| Presenza-Opinión |
||
| Que foi do socialismo francés? Por Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 24/11/2005) |
||
|
No marasmo de nomes que saltan á palestra como presidenciables para o maio de 2007 (Dominique Strauss-Kahn, Jack Lang, Ségolène Royal, Laurent Fabius, Henri Emmanuelli, Vincent Peillon, e mesmo François Hollande), todos avogan polo mesmo concepto: “unidade” contra a ofensiva da dereita pero sen máis definición. A crise social pola que atravesa o país, as ambicións persoais e a querela interna aguzada polas divisións arredor da Constitución europea, fixeron estragos no socialismo francés. A confusión non se disipou no congreso do pasado venres nin nas eleccións do día 9. Non obstante, a pesares de que François Hollande gañou uns comicios internos que tentaban sufocar as disidencias de Laurent Fabius (o home que abandeirou o non á constitución europea) e a oposición da alternativa Nouveau Parti Socialiste que pretenden afogalo, nada cambiou en esencia. Despois dunha alta participación (80%) nas eleccións dos socialistas, Hollande que conseguiu impoñerse co 55% de apoio dos militantes, non foi quen de superar as diferencias que dividen o partido e de impoñer o seu liderado. Emporiso, os resultados de Fabius, co 21,17%, pode negociar dende posicións de forza coa dirección. Co argumento da crise social e urbana, os seus partidarios reclaman unha serie de compromisos entre os que destacan a asunción definitiva do “Non” á Constitución europea polo PS, e un acordo entre as correntes, para propiciar unha reorientación á esquerda, tal e como tamén reclama o NPS. Fabius e Hollande intentaron aproximar posturas para asentar a devandita “entente”. A designación do candidato socialista e o proxecto de partido deben ser configurados de maneira pluralista. Pero logo do congreso de Mans, algo cambiou. Hollande, na busca de ilusións para atraer público ó seu bando, resucitou a vella idea de organizar “estados xerais” (como na época da Francia revolucionaria) para a elaboración do proxecto de programa, cos sindicatos e asociacións. Ademais reitera que a designación do pretendente á presidencia por parte da esquerda do PS, será designado/a en novembro do 2006. Pero nada parece garantir que ata aló non seguirá habendo guerras internas. Hollande, líder do partido, terá difícil impoñer as súas directrices e mesmo consolidarse por dúas razóns: primeiro, pola falla de convencemento ideolóxico e a confusión existente nas propias filas; e, segundo, pola combinación das diferentes aproximacións e sensibilidades ó ideal da esquerda, conxugado coas ambicións individuais e persoais dos candidatos ás presidencias do 2007, que fan da división e do desconcerto a estratexia común a seguir para resaltar a propia imaxe e aproveitar a oportunidade para converterse no futuro líder saído deste caos. Iso, sempre e cando que algún dos nomes citados saia indemne de tanta discusión, e sobreviva a tanta palabrería e polémica. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2005 |