Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Quen paga a Europa unida?
Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 20/12/2005)
 
 

  Euros, clic para aumentar
España verá reducida substancialmente a súa participación nos fondos de cohesión, que xa non lle correspondían logo de superar o 90% de renda media comunitaria. Aínda así, para o período 2007-13, logrouse unha prórroga de 3.250 millóns, para deixar de recibir axudas de forma progresiva, paliar o descontento, e evitalas críticas e o aumento do euroescepticismo nacido da desprovisión instantánea destas axudas. A esta prórroga únese tamén unha partida inicial e dende hai tempo reclamada para a política de fronteiras exteriores da Unión. E, por último, comprometéronse 2.000 millóns € para un fondo de tecnolóxico, e axudas específicas para Canarias, Ceuta e Melilla. O descenso é de 32.500 millóns de € de diferenza no saldo neto coa UE, e que incrementa a contribución española a Bruxelas en 12.980 millóns (de 61.285 millóns de € no período 2000-06 a 74.265 do 2007-13).
 
Xa sabemos quen e como se vai pagar o prezo da ampliación. A amnesia colectiva fai que se ignoren outros problemas adxuntos dos ninguén parece acordarse. Un deles é que esta negociación veu a confirmar a acusada falla de democracia e de transparencia na que se ve sumido o entretecido futuro continental. Un episodio máis dos enredos entre “amig@s” (porque agora existe entre eles unha muller cun rol relevante), que fora denunciado tralas sonoras derrotas dos referendos francés e holandés. E existe aínda outro problema, a falla de compromiso cunha unión política, que conduce ó extremado interese na ampliación do mercado económico a cambio das menores contrapartidas monetarias posibles.

Cada ampliación leva consigo, como compensación pola apertura dos mercados, un montante de diñeiro en axudas estruturais e de reconversión. Dende que se barallou a entrada de novos socios, deuse un forte contraste entre o enérxico compromiso coa adhesión dos 10 novos membros e a falla de acordo sobre os recursos que se lles había de consagrar. E, polo tanto, tentouse tanto minimizar como externalizar o financiamento da ampliación.

As opcións para costear a ampliación entre o período 2007-13 eran esencialmente limitadas debido á intransixente negativa francesa a reformar a tan debatida política agraria no seo da OMC. París recibe ó ano 9.400 millóns por este concepto. A posición alemana, sueca e holandesa incidía en que non se sacrificarían economicamente nun maior grao a prol da ampliación das fronteiras comunitarias. Polo tanto, as opcións quedaban limitadas tan só a dúas: un mellor reparto das actuais axudas ou ben un axuste entre o nivel de sacrificio dos actuais socios.

Partindo da evolución do crecemento dos últimos anos e do estado da economía dos países membros, na mesa estiveron un conxunto de solucións ou posibilidades. O feito de que Gran Bretaña recibise unha suma equivalente a 5.400 millóns de € ó ano, o “cheque británico”, en compensación pola escasa producción agraria, e a exigua participación nas axudas da política agrícola común (PAC), que supón en torno ó 41% do orzamento da Unión Europea (que de 2007 a 2013 superará os 0,8 billóns de €), deixaba a presidencia británica nunha situación incómoda e complicada. Máis aínda cando por mor do calendario da presidencia europea, correspondíalle actuar en favor dun acordo onde os británicos cargasen coa responsabilidade de sacrificar parte do cheque británico véndose o centro de tódalas discordias.

Outra opción consistía na reorientación da axuda que tradicionalmente viña destinada ós países do sur e que, en función das maiores necesidades dos países do leste, debían cambiar de destino, o que prexudicaría claramente sobre todo a Madrid. Desde as illas, planeouse unha estratexia para que a reforma non correse exclusivamente a cargo das contas británicas axudando a agudizar euroescepticismo latente no Reino Unido, que axudaría a apostrofar a un Tony Blair en declive. Non se podía entrar nunha confrontación directa cos restantes 24 membros, e a pesares do vaivén de alianzas en relación a cada unha das tres propostas formuladas nas últimas semanas, conseguiron que non se lle impuxese unha reforma orzamentaria tan gravosa como a proposta luxemburguesa de xuño. Para alcanzalo, os británicos mesturaron outros temas na axenda, confundindo e dividindo os intereses heteroxéneos en liza. Asemade, acuñáronse novas axudas e concesións para uns e outros e conseguiron protexerse da mellor maneira da ineludible sensación de ser o centro das críticas tanto en Europa como na casa.

Como resultado final, Alemaña, Suecia, Holanda, Austria e outros socios contribuidores, lograron que non se incrementase substancialmente a súa contribución a uns orzamentos, que xa consideraban elevados en xuño, o que levou a bloquear aquela proposta que solicitaba o aumento das contas ate o 1,06% do PIB, e que finalmente resta no 1,045%. En torno a 13.200 millóns de € anuais. Un prezo aceptable comparado coas avantaxes que se esperan do gran mercado.

Ó fin e ó cabo, o Reino Unido e Francia son dous dos grandes beneficiados do acordo. Francia conseguiu que a reforma agraria quedase postergada para o futuro. O Reino Unido evitou unha reducción maior do seu cheque, quedando obrigados a contribuír con 60.500 millóns de €, en lugar dos 75.000 millóns que se lle reclamaban como contribución inicial en xuño. Ademais, afondouse noutros temas do seu interese, como as taxas reducidas do IVE para os restauradores franceses, das que se falará en xaneiro, e a concesión do estatuto de país candidato a Macedonia que parecía ameazada logo da inicial falla de compromiso británico.

Os países do leste conseguiron unha co-financiación do 15% en lugar do 20% que reclamaban, o que é mellor que a ausencia de compromiso total, que os condenaría a deixalos sen acceso ós programas comunitarios en 2007. En realidade, son os países do sur os que pagan o prezo do progreso. O importe do seu progreso económico, que a partir de agora será moito menos subvencionado, é o do avance entre os estados comunitarios neste cumio. España verá reducida substancialmente a súa participación nos fondos de cohesión, que xa non lle correspondían logo de superar o 90% de renda media comunitaria. Aínda así, para o período 2007-13, logrouse unha prórroga de 3.250 millóns, para deixar de recibir axudas de forma progresiva, paliar o descontento, e evitalas críticas e o aumento do euroescepticismo nacido da desprovisión instantánea destas axudas. A esta prórroga únese tamén unha partida inicial e dende hai tempo reclamada para a política de fronteiras exteriores da Unión. E, por último, comprometéronse 2.000 millóns € para un fondo de tecnolóxico, e axudas específicas para Canarias, Ceuta e Melilla. O descenso é de 32.500 millóns de € de diferenza no saldo neto coa UE, e que incrementa a contribución española a Bruxelas en 12.980 millóns (de 61.285 millóns de € no período 2000-06 a 74.265 do 2007-13).

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Xosé Manuel Figueiras, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2005
Fernando Pol


Subir