| Presenza-Opinión |
||
| Lume na política portuguesa Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 20/08/2005) |
||
|
Mario Soares, quen xa fora presidente anteriormente, afirma estar pensando en presentarse para equilibrar o tirón do candidato da dereita. Para salvar a oposición da súa familia, accedería a presentarse para unha única reelección. Os socialistas, por outra banda, apostan a cabalo gañador e aparentan aprestarse a consolidar o seu candidato con maiores garantías, a pesares da avanzada idade e das discrepancias pola efectividade de anteriores mandatos. No seu papel de candidato, Mario Soares afirma que “será un combate moi interesante, non será un combate propiamente ideolóxico, mais si político (...) porque van ter a posibilidade de escoller entre dúas personalidades contrastadas”. Soares sabe da desilusión dos portugueses coa etapa que viviu no poder, e pretende achegarse ao centro político para contar co espazo electoral máis amplo posible e optando a recoller tamén unha porcentaxe do voto da dereita. Outros posibles candidatos da esquerda que representa o PS poderían ser Vera Jardim –un amigo persoal de Jorge Sampaio, o actual presidente de Portugal– ou Antonio José Seguro. Os socialistas apostarán por un candidato que teña posibilidades fronte ó que se anunciaba como un paseo para o candidato da dereita. Aínda así, sucédense os rumores e desmentidos, como o de Manuel María Carrilho, o cabeza de lista do PS á Cámara de Lisboa, que se tería posicionado en favor de Manuel Alegre, poeta e competidor con Sócrates nas primarias socialistas. Pero Carrilho saíu ó paso das quinielas, desautorizando os medios e desmentindo que tomase partido polo poeta. Manuel Alegre, deputado, daría o salto, caso de contar con apoio suficiente, entre eles, o do primeiro ministro, que debería optar. Para ir quentando motores, reuniuse en Faro con oitenta colaboradores que apoian a súa candidatura. Alegre retruca con habilidade ás ambicións de Soares: “Comigo, el (Cavaco) non pasearía ou, eventualmente, non paseará na Avenida”. Mentres tanto, nas ringleiras do CDS-PP, apostase formalmente pola liberdade de voto, pero o seu candidato é Cavaco. ¿Conseguirá Soares asentarse como o candidato da esquerda á presidencia de Portugal? É posible, pero queda moito por andar e as alianzas están por forxar. De momento, parece que os seus apoios máis claros sitúanse na dereita. Cincuenta personalidades do distrito de Leiría, incluído o fundador do PSD, Tomas Oliveira Días, anunciaron o seu apoio á candidatura de Mario Soares como o portugués mellor colocado para acceder ó cargo de xefe do Estado. Pero non toda a dereita é disidente. José Pacheco, un ex-eurodeputado do PSD, considera que o segundo mandato de Soares foi un despropósito, cheo de inestabilidade e abusando dunha concepción da Presidencia totalmente desvirtuada. De reeditar esta liña, o de menos sería a idade do candidato. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/08/2005 |