Sadismo en Abu Graib, paraíso caribeño en Guantánamo, e masoquismo electoral. Quen pode pedir mais? Canta razón destila o poeta inglés Robert Browning, cando exclamaba aquelo de: Parecemos tan libres e ¡estamos tan encadeados! |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/01/2005 |