| Presenza-Opinión |
||
| UE, ¿avances con letra pequena? Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 08/10/2005) |
||
|
O aparato da UE desenvolve o seu labor en función de tres piares, dos que unicamente no piar comunitario (o primeiro piar referente á política económica e comercial), a Comisión europea é a encargada de formular as propostas, en función do monopolio do dereito de iniciativa. Os Estados atesouran a voz cantante nos outros dous piares, de tipo intergobernamental. A política estranxeira e de seguridade común (o 2º piar) e a cooperación policial e xudicial en materia penal (3º piar), axúdaos a conservarse como entes soberanos e (en teoría) independentes, ante o que algúns temen como a voráxine acaparadora da Unión que introduce os seus tentáculos ata o infinito. A crenza da independencia dos Estados é, probablemente, máis froito do orgullo e da vaidade ca da realidade. Este tipo de cotos e limitacións nos ámbitos de poder axudan a conservar o imaxinario nacionalista dos Estados Nación, e obrigan a que os tres piares teñan procesos decisionais diversos –de tipo comunitario ou intergobernamental–, implicando ás institucións europeas de formas diferentes segundo a materia de que se trate. No piar intergobernamental, os Estados poden facer proposicións concorrentes que non son nin directivas nin regulamentos, senón “decisións-cadro”. Aquí, o Parlamento Europeo é tan só consultado. Ate o de agora, no caso do piar comunitario, o Parlamento Europeo conta con poder de codecisión coa Comisión. Non obstante, é relevante que, ata agora, nunha decisión cadro, a Comisión non ten capacidade para perseguir aos Estados Membros que non aplican a decisión aprobada en conxunto. O que é frustrante e irracional, unha vez que os Estados asumen un compromiso. Dende hai tempo, as dúas institucións cabeceiras da UE enfróntanse abertamente sobre este tema. A Comisión e o Consello debátense sobre a lexislación penal necesaria para cumprimentar plenamente os obxectivos comunitarios enunciados no artigo 2 do Tratado da Comunidade Europea. O dereito de iniciativa non é suficiente se non son de obrigado cumprimento as decisións adoptadas, e por tanto, existe o imperativo de impoñer sancións. Con todo, no tratado de Maastricht, quedou claro que a cooperación policial e xudicial en materia penal, repousa nos Estados, e aínda que o proxecto de constitución prevía comunitarizar a materia penal, a maioría dos Estados membros pretenden salvagardar a soberanía neste tema. Polo tanto, cando a Comisión propón ao Consello un acto comunitario como, por exemplo, a introducción do euro, con incidencia nos aspectos penais ao ser necesario reprender aos Estados que non cumpren os criterios, o Consello disecciona a parte penal, para reenviala a unha decisión cadro escapando das gadoupas da Comisión. Foi así como se completou o regulamento que introducía o euro, a través de un texto anexo. E cando Francia e Alemaña incumpriron os criterios de estabilidade, a solución foi outra xuntanza do Consello para constatalo, sen máis consecuencias. Non obstante, dende o día 13 de setembro o Tribunal Europeo de Xustiza, nunha sentencia relacionada co medio ambiente, aínda admitindo que a lexislación penal non é competencia comunitaria, estima que o lexislador comunitario pode impoñer a coerción para garantir a plena efectividade das accións que emprende en función dos obxectivos do Tratado da CE. Isto habilita ao Parlamento Europeo para ser codecisor coa Comisión. Desta maneira, o Tribunal anulou unha decisión cadro que invitaba aos Estados a sancionar certas infraccións ao medioambiente, que era a alternativa dos Estados ao mesmo proxecto da Comisión sobre a base do piar comunitario (que lle permite á Comisión forzar na obrigatoriedade), afirmando que non era o instrumento xurídico apropiado. Creouse así un precedente útil para servir de exemplo en moitas frontes. Neste momento, danse os primeiros pasos no Consello en materia de retención de datos electrónicos ou telefónicos, como medida de loita contra o terrorismo, pola vía da adopción de decisións cadro. O Parlamento Europeo solicitou que se agardase pola proposta da Comisión, que terá de seguro unha visión distinta e expansiva. Tal vez non esteamos lonxe de sufrir unha comunitarización xeralizada de distintas ordes xurídicas a nivel da UE. En calquera caso, a sentencia propinou un bo desgusto aos Estados. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 09/10/2005 |