Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Turquía no túnel cara europa
Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 26/09/2005)
 
 

  Namik Tan, clic para aumentar
Os socios comunitarios, a través dun comunicado conxunto, deciden impoñer unha condición lacónica e inaceptable aos turcos: para acceder á UE, deberán recoñecer aos veciños chipriotas antes do comezo das negociacións previstas para o 3 de outubro, en Luxemburgo. E vai ser complicado. Aínda que non houbo resposta oficial turca, Namik Tan (na foto), portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores xa recalcou a dificultade mentres non exista unha solución concreta entre turcos e chipriotas.
 
Oficialmente, os estados membros da UE opostos á adhesión turca non son moitos, pero en realidade, semellan unha multitude. Austria, Francia, Chipre, Holanda... Existe un discurso cheo de dobrez. Manter que entre os dez novos membros da Unión, chegados en maio, non hai ningún país, a excepción de Chipre, que estea a favor de ofrecerlle un “special partnership” a Turquía, é un pouco “naif”. Moitos deles, aínda contan coas cicatrices e as pegadas deixadas atrás polo imperio otomano, e desconfían das diferencias entre culturas.

Sen embargo, abertamente, o aval da adhesión turca é a presidencia británica, que pon o acento nos chipriotas para que non bloqueen a súa entrada, ó mesmo tempo que premen nos turcos para que acepten e recoñezan a Chipre como calquera outro estado membro de pleno dereito, antes de empezar as negociacións. Dende as illas aprecian a dificultade da adhesión turca, que é como un camiño longo e pedregoso. Quizais non antes de quince anos. Non obstante, o que realmente desexan os defensores do libre mercado é a creación dun verdadeiro espazo sen barreiras económicas, coas mínimas dificultades para o movemento de bens, persoas e capital. Porque esa é, en último termo, a súa idea de Europa. Unha unión económica politicamente feble.

Neste contexto, o pasado 29 de xullo, Turquía asinaba o “Protocolo de Ankara”, que estende o acordo aduaneiro coa UE ós novos 10 membros comunitarios chegados en maio do 2005. Entre eles, a non reunificada Chipre. Denunciase, dende aquela, un boicot ós barcos e avións grego-chipriotas con destino a Turquía, o que outorga razóns para comprometer o goberno de Tayip Erdogan, frustrando os plans de adhesión daquí a dez anos.

A negativa de abrir os portos e aeroportos ós avions e barcos gregochipriotas, débese á falla de clareza coa que se realizou este acordo de xullo, así como tamén á insuficiencia dos contactos previos entre a UE e o estado turco durante a presentación da candidatura á adhesión. Non se conseguiu aclarar dunha vez por todas -ou impoñer previamente- o estatus do Estado chipriota. E este estado de indefinición contribúe a que cada parte entenda os acordos á súa maneira.

As presións internacionais para o logro dun acordo coa mediación do secretario xeral da ONU, así como a esperanza de que a celebración de eleccións na illa acomodasen a situación, non aportaron luz sobre o problema. Tampouco parecía prioritario, pois confiábase no entendemento a longo prazo e nas sinerxias creadas a través dos beneficios acadados dentro da UE.

Sen embargo, os estados máis intransixentes, como Francia ou Chipre, deron por sentado que existía de forma explicita un vínculo entre o recoñecemento de Chipre e a adhesión de Turquía pola vía deses “pequenos pasos” que son os protocolos. Os turcos, doutra banda, interpretaron que eran temas distintos, e a reunificación da illa dependía da mediacion da ONU, e non da adhesión de Turquía.

Así as cousas, os socios comunitarios, a través dun comunicado conxunto, deciden impoñer unha condición lacónica e inaceptable aos turcos: para acceder á UE, deberán recoñecer aos veciños chipriotas antes do comezo das negociacións previstas para o 3 de outubro, en Luxemburgo. E vai ser complicado. Aínda que non houbo resposta oficial turca, Namik Tan, portavoz do Ministerio de asuntos exteriores xa recalcou a dificultade mentres non exista unha solución concreta entre turcos e chipriotas. Tayip Erdogan, primeiro ministro turco, debe, unha vez máis, negociar a varias bandas, á espera do que virá despois se este problema queda resolto.

De momento, os socios comunitarios xa lle preparan a Turquía un carril específico, unha alternativa á adhesión que naceu nun proxecto marco da Comisión europea en xuño deste ano. O punto máis sensible é a introducción explícita no mandato de negociacións dunha alternativa á adhesión como demanda Austria. Isto equivale a dicirlle a Ankara que posiblemente non van xamais ser membros ó 100% da UE. Pero así evitan un “non” conflitivo e rotundo.

Non é impensable que, finalmente, Turquía claudique e acepte o recoñecemento dos chipriotas ben pronto. Pero iso non eliminará o debate realmente de fondo, o que os franceses alcumaron co concepto de “capacité d’absorption”. É necesario facer cálculos, a nivel financeiro, institucional e agrícola, ademais de analizar os costes en inversións e delocalizacións, que irían a parar a Turquía. E certamente, resta o medo á diferenza cultural. E as implicacións xeoestratéxicas. Todo un conxunto de razóns que poden explicar o descarrilamento do tren turco cara Europa.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/09/2005
Fernando Pol


Subir