| Presenza-Opinión |
||
| Europa e a encrucillada orzamentaria Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 14/12/2005) |
||
|
A estratexia británica foi clara en todo momento. Non houbo ningunha proposta de acordo ate chegar ás fronteiras de decembro, case no último instante, o que provocou as airadas respostas dos homólogos continentais, que os acusaron de falla de compromiso co ideal europeo. A estrataxema de actuar no derradeiro instante impide a reacción dos socios, e ralentiza a súa resposta e os seus argumentos. Os spin doctor británicos, estaban á espera de que a angustia e a necesidade de achegar un acordo canto antes, despois dos sucesivos fracasos do referendo da constitución europea en Francia e Holanda e das negociacións do Consello Europeo de xuño, na que tamén se sentaron a preparar os orzamentos do 2007 ó 2013, e que foron verdadeiros fiascos, contribuíran aos resultados esperados. Estas negociacións de decembro representan a oportunidade de encarrilar as esperanzas europeístas nun encontro vital. Dende a illa, esfórzanse neste momento por abrandar as posturas dos socios a través dunha triple estratexia: a manipulación do limite temporal que lles outorga o poder xestionar o calendario da breve presidencia europea e a agonía do rápido paso do tempo entre cada Consello Europeo de Xefes de Estado e de goberno, do establecemento dunhas condicións inaceptables que impulsan ós seus socios a moverse dende a pasividade observadora cara a reforma como imperativo para poder empezar a falar, e por medio da manipulación dos datos da contabilidade da contribución europea, unha arma de dobre fío para confundir de forma interesada e facer demagoxia na propia casa. A fin de contas, o que en principio se trata de atallar, a contribución desigual do Reino Unido, e que de primeiras é estrictamente o “problema británico” de fondo, se converte en problemática continental, ó esixir reformas de todo tipo a tódolos socios. Toda esta nebulosa de reformas e requisitos impostos de antemán polo goberno de Tony Blair, que como se dunha metástase tratase estender a confusión, pretende simplemente, frear as reformas de tipo contributivo que se contradín coas pretensións de creación da Europa británica: o que popularmente se denomina a Europa dos mercaderes. Tendo en conta as políticas comunitarias, tanto á hora da ampliación como do perfeccionamento das funcións que as institucións europeas xa realizan, nalgúns casos dunha forma ben efectiva, parecen ben xustificadas as demandas de incremento de recursos, sobre todo tendo en conta a prioridade que parece representar a política rural e agraria para moitos dos estados, e que zuga case a metade das contribucións comúns. Dende este punto, non se entende que apostando por facer ampliacións, tal e como lle ocorre a Gran Bretaña, a máis ambiciosa valedora da adhesión de Turquía, ou empuxando a Europa da innovación e da investigación e o tamén necesario entretemento do rural, se obstaculice dunha forma tan interesada o depósito de recursos que lles son necesarios. É unha gran contradicción. En fin, a Europa benefactora pagada por outros. Algo sen fundamento que ninguén vai aceptar. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/12/2005 |