| Presenza-Opinión |
||
| Liberalización e estratexia Euromediterránea Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 26/11/2005) |
||
|
Conxugando estreitamente os aspectos económicos e de seguridade, e integrándoo todo nunha dimensión social, humana e cultural, en 1995 concretouse un pacto, que reuniu ós ministros de asuntos exteriores dos 15 países da UE de entón, e a doce países mediterráneos, ademais da Liga de Estados Árabes e a Unión Árabe do Magreb, xunto con Mauritania, en calidade de membro desta última organización. A comitiva non era por tanto desprezable. A pesares dos enunciados de principios, a declaración de Barcelona de 1995, dirixiu a ollada europea cara os países do sur e do leste do Mediterráneo cun marcado carácter económico e nunha perspectiva de promoción de valores de tipo rexional, semellante á adoptada con Rusia, pero que contaba con frustrados proxectos anteriores coma o Diálogo Euro-Árabe dos anos 70 e a Política Mediterránea Global dos 80, que fixaban a medio e longo prazo obxectivos de diálogo e cooperación que daquela non deron froitos, e que neste momento pretendían mellorarse en base á utilización da vía da promoción dos valores de liberdade, democracia, e respecto dos dereitos humanos que Europa di representar. Non obstante, unha proba concreta de que o determinismo económico é o que no fondo subxace da declaración de Barcelona, é o feito de que o primeiro dos obxectivos enunciados é o de crear unha Zona de Libre Comercio para o 2010. Os tres eixes nos que se baseou o acordo foron de carácter político, económico e social: unha primeira orientación política tiña por obxectivo a definición dun espazo común de paz e estabilidade, que pretendía axudar á resolución de conflitos, que non foi efectiva. Nun apartado económico e financeiro, perseguíase a construción dunha zona de prosperidade compartida, baseada no libre intercambio e na cooperación técnica e financeira. E, finalmente, unha aposta social, cultural e humana, encamiñaba o proxecto cara o desenvolvemento das capacidades humanas, ó fortalecemento da comprensión mutua entre culturas e ó intercambio entre as sociedades civís. Non obstante, a estratexia europea no entorno mediterráneo veuse coartada por dúas variables: as relacións cos EEUU que limitan a capacidade de intervención política, e o impacto das políticas económicas aperturistas, sobre todo nos países do Magreb, que como fora adiantado polos analistas económicos, terían impacto a nivel social. Neste contexto, a estratexia europea adoptou unha actitude propagandista asociando a cooperación co desenvolvemento, no que foi unha operación de maquillaxe que agocha a promoción dun comercio favorable vía créditos FAD (Fondo de Axuda ó Desenvolvemento) e os programas MEDA. A proposta de apertura aduaneira cara os países mediterráneos, protexendo determinados sectores estratéxicos europeos como a agricultura, non é xusta nin tampouco pode axudar a conformar unhas economías de mercado estables e completas onde exista unha demanda atractiva para o resto de produccións industriais e de servizos, sexan estas caseiras ou foráneas. Trátase, por tanto, dun erro, pois contribúe a empobrecer ós sectores sociais dependentes do sector primario, que sendo moi representativos e necesitados dun tempo mínimo para transvasarse a outros sectores produtivos específicos -nos que cada país ten avantaxes comparativas e por tanto son competitivos-, vense forzados a emigrar primeiro dos campos ás cidades para máis tarde contribuír á presión migratoria exterior. Doutra banda, dunha forma inintelixible bótase a perder o poder adquisitivo dunha importante masa de consumidores, e non se contribúe a crear unha clase media que demande reformas políticas e sociais, contribuíndo a que o poder permaneza nas mans das elites tradicionais que gobernan estes países. Por tanto, a liberalización mal levada ten uns custes sociais dos que Europa non está exenta. Emporiso, xa se deixa prever unha situación crítica coas achegas deste acordo dez anos despois de iniciado o proceso coa Declaración de Barcelona, que conleva ademais un factor adicional: a compatibilidade e complementariedade desta estratexia ampliada a todo o cadro de países árabes, tendo en conta a diferenza económica que os separa do veciño Israel, que conta cunhas condicións moito máis favorables á hora de competir. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2005 |