| Presenza-Opinión |
||
| Berlusconi e o centro político Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 05/09/2005) |
||
|
Os seus colegas da centro-dereitista “Casa das Liberdades”, sabedores das dificultades existentes para gañar as eleccións de 2006, non disimulan tampouco o seu esforzo por desmarcarse do polémico xefe do goberno e procuran gardar as distancias, quizais nun último intento por evitar ser arrastrados na súa caída. Para colmo, cuestionando a súa capacidade de liderazgo, propoñen novos candidatos para dirixir a Casa das Liberdades, e reclaman un cambio ideolóxico cara o centro. O último fustigador de Berlusconi foi un vello coñecido na política europea, un personaxe famoso polas ideas súas ideas progresistas, en favor da pervivencia da familia tradicional, o profundo respecto á muller fregapratos, grande amor ós gays e lesbianas, así como ós pro-abortistas. O noso home é Rocco Buttiglione, quen fora proposto como comisario italiano para a Comisión Europea por Berlusconi, cando o actual presidente da Comisión Europea, José Manuel Barroso, saíra elixido para o cargo de presidente, e intentaba conformar o seu equipo. Buttiglione aparece en escena para retribuír o favor a Berlusconi, o home que lle deu a oportunidade de darse a coñecer internacionalmente, abochornando ós seus compatriotas cunhas ideas, como pouco, retrógradas. Pero pagoulle dunha forma un tanto inesperada e desconcertante: propoñendo, nada máis e nada menos, que a decapitación do seu líder. E como a rei morto rei posto, mesmo adiantou o nome do que podería ser un candidato alternativo, Roberto Formigoni, un home de Forza Italia, que ven de gañar as eleccións na rexión de Lombardía batendo a Riccardo Sarfatti. Segundo Buttiglione, Formioni sería un excelente candidato como novo xefe do centrodereita. Ademais, a coalición quedaría en mans do mesmo partido, Forza Italia. E, non obstante, afirma tamén que non é cuestión de facelo líder a correr, que xa terá tempo cando chegue ás institucións. Segundo este ilustre representante dos valores europeos, o carisma consolidase nas institucións, e o importante é chegar a elas. Tódalas direccións dos principais candidatos e formacións apuntan cara o centro. Ata as organizacións de centro esquerda e centro dereita máis próximas, comezaron xa a dialogar. Proba diso é o chamado “Patto di Telese”, un acordo de mínimos no campo dos valores e da política exterior entre Francesco Rutelli, Marco Follini e Clemente Mastella, –líderes respectivamente do partido de centro esquerda Margarita-Democracia e Liberdade e do centro-direitista Unión de Demócrata-Cristianos (UDC) e do UDEUR (un partido con forte implantación rexional que pretende ampliar o rol decisor do centro fronte á polarización da etapa Berlusconi)–, coa intención de dar cabida a iniciativas que converxan nun grande centro político, onde se situaría a maior cantidade de electores, para así evitar o bipartidismo malsán creado polas coalicións, da Casa das Liberdades e os Olívicos. Xa houbera tamén a proposta dunha lista única do centro por parte de Marco Follini para as europeas, que finalmente non callou. Pero Buttiglione non está só no seu labor. Outro amigo de Berlusconi é Ferdinando Casini. Igual que Follini, Casini propugna tirar cara o centro con toda a coraxe necesaria, aínda a risco de romper a coalición da Casa das Liberdades. Ambos preséntanse como a viva encarnación do centro político. Follini pretende un liderazgo dos moderados como núcleo, a sabendas de que iso significa buscar un novo candidato para a coalición de centro-dereita, ou ben romper a baralla e inventarse outras coalicións alternativas. Pero Berlusconi non tira a toalla e amósase disposto a “sacrificarse” de novo para aspirar a outro mandato. O idilio amoroso entre Berlusconi e o poder é ben coñecido e non admite divorcios. O primeiro ministro intenta consolidar posicións reuníndose un día cos líderes da Liga Norte e outro cos de Alianza Nacional. Os centristas, en troques, saben que o gran problema é Berlusconi, convertido nun obstáculo que impide o paso libre a futuros candidatos, e a renovación do discurso na coalición. Coa súa popularidade caendo en picado e con escasas posibilidades dun cambio de tendencia, sería un suicidio apostar por el como cabeza dunha liga de partidos de centro. Berlusconi, despois de polarizar ata o extremo a vida política italiana, a súa asociación coa dereita do espectro político, complica calquera viaxe crible a posicións centristas. Esa tensión cos seus socios pode levar a rupturas e reformulacións que, a bo seguro, animarán os próximos meses da política italiana. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 04/09/2005 |