| Presenza-Opinión |
||
| Un pouco de Alxeria en Franza Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 12/11/2005) |
||
|
O exemplo sirve a tódolos membros da Unión Europea, que aínda sen padecer no mesmo grao o fenómeno inmigratorio, son conscientes do seu ritmo ascendente e da permeabilidade das fronteiras, ademais dos receos das propias poboacións e das necesidades dos inmigrantes. Así as cousas, no Reino Unido, a loita contra a delincuencia xuvenil é unha das obsesións do goberno de Tony Blair, dotándose en 2003 do “Antisocial Behaviour Act”, destinada a reprimir os comportamentos pouco cívicos e antisociais. Esta lei deulle á policía a posibilidade de impoñer toques de queda entre as nove da noite e as seis da mañá en barrios con requisitos definidos, onde a poboación se queixa da constante intimidación, baixo a condición de que o problema sexa persistente. Esta lei ataca directamente algúns barrios de Leicester, no norte de Londres, onde o ano pasado estas medidas foron de aplicación en tres localidades. Cun éxito que poderíamos cualificar de “relativo”, esta medida excepcional permite disolvelas bandas e recluír ós menores de 16 anos nas súas casas despois das nove da noite. En Francia, ante a magnitude do problema nas rúas, e diante da imposibilidade de reprimir o que o ministro do interior, Nicolás Sarkozy, alcumou como “xentuza”, recorreuse a solucións similares, pero en lugar de adoptar un instrumento xurídico expresamente deseñado para o caso, preferiuse botar man dunha lei de hai 50 anos, un texto de 3 de abril de 1955, que establecía o estado de urxencia en Arxelia, cando a ex-colonia tentaba emanciparse. Obviamente, hoxe o contexto é distinto, e salvo que o subconsciente do goberno francés teña algo que dicir neste tema, estas medidas aínda permitindo un clima favorable para o control policial, provocan un sorriso de sarcasmo. Segundo esta lei de 1955, o estado de urxencia pode declararse na totalidade ou parte do territorio metropolitano (de Arxelia...) en caso de perigo inminente ou atentado grave contra a orde pública, restrinxe a circulación de persoas, confire ás autoridades administrativas o poder de realizar rexistros domiciliarios de día ou de noite sen autorización xudicial previa, e ademais de adoptar tódalas medidas necesarias para o control da prensa, emisións radiofónicas ou doutros medios, establece a posibilidade de autorizar á xurisdicción militar intervir sobre os delictos cometidos que estean conectados cos feitos encausados, co cal a autoridade militar ten prioridade e primacía sobre a civil, no caso de querer reclamala continuación do proceso xudicial emprendido. De momento cinco departamentos botaron man desta medida, os Alpes-Maritimes, a Seine-Maritime (Rouen, Le Havre, Elbeuf), o Somme, Eure e o Loiret . Pero cal foi o resultado? En Toulouse, volvéronse queimar varios coches. En Cenon, un barrio de Burdeos, houbo un intercambio de tiros entre persoas que circulaban en coche e peóns. E na véspera, un bus estoupou debido a un ataque con cócteles Molotov. En Behren-lès-Forbach, onde trinta coches foron incendiados dende agosto, o alcalde invitou ós habitantes a facer denuncias “baixo anonimato” contra os actores de actos “terroristas”. E en Somme, o territorio do que fora alcalde de Amiens e que agora é o ministro de educación, Gilles de Robien, foi o primeiro departamento onde se aplicou o toque de queda, a pesares de ser dos lugares menos afectados por actos vandálicos. En suma, parece que as medidas de coerción non son máis que parches incapaces de agochar a falla de sentido común e de cordura, así como a desproporcionalidade anacrónica das medidas adoptadas nunha sociedade desorientada e fragmentada. Os sucesivos gobernos que obviaron o problema durante máis de 30 anos, e a ineficacia da oposición, permitiron que a sociedade mirase para outro lado dunha forma consciente. Agora imponse a necesidade de medidas urxentes, que agroman abrigados comentarios viscerais e en moitos casos racistas. As metrópoles, que noutra época dominaban na distancia innumerables colonias con algunha que outra dificultade, mantiñan lonxe das propias fronteiras as revoltas e os disturbios. Daquela, preferiron desprenderse das posesións territoriais antes que facer fronte ós custos de retelas. Pero agora, de forma indirecta o mundo págalles coas mesmas moedas, e calibra a capacidade de autocrítica de cada quen. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2005 |