| Presenza-Opinión |
||||
| Berlusconi e Prodi na Italia das rexións Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 01/04/2005) |
||||
|
Prodi, con maior tensión, deixouse ver no escaparate das eleccións rexionais, que el sabe que foron claves no afundimento do líder da esquerda hai cinco anos. Massimo D’Alema, daquela, se enfrontaba a un Berlusconi, líder da oposición. Eran tempos nos que medraba a insatisfacción e a demanda do cambio, despois de anos de convulsión polos casos de corrupción de principios dos noventa, con investigacións famosas como a “mani pulite”, onde o financiamento ilegal dos partidos saía á superficie. A intención de voto parece equilibrada e moito dependerá da capacidade sedutora dos líderes, dos programas das diferentes forzas a nivel estatal e rexional, do curso da campaña electoral, e da influenza que poidan ter acontecementos como o da rocambolesca liberación da xornalista Giuliana Sgrena, en Iraq. De saída, Berlusconi adoptou unha actitude reservada, e non emprendeu ata estes últimos días, unha postura atacante con demonizacións contra a esquerda (segundo el comunista e conspiradora), contra os xuíces, e a administración. A todos eles culpa de conxura contra a liberdade, e de querer impoñerse a través do Leviathan que representan as estruturas do estado, que se o dirixen eles, asegura, será autoritario. Para Berlusconi, o importante é centrarse en cuestións de política estatal e internacional, intentando non cometer erros, con malentendidos e chamadas a filas, de George Bush e Tony Blair. O presidente do goberno, pretende recoller votos no conxunto do territorio, e non de maneira concreta, por rexións. Eso si, sen deixar a un lado a conquista daquelas zonas de maior relevancia, como Lombardía, Piamonte, ou Lazio. Pero o ascenso da esquerda, faille improvisar a campaña e, en certo sentido, quentar o ambiente días antes da convocatoria rexional. En principio, Berlusconi non tiña pensado participar na campaña electoral, pero finalmente veuse obrigado a apoiar ós candidatos da “Casa da Liberdade” (CdL). Prodi, pola contra, ten unha actitude diametralmente oposta. A súa preocupación é que as rexionais funcionen como unhas primarias, e que sexan un test para medir o peso das coalicións a través do numero de gobernadores elixidos, e non en base á porcentaxe final. Dende o principio, apoiou ós candidatos da “Unión”, que por primeira vez, recolle a tódolos candidatos da esquerda, incluída “Refundación Comunista”.Para Prodi, que as eleccións rexionais funcionen como unhas primarias, significa comunicar a necesidade do cambio e a posibilidade de facer crible unha alternativa ó goberno italiano da dereita. Pero as forzas, igualadas como están, veranse afectadas por diversos condicionantes relacionados co novo pulo rexionalista, e con outros factores alleos ás rexións. Nesa onda de crecemento do rexionalismo, iniciada nos anos noventa, as rexións gañan maior influencia e protagonismo. E xa dende os setenta, os gobernos das rexións van arrancando poder do goberno central. En 1992, cincuenta consellos rexionais conseguiron un referendo para abolir varios ministerios e conquistar así, as súas funcións. O ministerio de Agricultura e de Turismo desapareceron entón. Hoxe, o factor territorial, ten maior peso na conciencia dos electores. E de feito, tres de cada catro electores, pensa que o rol do presidente da rexión incide dunha maneira moito ou bastante importante na súa vida cotián. Pero amais diso, a influencia rexional gaña peso coa elección directa do Presidente da Xunta Rexional, sendo proclamado presidente quen obtén o maior número de votos. Tendo en conta que de media, a metade dos electores coñecen ben os seus presidentes rexionais, isto implicaría, que o autonomismo gaña forza ó haber personalidades publicas, coas que se identificaría a autoridade rexional italiana. Por outra banda, debemos lembrar que o poder das rexións medrou en sectores claves para a opinión pública. O rexionalismo vai seguir reclamando unha maior cantidade de recursos económicos, a partires do momento en que se detente a nivel rexional as competencias centrais en materia de sanidade, os servizos sociais e mesmo a ordenación do territorio.Polo tanto, semella que día a día as rexións italianas conflúen, en aparencia, nun abano descentralizador cada vez mais próximo, por exemplo, ó español. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/04/2005 |