| Presenza-Opinión |
||
| “Il Cavaliere” en apuros Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 12/04/2005) |
||
|
Dentro da súa propia coalición de centrodereita, a Casa da Liberdade, os socios cobízanlle o posto e comezan a falar de adianto das eleccións, de dimisión, e de recambio de forma “encuberta”. Franchesco Storace, gobernador de Lazio -el mesmo apurado no seu coto-, lanzoulle pedriñas ó “Premier” -Berlusconi-, que debe estar tomando nota para facer a súa particular “vendetta”. “Non discuto o liderazgo de Berlusconi pero non ten porque coincidir o liderazgo e o premiership”... afirmou o gobernador de Lazio. Aínda manténdose que o liderazgo de Berlusconi non está en discusión, o certo é que son moitos os intereses na coalición e moitos os interesados nunha promoción interna, así como nun novo reparto de poder dentro dela. Por iso, unha das palabras máis pronunciadas na Casa da Liberdade é a de “cambio”. Insisten en que o reverso sufrido nestas eleccións é o resultado dun desencontro cos intereses da cidadanía, ou ben un desencanto co liderazgo carismático do líder da dereita. A Rei morto, Rei posto. O horizonte electoral ábrese para os líderes da dereita, e non faltan oportunidades para deixarse ver, pois ó complexo sistema electoral das rexionais, nos que nalgúns casos se require unha segunda volta, hai que sumar o escaparate que supuxeron as derradeiras eleccións ó parlamento europeo e o vindeiro referendo sobre a reproducción asistida, que segundo o ministro do interior, Giuseppe Pisanu, se está a negociar para que poida celebrarse o 29 de maio. Pero se a Silvio lle moven a cadeira na propia casa, é aínda máis evidente a batida á que o someten os líderes da oposición. Na Casa da Liberdade, Silvio Berlusconi foi un escudo galvanízante contra as críticas, e a cara da dereita empresarial italiana. Agora, a opinión pública, aparentemente cansa desa imaxe, desconfía e reclama máis atención. Por primeira vez en moito tempo, arriscouse Berlusconi, a dar a cara nun debate televisivo a tres bandas que non ten moito que ver co que estamos habituados a ollar nos debates pactados da vida política española. Il Cavaliere tivo un cara a cara con Franchesco Rutelli e Massimo D’Alema para tratar os temas de actualidade en Italia. Neste debate, Berlusconi recoñeceu abertamente a desfeita de Forza Italia, e aprecia os resultados de L’Unione – a coalición de centro esquerda- como unha victoria que, adxectiva sen rubor, achega esa maioría con “pequenas prácticas clientelares”. Aquí tamén confirma a súa intención de non dimitir. D’Alema lémbralle que el foise cando sentiu que a coalición de esquerda se esgazaba, tal e como agora lle pasa a Berlusconi, e cando se sentía un estorbo para os intereses xerais do país. Defendeuse tamén das declaracións nas que demonizaba á esquerda, afirmando que non dixo que o goberno da coalición de esquerda podía traer de volta os tempos do terror, miseria e a morte... senón que había outros poderes paralelos controlados pola esquerda como son a maxistratura, o Consello do Estado, ou as universidades. Rutelli, con sorna, espetoulle: “e por iso quere pechar a escola pública”. Rutelli foi particularmente sarcástico con Berlusconi. Chegou a atacalo tan directamente como para dicir: “só é capaz de dicir a verdade cando di o seu nome e apelido!”... Outro dos temas sacados a colación foi o do desequilibrio norte/sur. Máis de 120 mil xoves se trasladan cara o norte, cada ano. O presidente do Cámara italiana, defendeuse dicindo que se fixera todo o humanamente posible, pero que non é doado facer milagres. En canto ás reformas institucionais, afirmou que quere ir adiante coas reformas constitucionais, porque cre que son necesarias e deben facerse, pero os lideres da esquerda aguillóano remarcando que son eles os que empuxan a reforma para que saia adiante, e se asegure o referendo. Cando finalmente fala das contas publicas, pasa ó ataque. Berlusconi afirma querer reducir o endebedamento por debaixo do 100%, pois o estado italiano é dos máis endebedados da Unión Europea, xunto con Bélxica. Tamén afirma que reduciu as taxas. Pero de novo a oposición cuestiona as súas aseveracións, e D’Alema córtao en seco: “A presión fiscal era de 42%, e despois de catro anos é de 41,8%. Así que...”. Está visto que as presas non son boas, e que non se pode arranxar nun só día a debacle padecida e a decrecente confianza en “Il Cavalire”. Non é cuestión de días malos, mais semella unha marea de fondo que crece cada día que pasa. Unha marea que o pode abeirar da vida pública. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2005 |