| Presencia-Opinión |
||
| OMC: O debate de Hong Kong Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 16/12/2005) |
||
|
Logo dos dous fiascos de 1999 e 2003, os negociadores póñense a cura antes da ferida á espera dun milagre. A xuntanza debería conducir a unha maior reducción de barreiras no comercio da agricultura, servicios e as produccións téxtiles. Pero é, en definitiva, o tema agrario, o cerne da negociación. Ata o momento, as conversas están estancadas neste punto debido á importancia vital da seguridade alimentaria e da presión dos lobbies agrarios, e ninguén parece disposto a ceder. EEUU e Europa son acusados de facer sacrificios insuficientes a respecto dos seus aranceis e, en efecto, non haberá solución sen reformas no tocante á protección dos productos do campo e, esencialmente, sen recorte de subvencións agrarias seguida dunha baixada arancelaria nos dous grandes mercados. O arroz é un claro exemplo do problema existente entre pobres e ricos. Os actores internacionais máis poderosos valéronse do FMI e do Banco Mundial, así como da presión exercida bilateralmente para desbordar os mercados dos países pobres con arroz subsidiado, sobre todo procedente de EEUU. Os países máis pobres están indefensos diante das presións das potencias económicas que xogan sutilmente coas regras no seu propio beneficio. Un exemplo clarificador amósano as cartas marcadas coas que xogan as grandes potencias económicas. A aposta polo uso dos aranceis ou das subvencións non é unha cuestión baladí. Debido ás deficiencias orzamentarias dos actores internacionais máis pobres, é maior a recorrencia a aranceis á hora de protexer os propios mercados. Non é en moitos casos posible unha asistencia directa ós agricultores tal e como se realiza en Europa ou EEUU. A título ilustrativo, os subsidios de Brasil representan o 5% dos vixentes en EEUU. Sen embargo, o mecanismo dos subsidios cada vez é máis usado tamén nos países en vías de desenvolvemento, e moitos xa están preto do límite de subvención fixado pola OMC, que é do 10%: a India rolda o 7,2% e o Perú o 6,2%, por exemplo. Non obstante, existen outros instrumentos clave á hora de protexer os dereitos dos máis pobres. Dunha banda, os denominados “Productos Especiais” e, doutra, o “Mecanismo Especial de Salvagarda” que non son instrumentos menores. Os productos especiais son aqueles cultivos que debido á importancia da seguridade alimentaria no país, á dependencia de gran parte da poboación e en razón da promoción do desenvolvemento rural, reciben un especial recoñecemento por parte da OMC xa que non tódolos productos son iguais, e hainos que representan o único factor de supervivencia de moitas persoas máis pobres. O Mecanismo Especial de Salvagarda, pola contra, serve para protexerse en caso de grandes fluctuacións nos prezos nacionais e nos volumes de importación. Ambos mecanismos confrontan, en moitos casos, os intereses dos máis pobres e máis ricos e determina unha feroz resistencia por parte das potencias comerciais. Os esforzos realizados polos países ricos, maiormente EEUU e Australia, e tamén algúns países en vías de desenvolvemento grandes exportadores de productos agrarios para limitar a importancia destes mecanismos protectores e reducir a lista de productos protexidos, foi moi importante. Ademais, nunca se deixou de exercer presión contra os aranceis, o que xunto coa limitación do grupo de productos especiais e unido á falla de poder condicionante dos países pobres, déixaos colocados nunha situación de indefensión constante. O rubor pérdese totalmente cando o lobby agroalimentario estadounidense oponse abertamente ó tratamento especial desprezando as reivindicacións dos países máis pobres que pretenden garantir a estabilidade e seguridade política e alimentaria por medio da subsistencia dos seus agricultores. EEUU aclara que tan só aceptará “un número moi limitado de productos especiais para aqueles países en desenvolvemento que estean seriamente preocupados polo seu desenvolvemento rural e a subsistencia dos seus agricultores”. Pola contra, o G33 defende o dereito dos países en desenvolvemento a decidir o número de productos a declarar como especiais. En definitiva, os obxectivos dos países pobres, no tema agrario centrarase nunhas poucas prioridades claras, que se poderían enumerar nas seguintes: aliviar a presión sobre os aranceis dos países que intentan saír do subdesenvolvemento, exención total de reduccións arancelarias para os cultivos esenciais que garantan a seguridade alimentaria dos países máis pobres e, finalmente, un mecanismo especial de salvagarda, sen limitación nos productos, que os protexa contra as fluctuacións nos prezos e nas importacións, así como dos dumping aplicados polos países ricos e os grandes productores, ata que esta práctica non sexa estrictamente prohibida no sector e no seo da OMC. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/12/2005 |