| Presenza-Opinión |
||
| A secesión belga Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 01/12/2005) |
||
|
En Bélxica, cando se cumpren os 175 de creación do reino, tres comunidades conviven a pesares das diferencias: flamencos, valóns e a comunidade xermana do leste do país, que quedou inserida dentro das fronteiras belgas logo da segunda guerra mundial. Non obstante, durante moito tempo, o sur valón foi o corazón e o pulmón económico do país debido á súa industria do carbón e do aceiro. Daquela, miles de inmigrantes italianos, españois e portugueses encamiñáronse cara as fronteiras da Valonia coa esperanza de aproveitar o pulo da industrialización. Pero aqueles tempos escapáronse sen deixar outra pegada que non fose a reconversión industrial con todos os seus custos, os museos das minas, e uns poderes públicos que non paran de sufocar os escándalos de corrupción, curiosamente do alí partido hexemónico da esquerda (o Partido Socialista), co seu líder Elio Di Rupo. Pola contra, a outra parte do país, o Flandes dos teares e das fiados, sempre aberta ó mar e ás influencias anglosaxonas, perviviu nun equilibrio envexable entre o propio e o alleo, entre a tradición e a innovación, combinando o patrimonio histórico e a diversificación industrial. Despois da segunda guerra mundial comezou a inversión da situación ata chegar á etapa na que nos atopamos hoxe. Moitas foron, ate agora, as reclamacións de separación por parte do norte flamenco máis rico, que tivo continuidade esta semana cun novo episodio deste desencontro. Unha cincuentena de persoeiros flamencos da esfera económica, que conforman o think tank Flemish Warande, reclaman a disección formal do país e avogan pola creación dun estado flamenco, en razón da maior distancia que cada día os separa da capital, Bruxelas. Entre os participantes neste think tank, encóntranse destacadas personalidades do De Standaard ou do xornal económico de Flandes, e o máximo impulsor é o que fora dirixente da banca KBC, Remi Vermeiren. En efecto, Bruxelas, unha cidade de orixe flamenca que medrou demograficamente na calor das instancias europeas, duplicou a súa poboación en 15 anos, pasando a contar cunha poboación de máis dun millón de persoas. A progresiva chegada de estranxeiros contribuíu a que o francés impuxérase como lingua de comunicación ordinaria, e mesmo nalgúns contextos, o inglés chega a dominar como lingua habitual. O flamenco e os flamencos, convertéronse nunhas personaxes exóticas que ven os ámbitos de uso do seu idioma restrinxidos debido a que cada vez é maior o número de cidadáns residentes en Bruxelas que non son capaces de comprender nin expresarse nesta lingua. Por outro lado, a capital belga pasou a ser máis o centro de decisión europeo que capital Belga, e o federalismo progresou potenciando a diferenciación entre as rexións con capital propia. Polo tanto, o grupo Warande reclama que Bruxelas pase a ser un distrito baixo control comunitario e que a UE se encargue da súa xestión. Isto é francamente novidoso porque, por primeira vez dende Flandes, hai unha voz de renuncia á suposta orixe flamenca da capital belga, en favor da busca da liberdade da comunidade flamenca. Como Flandes e Valonia están cada día máis separados, tamén imponse a separación no tocante ós custos do estado social e, en concreto, a seguridade social e a solidariedade entre rexións. En efecto, estas posturas reflicten as opinións do Vlaams Belang, que é o herdeiro directo do Vlaams Blok, logo da persecución que sufriu nos tribunais durante o 2004 polas súas teses racistas. O Vlaams Blok era un partido da extrema dereita sobre o que se estableceu un cordón de seguridade, unha especie de acordo entre o resto das forzas políticas para non pactar con eles a pesares de ser a segunda forza máis votada en Flandes e que, convertido en Vlaams Belang (Interese flamenco), mantén as teses independentistas, a protección contra a inmigración e avoga polo mercado libre. No 2007 negociarase de novo a xestión institucional belga, e proporanse reformas. Neste momentos, a tensión agroma. Aínda que os empresarios non respaldaron maioritariamente o comunicado que propón a división de Bélxica e a desaparición da monarquía, a iniciativa serviu para avivar o debate unha vez máis. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/12/2005 |