Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
O home honesto no futuro da UE
Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 20/07/2005)
 
 

  Constitución europea, clic para aumentar
A construción europea, nos termos en que se presentou ate o de agora, non ía por bo camiño. E iso hai que pagalo. Non só non se escoitou a opinión pública en moitos casos, senón que se aproveitou da desinformación da masa para moldear o proceso. Ata que un día a cohesión e a uniformidade dos partidos políticos pinchou (no corazón de Europa), perdéndose o primeiro referendo nun dos países fundadores. E deixou caer sobre todos unha chuvia de interrogantes no que se refire ó peso da globalización, o liberalismo europeo, a inmigración, ou a protección da propia cultura.
 
Dise que Dióxenes, o filósofo cínico da antiga Grecia, buscaba cun candil a plena luz do día un home honesto. Non pretendemos aquí criticar a honestidade dos políticos, pero algúns europeístas semellan buscar da mesma forma a alguén que tome as rendas dunha Unión Europea, nestas horas baixas.

Europa pasa por tempos difíciles. Cunha crise de liderazgo ás costas, a economía medrando dunha maneira feble e tambaleante, ateigados de nostalxia dos tempos pasados, falta dun proxecto de futuro, e sen saber cara onde camiñar logo de que holandeses e franceses rexeitasen en referendo avanzar un novo paso na construción europea.

Nestes días de medos terroristas e atentados, non se deixa notar tanto a desorientación. Pero pronto esta paréntese deixará paso a novas discusións sobre o devir do continente. En definitiva, a falla de norte crecente é, nas reflexións de moitos, o froito dun exceso de mesianismo visionario por parte dos dirixentes dos nosos países dende finais dos 80 e principio dos 90. Concretamente Helmut Kohl, François Mitterrand e Jacques Delors, soñaron cunha Europa política, que nos levou á adopción do Tratado de Maastricht, que nos dirixiu cara a moeda única, e que por pouco xa tropeza en 1992 co referendo que daquela se celebrou en Francia.

Este protagonismo dos líderes fixo que se deixara á marxe a opinión pública, centrando a prioridade no crecemento económico, como fío condutor da unidade política europea, e esquecendo que xogar limpo nun sistema democrático, significa que as regras “animan” a tódolos actores a participar do proxecto común e dunha identidade colectiva, para salvar o abismo existente entre o líder e o cidadán.

Calquera proceso político na democracia actual, necesita unha identificación por parte da gran maioría da sociedade civil, nunha estratexia encamiñada á homoxeneización e ó compromiso da sociedade cun imaxinario ou uns ideais compartidos. E poida que dándose este caso se chegase a formar unha Europa unida. Este diálogo entre os líderes e os cidadáns, habilita un punto de encontro capaz de afirmar o futuro da democracia, e de forxar a desexada identidade europea, aínda que esta se sitúe nun marco tan inmenso como o da gobernanza europea, cos límites das súas fronteiras cada día un pouco máis lonxe.

A construción europea, nos termos en que se presentou ate o de agora, non ía por bo camiño. E iso hai que pagalo. Non só non se escoitou a opinión pública en moitos casos, senón que se aproveitou da desinformación da masa para moldear o proceso. Ata que un día a cohesión e a uniformidade dos partidos políticos pinchou (no corazón de Europa), perdéndose o primeiro referendo nun dos países fundadores. E deixou caer sobre todos unha chuvia de interrogantes no que se refire ó peso da globalización, o liberalismo europeo, a inmigración, ou a protección da propia cultura.

A Europa que se quería vertebrada e simplificada dende o cumio, minimizando a diversidade interna, fíxose dende o diálogo entre estados iguais, deixando progresar os instrumentos transnacionais naqueles aspectos que lle conviñan (Kyoto, loita contra o terrorismo, inmigración), e diante dos que se vían obrigados dende a impotencia e insignificancia da actuación dun só país.

A fin de contas, é xusto dicir que a través das políticas de estado e dos políticos estatais con actuacións locais é como se solucionan os problemas. E isto, provocado polo feito de que moitas das competencias, como os mercados de traballo ou a política social, seguen en mans de cada país e sen formas de coordinación firmes e concretas.

Ate o de agora, a falla de interese xeral, unido á complexidade que sobrepasa á cidadanía, cada vez máis interesada polo que é cotián e local, fixo que os nosos gobernantes se aseguraran dunha forma simple e seguidista, o voto favorable á propia visión do que debe ser Europa. Pero as reformas e a persuasión dos pobos europeos, así como o compromiso cun continente unido, ten que vir de cada líder e dos políticos estatais nos seus ámbitos naturais. Hoxe por hoxe, non vai ser posible pensar nun compromiso firme nacido dun único líder que glose un discurso no Parlamento europeo.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/07/2005
Fernando Pol