| Presenza-Opinión |
||||
| Despatrimonializando a UE Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 18/11/2005) |
||||
|
Sen dúbida, Peter Carl, antigo xefe da dirección xeral de comercio, un danés a quen se lle apuntan maneiras europeístas, é un home con decisión, e iso valeulle enfrontarse de forma directa ó responsable europeo para o comercio, o comisario británico Peter Mandelson. Dende o día 9 de novembro, o presidente da Comisión, José Barroso, durante as reformas do seu executivo (se así se lle pode chamar dalgunha maneira), substituíuno por David O’Sullivan, que era o secretario xeral da Comisión europea. As repercusións desta decisión non deberían ser graves se non fose polo significativo momento no que nos atopamos, a menos dun mes para a transcendental reunión do 13 ó 18 de decembro da OMC en Hongkong, onde a UE parece quedarse pouco a pouco arrecunchada, sen argumentos a prol da súa defensa. En efecto, un eventual acordo nese encontro de Hongkong, dependería esencialmente da xenerosidade dos negociadores europeos que tradicionalmente presentan unhas esixencias inasumibles no tocante ós produtos industriais e ós servizos, coa fin de negarse a asumir a responsabilidade única dunhas negociacións fallidas. O elemental segue a ser a apertura do mercado da agricultura ós países pobres, no que Francia non dá o brazo a torcer. E neste contexto, ensaríllanse unha serie de especulacións sobre o peso e o poder dos europeístas en comparación cos atlantistas. Como a rei morto rei posto, en Francia se reflexiona agora sobre cal vai ser a repercusión desta nova fichaxe para a xefatura da dirección de comercio. Para Francia, temerosa de que se chegue a un acordo en decembro concedendo máis do que son as propias liñas vermellas, un xefe da dirección de comercio irlandés é coma se fose inglés, porque comparten influencias americanas. Sen embargo, non caen na conta de que Irlanda partilla con Francia a oposición ás concesións que a Comisión desexaría consumar, accedendo ó beneplácito dos países en vías de desenvolvemento. Na outra cara da moeda, o Reino Unido, no cumio de Hampton Court, sospeitaba e temía un xiro europeísta que achegase a Comisión de Barroso a Francia e Alemaña, debido á iniciativa de Bruxelas de incrementar o gasto europeo para paliar o impacto das deslocalizacións e forzalos a chegar a un acordo sobre os presupostos comunitarios sen facer o mesmo fincapé no tema agrario. Vistos os movementos dun lado e doutro, hai que dicir que se cadra, non se trata máis ca dunha paranoia dos nacionalismos de cadaquén. Os franceses contan o seu peso, e o dos partidarios europeístas, partindo da cantidade de postos de responsabilidade que están rexidos polos seus nacionais, ou por aqueles do eixo franco-alemán que tradicionalmente gobernaban os destinos da Unión. Como pretenciosa e intencionalmente dan por sentado que os países do leste non teñen a suficiente experiencia, e que, por tanto, non se lles poden confiar cargos relevantes, a preocupación agroma cando se fai balance en postos de responsabilidade en políticas claves e concretas, nas que o eixo franco alemán perde pulo. Notables altos cargos en agricultura, comercio, a portavocía da Comisión, mercado interno, ou asuntos económicos e financeiros, cambiaron de mans ou así está previsto que sexa para principios de ano escapándose, segundo eles, ó seu “control”. Pola contra, cinco direccións xerais estratéxicas pasaron a mans de nacionais do Reino Unido: xustiza, competencia, asuntos internos e ampliación, que ademais unido ós irlandeses que dominan o secretariado xeral e agora a dirección xeral de comercio, con David O’Sullivan en cabeza, levarían –segundo os temores franceses– os destinos europeos polo camiño do liberalismo anglosaxón. Os demais, dependendo das afinidades cos gobernos que tocan, caen dunha ou doutra banda, europeísta ou atlantista. Nesta paisaxe maniquea, como se os demais non fosen relevantes a fin de contas, temos a impresión de que se conforma unha comparsa ou unha procesión de convidados de pedra. Por tanto, o descontento cidadá, a desconfianza e falla de interese, estará máis que xustificada con actitudes deste tipo. Actitudes que agochan os chanchullos da eurocracia dominados polos chamados Estados Nación. Ou o que é o mesmo, fraude. |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2005 |